- Esta mañá comezaba o asfaltado nun deles co que se pecha un proxecto de máis de 177.000 euros que terá continuidade con novas actuacións para a mellora da seguridade viaria
O Porriño, 27 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño rematará nestes días un proxecto de camiños municipais que supuxo unha inversión de máis de 177.000 euros no que se inclúen diversos viarios nas parroquias de Torneiros, Mosende e Pontellas. Precisamente esta mañá o alcalde Alejandro Lorenzo visitou os traballos de asfaltado nun deles, no lugar de Casal de Vello, que se prolongarán ao longo do día de hoxe e mañá. O principal obxectivo é a reposición do firme para unha mellora da seguridade viaria, así “estas obras responden á necesidade de manter en bo estado a extensa rede de camiños municipais que temos no Porriño, moitos deles con gran tránsito diario. Non se trata só de mellorar a comodidade dos desprazamentos, senón tamén de garantir a seguridade de todas as persoas usuarias, peóns e condutores, e dar resposta ás demandas da veciñanza, que levaba tempo reclamando estas melloras”, sinalou o rexedor.
E por iso que este é un máis dos diferentes proxectos que ten levado e seguirá levando a cabo o goberno local centrado na mellora dos numerosos viarios municipais existentes, tanto no centro urbano como, sobre todo, na zona rural das diferentes parroquias. O alcalde mantense na premisa sostida dende o inicio do seu mandato e fai fincapé en que “é moi importante que a veciñanza que paga os seus impostos teña cubertos os servizos básicos e esenciais como pode ser o saneamento, a recollida do lixo e tamén este de mantemento das infraestruturas viarias. Sempre o foi e seguirá sendo unha das nosas prioridades ao fronte do goberno municipal”, remarca.
Neste proxecto en concreto contémplanse cinco actuacións, unha no lugar da Louriña, no viario que une Mosende e Pontellas e outras catro en Torneiros: unha entre as estradas EP-2401 e PO-331, outra na intersección na súa parte sur coa mesma estrada provincial 2401, en dúas zonas destinadas a aparcamentos nos polígonos I e II e a do lugar de Casal Vello a onde hoxe se desprazou o alcalde.
En todas elas leváronse a cabo actuacións previas de limpeza e desbroce, tamén movementos de terras, rehabilitación de firmes e pavimentos, traballos de drenaxe, colocación da sinalización horizontal e nalgún caso incluso a execución dun tramo de beirarrúa e ampliación de zona destinada ao estacionamento de vehículos