O Porriño, 6 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño celebrará esta fin de semana, os días 7 e 8 de xuño, a primeira edición do Fli-Po Market, un mercado pioneiro que converterá a Praza 8 de Marzo (Avenida de Galicia) nun espazo de encontro arredor da economía circular, o consumo responsable e a participación cidadá.

O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca a importancia deste mercado como unha acción innovadora e comprometida co medio ambiente, subliñando que “o Fli-Po Market supón unha oportunidade para concienciar á cidadanía sobre a importancia de reducir residuos e apostar pola reutilización, co obxectivo de converter O Porriño nun referente en iniciativas sostibles”.

Organizado polo Concello do Porriño, o Fli-Po Market nace co obxectivo de promover hábitos de consumo sustentables e dar visibilidade a proxectos baseados na reutilización, a reciclaxe e a creatividade. Ofrecerá un espazo para a compra, venda e intercambio de produtos de segunda man. Ademais, contará cunha ampla programación de actividades lúdicas, música en directo e unha variada oferta gastronómica con postos de comida.

 

PROGRAMACIÓN COMPLETA

SÁBADO 7 DE XUÑO

  • 11:00 h – Apertura do Mercado de artesáns e deseñadores sostibles.
  • 14:30 h – Actuación musical de Sálvora Trío.
  • 16:30 h – 18:00 h – Obradoiro de macramé con refugallos téxtiles, a cargo de Hypathia.
    Obradoiro de petos de macramé con refugallos téxtiles sobre camisetas recicladas. Podes traer a túa propia camiseta ou entregaráseche unha reciclada.
    Para maiores de 11 anos – Máximo 15 prazas.
  • 18:30 h – 20:00 h – Obradoiro “Do vidro á eco-creatividade”, por Kolbéh.
    Elaboración de floreiros con materiais reciclados. Podes traer o teu recipiente ou proprcionaráseche un reciclado. Para maiores de 11 anos – Máximo 15 prazas.
  • 20:30 h – 22:30 h – Sesión musical con DJ Rapante.

DOMINGO 8 DE XUÑO

  • 12:00 h – Apertura do Mercado Popular.
  • 12:15 h – 13:45 h – Charla/Obradoiro con Retoque Retro: Arte cos residuos do mar.
    Obradoiro dirixido a todos os públicos, incluídas familias con nenos/as.
  • 13:45 h – 15:45 h – Actuación musical de Bafana Bafana.
  • 17:00 h – 18:30 h – Charla/Obradoiro con Inda Gargamala: Fractais sobre madeira reciclada.
  • 19:00 h – 19:30 h – Actuación de Laura Carmona, participante de La Voz Kids 2025.
  • 19:30 h – 21:30 h – Actuación musical de Somoza Trío.
  • 21:30 h – Peche do mercado e sorteo da persoa gañadora.

Desde o Concello do Porriño anímase a toda a veciñanza e persoas visitantes a participar activamente neste mercado único, que combina cultura, sustentabilidade e lecer para todos os públicos.