O Porriño, 31 de maio de 2025.– O Concello do Porriño celebrou esta semana unha nova edición da campaña “Quere o teu mercado” cun showcooking especial do cociñeiro Julio Mato, que tivo lugar nas instalacións da Praza de Abastos.
Trátase dunha actividade aberta ao público na que as persoas asistentes puideron gozar da elaboración en directo de tres pratos sorprendentes, feitos con ingredientes de proximidade:
● Ensalada líquida
● Bocadillo de costela a baixa temperatura, encurtido galego, pan do Porriño e “a salsa definitiva”
● Tarta de Santiago 3.0
“Quere o teu mercado” é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha iniciativa que a Xunta de Galicia promove en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. O obxectivo é poñer en valor o comercio local, os produtos de proximidade e o papel fundamental que xogan os mercados nas nosas vilas.
Todos os produtos empregados por Julio Mato na preparación das receitas puideron ser adquiridos no propio mercado municipal do Porriño, demostrando así que a nosa praza ofrece todo o necesario para elaborar pratos orixinais, saudables e cheos de sabor.
Durante o showcooking, tamén se puxo o mandil o Alcalde Alejandro Lorenzo, que se animou a preparar os diferentes pratos. Cun toque de humor e moitas ganas, demostrou que non hai mellor receita que apostar polos produtos da casa e gozar da experiencia de cociñar en boa compañía.
Desde o Concello do Porriño seguimos apostando polo pequeno comercio, apoiando á nosa praza e fomentando hábitos de consumo sostibles e de proximidade. Na nosa Praza de Abastos podes atopar, ademais de boa xente, peixarías, carnicerías, fruterías, floristerías, supermercado e outros negocios locais que traballan cada día para ofrecernos calidade, trato próximo e produto fresco.
Animámosvos a facer a vosa versión dos pratos mencionados e a subir un vídeo ou unha foto ás vosas redes sociais etiquetándonos.