- Os 20 participantes no obradoiro “O Porriño Humaniza” formáronse en albanelería e realizaron labores de mellora de espazos e edificios públicos cun contrato de traballo
- O alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira Rosario Costas fixeron hoxe entrega dos certificados de profesionalidade
O Porriño, 11 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño celebrou hoxe o acto de clausura do obradoiro de emprego “O Porriño Humaniza”, no que participaron un total de 20 persoas desempregadas das especialidades de albanelaría (urbanización) e albanelaría (traballos de pintura). No transcurso do acto fíxose entrega dos certificados de profesionalidade acreditativos da formación recibida ao longo dos últimos nove meses, que avalan oficialmente as competencias adquiridas nas diferentes especialidades.
“Este obradoiro representa perfectamente o que queremos para O Porriño: formación de calidade, oportunidades reais de inserción laboral e, ao mesmo tempo, unha mellora visible dos nosos espazos públicos. Hoxe non só entregamos certificados, senón que recoñecemos o esforzo, o compromiso e a capacidade de superación destas 20 persoas e é por iso que desde o Concello continuaremos apostando por iniciativas que xeren emprego e futuro para a nosa veciñanza”, sinalou durante o acto o alcalde Alejandro Lorenzo, acompañado da concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.
O obradoiro supuxo unha inversión de 456.978 euros, dos cales 411.982 euros foron aportados pola Xunta de Galicia e a parte restante con fondos municipais. No programa combinouse teoría e práctica, así houbo unha primeira etapa formativa de iniciación, que o alumnado traballador recibiu formación profesional adecuada á ocupación xunto cunha remuneración e, unha segunda na que se complementou a súa formación en alternancia co traballo e a práctica profesional. “Trátase dun proxecto no que os participantes adquiren a formación profesional e a práctica laboral necesaria a través dun contrato de traballo, realizando á vez obras e servizos de utilidade pública ou interese social”, explica a concelleira. Neste caso concreto, levaron a cabo a renovación de beirarrúas, nun tramo de 600 metros, na avenida principal do Polígono da Granxa traballos de pintura en edificios municipais e marcado de 35 prazas de mobilidade reducida.
Foron un total de 1.440 horas logo das cales os 20 participantes puideron recolles os seus certificados de profesionalidade, dez deles recibiron os de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, operacións de formigón e pavimentos e albanelería de urbanización, e os outros dez o de operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e pintura decorativa en construción.
O alcalde destacou “a importancia deste tipo de programas para facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas, ofrecéndolles unha formación certificada e experiencia laboral real” e felicitou ao alumnado polo esforzo e compromiso demostrado ao longo de todo o proxecto.
“As persoas participantes non só adquiriron unha cualificación profesional recoñecida oficialmente, senón que tamén tiveron a oportunidade de demostrar o seu talento e compromiso mellorando servizos e espazos do Porriño. Para nós, desde a área de emprego, é unha prioridade seguir promovendo programas que combinen formación, dignidade e oportunidades reais de futuro”, puntualizou a concelleira.
O obradoiro “O Porriño Humaniza” contribuíu non só a mellorar a empregabilidade dos seus participantes, senón tamén a mellorar espazos públicos do municipio, reforzando o compromiso do Concello coa formación, o emprego e a mellora continua da vila.