O Porriño, 3 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño, en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), pon en marcha a campaña promocional “Adianta o verán”, que se desenvolverá do 2 ao 20 de xuño de 2025, ou ata esgotar rascas, co obxectivo de dinamizar e fomentar o comercio local no inicio da tempada estival.

Esta iniciativa ofrece aos veciños e veciñas do Porriño a oportunidade de participar de xeito gratuíto nunha promoción na que poderán gañar bolsas neveriñas e bolsas de praia, incentivando así a compra nos establecementos asociados a ACIPOR.

Durante a campaña, os comercios participantes entregarán rascas aos seus clientes por cada compra realizada, que poderán ser canxeados ata o 23 de xuño de 2025 nos establecementos colaboradores: Lola, Zafiro, Lencería Tere, MariVa, Rayuela, La Antigua Mueblería, Mapa e Congelados Frandi.

En total, a promoción conta con 42 bolsas neveriñas e 78 bolsas de praia como premios, e está aberta a todas as persoas físicas que fagan compras nos establecementos asociados durante o período da campaña.

Desde o Concello do Porriño sublíñase a importancia de apoiar ao comercio local como motor económico e social da vila, e animan a toda a cidadanía a participar nesta campaña, que reforza a vinculación entre comercio e veciñanza.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa ACIPOR a través do correo escoladetempolibre@avada.gal ou do teléfono e WhatsApp 641 10 97 16.

O Concello do Porriño continúa traballando para fomentar iniciativas que impulsen o desenvolvemento económico local e o benestar da súa cidadanía.