O Porriño, 19 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño concede, por primeira vez, as Becas Antonio Palacios aos mellores expedientes académicos da PAU do noso municipio, unha iniciativa coa que se recoñece o esforzo e a excelencia do alumnado de 2º de Bacharelato que acadou as mellores cualificacións na Proba de Acceso á Universidade (PAU).

O Concello concederá un total de 15 axudas de 300 euros cada unha, destinadas a apoiar os estudos universitarios do alumnado con mellores resultados. A selección do alumnado realizouse atendendo a unha nota igual ou superior ao 8,5 na fase xeral da PAU.

A entrega simbólica destas becas terá lugar nun acto institucional no Concello do Porriño nos vindeiros días, co obxectivo de homenaxear ao alumnado galardoado e poñer en valor o papel dos centros educativos e das familias no proceso formativo. As becas levan o nome de Antonio Palacios, arquitecto porriñés de renome, como símbolo do compromiso do Concello coa cultura, o coñecemento e a formación.

O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca que “é un orgullo para todo o municipio contar conestudantes deste nivel. Con estas becas queremos premiar o esforzo, recoñecer o talento e apoiar o futuro académico da nosa mocidade”.

As persoas galardoadas poderán acceder a estas axudas unha vez se publiquen as correspondentes bases reguladoras, que establecerán os requisitos e condicións para a súa concesión.

O Concello do Porriño continúa así a súa aposta decidida pola educación de calidade e polo apoio ás novas xeracións como base do desenvolvemento social e persoal do municipio.