O Pabellón de O Porriño será escenario dun momento histórico este domingo 23 de marzo. O equipo Conservas Orbe Zendal BM Porriño xogará, por primeira vez, unha semifinal da EHF European Cup. O encontro, que se disputará ás 19:00 horas, terá como rival ao equipo checo HAZENA KYNZVART.

Este fito deportivo foi posible grazas ao seu gran traballo e a súa gran tempada, e tamén ao apoio de diferentes entidades públicas e privadas. O Concello de O Porriño aprobará unha subvención extraordinaria de 10.000 euros para axudar a cubrir os gastos da competición. Esta achega sumarase á subvención nominativa que o club recibe anualmente, sendo o Concello o principal patrocinador da entidade.

“Esta achega extraordinaria de 10.000 euros é un respaldo ao enorme esforzo do BM Porriño, que está levando o noso nome por Europa. Seguiremos apostando polo seu crecemento e polos valores que transmite”, declarou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Dende o Concello destacan a súa aposta firme polo deporte e o respaldo a un club que leva trece tempadas consecutivas na División de Honor Feminina. A pasada campaña, o BM Porriño alcanzou o cuarto posto na liga, o que lle permitiu clasificarse por segunda vez para unha competición europea. Na súa primeira clasificación, o equipo viuse obrigado a renunciar por falta de recursos económicos. Nesta ocasión, grazas ao apoio institucional e ao respaldo de patrocinadores, logrou superar catro eliminatorias e atópase ás portas dunha final histórica.

“Sentimos moita responsabilidade, pero tamén vemos que temos moitas posibilidades de chegar á final”, explicou Ismael Martínez, o adestrador do BM Porriño. “Estamos moi arropados polo pobo e pola afección. Tentaremos devolver ese apoio”.

“Queremos levar a Porriño á final, e levalo con orgullo”, contou Sarai Sanmatín, a capitana do equipo. “Sabemos que esto pode ser unha alegría para o pobo e as sensacións son moi boas, competimos soñando coa final”. 

Se logra o pase, o BM Porriño disputará a final da EHF European Cup no mes de maio, marcando outro fito para o balonmán galego.