- Debido á previsión de fortes precipitacións para esta fin de semana, o Concello do Porriño apraza a celebración do Fli-Po Market e reabre o prazo de inscrición ata o 30 de maio.
O Porriño, 2 de maio de 2025.– O Concello do Porriño informa que, debido á previsión de fortes choivas para esta fin de semana, o Fli-Po Market queda adiado. O evento celebrarase finalmente os días 7 e 8 de xuño, mantendo o seu emprazamento na Praza 8 de Marzo (Avenida de Galicia).
A decisión foi adoptada mediante Decreto de Alcaldía co fin de garantir a seguridade das persoas asistentes e participantes, así como o bo desenvolvemento de todas as actividades programadas.
Co cambio de datas, ábrese tamén un novo prazo para a presentación de solicitudes, co obxectivo de facilitar a incorporación de novas propostas. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 30 de maio ás 14:00 horas, conforme ás condicións recollidas nas bases dispoñibles na web municipal.
O Fli-Po Market, organizado polo Concello do Porriño, é unha iniciativa pioneira para fomentar o consumo responsable e dar visibilidade á economía circular. O evento contará con postos de venda, troco e doazón de produtos de segunda man, ademais dunha ampla programación que incluirá obradoiros creativos, concertos, actividades infantís e propostas gastronómicas.
Desde o Concello anímase a toda a cidadanía e visitantes a participar nesta edición reprogramada, que combina sustentabilidade, cultura e lecer nun formato innovador e inclusivo.