Trátase dun proceso no que nenos, nenas e adolescentes dos distintos centros públicos do Porriño, terán a oportunidade de expresar a súa opinión sobre aqueles aspectos que mais lle preocupen, así como tamén achegar as propostas de solución que consideren, co compromiso de que serán tidas en conta polo Goberno Municipal.
Na mente do Concello está presentarse ao ‘Recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia’, que promove UNICEF, e polo tanto trata de camiñar cara unha política local de infancia baseada nun diagnóstico da realidade dos nenos e nenas e da localidade, realizada de forma participativa.
Lourdes Moure, Concelleira de Xuventude e Educación, a través da súa OMIX , e promotora da iniciativa considera que “o papel dos centros educativos é fundamental para iniciar este camiño, xa que ademais de axudarnos a chegar ao conxunto da poboación implicada, poden converterse nos principais dinamizadores da devandita participación”, polo que mantivo unha xuntanza con representantes dos centros escolares para presentarlles a iniciativa e coordinar con eles a súa posta en marcha.
Nesta primeira toma de contacto a concelleira comprometeuse tamén darlles a palabra aos nenos e ás nenas do municipio nun ‘Pleno infantil’ que se realizará no mes de novembro, co motivo da conmemoración do Día dos Dereitos da Infancia.
O Concello pretende con isto, sentar as bases dun futuro órgano estable de participación infantil, xa que este tipo de accións non deben ser puntuais, polo tanto xa están previstas tamén outras iniciativas como a instalación de caixóns de suxerencias nos centros escolares, ou habilitar unha conta de correo na que calquera persoa poda realizar as súas aportacións.