O Porriño, 27 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño apoia ao Comercio Local e colabora coa Cámara Oficial de Comercio de Tui que impulsa unha nova edición do Programa de Apoio ao Comercio Minorista co obxectivo de reforzar a competitividade e modernización do pequeno comercio local.

O programa está dirixido ás pequenas e medianas empresas do sector comercio que teñan o seu domicilio social e/ou centro produtivo no municipio do Porriño, e ofrece servizos totalmente gratuítos que contribúen á mellora das súas capacidades e posicionamento no mercado.

As actuacións previstas inclúen:

  • Diagnóstico individualizado e entrega dun informe con recomendacións de mellora (previsto para xullo e agosto de 2025).
  • Xornada presencial de sensibilización en materia de escaparatismo (setembro de 2025).
  • Titoría personalizada de escaparatismo por cada comercio participante (outubro de 2025).

O número total de prazas dispoñibles é de 16, e a selección das empresas participantes realizarase por estrita orde de entrada das solicitudes.

Segundo destacou o Alcalde, Alejandro Lorenzo, “desde o Concello continuamos apostando por apoiar ao noso tecido comercial, ofrecendo oportunidades reais para a súa profesionalización e adaptación aos novos retos do mercado”.

Requisitos e presentación de solicitudes

As empresas deberán estar dadas de alta no CNAE-2009 Grupo 47 ou nos epígrafes 64, 65 ou 66 do IAE (excepto farmacias), estar legalmente constituídas e desenvolver a súa actividade no Porriño.

As solicitudes poderán presentarse:

  • Presencialmente na sede da Cámara de Comercio de Tui (Rúa Augusto González Besada nº 15, 1º dereita), de luns a venres en horario de 08:00 a 15:00 horas.
  • A través da sede electrónica: http://sede.camara.es/sede/tuy/

Prazo de inscrición

O prazo de presentación estará aberto desde o 4 de xullo de 2025 ás 08:00 horas ata o 5 de setembro de 2025 ás 15:00 horas, ou ata esgotarse as prazas dispoñibles.

Toda a información e documentación necesaria estará dispoñible na web www.camaratui.es e na sede electrónica da Cámara. 

O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co comercio local como motor económico e social do municipio, e continuará promovendo accións que melloren a competitividade, visibilidade e profesionalización dos pequenos negocios, conscientes do seu papel esencial na vida diaria da veciñanza.