- O alcalde Alejandro Lorenzo estivo esta mañá na praza de abastos promovendo esta iniciativa que aposta polo produto fresco e de proximidade, poñendo en valor o trato personalizado do comercio local
O Porriño, 6 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño únese á iniciativa do Bono Peixe en apoio a este sector. “Continuamos impulsando e colaborando cos nosos comerciantes, que nos ofrecen a diario produto fresco e de calidade, xunto cun trato personalizado e de confianza”, explicaba o alcalde Alejandro Lorenzo nunha visita esta mañá á praza de abastos da localidade.
Nesta ocasión trátase dunha campaña da Xunta de Galicia para promover o consumo de produtos do mar adquiridos nas peixerías tradicionais e postos da praza de abastos, ademais de en supermercados que conten con peixería. As persoas interesadas deben descargar o bono desconto de ata 50 euros na páxina web bonopeixe.gal para poder gastalo nos diferentes establecementos e operadores comerciais participantes. En cada compra de peixe e marisco fresco o cliente pode obter un desconto do 25 % do importe, establecéndose como máximo 5 euros por compra.
O Concello do Porriño pon en valor así o papel fundamental das peixerías da praza de abastos na dinamización da economía local, na promoción de hábitos saudables e na defensa do produto fresco e de proximidade. “Mercar aquí é apostar polo noso, pola economía local e polo futuro do Porriño”, concluíu o alcalde.