O Concello do Porriño comeza a partir de hoxe xoves, 1 de outubro, a realizar as desinfeccións diarias dos colexios públicos e das dúas escolas infantís segundo os protocolos anti-covid. Trátase dunha competencia impropia que o Concello realiza pero que non lle corresponde. De xeito que, como outros concellos limítrofes (Gondomar ou Nigrán), realizase polo axuntamento que despois facturará os gastos á Xunta de Galicia que é a administración que ten esa competencia.
A Concellería de Educación que dirixe Lourdes Moure decidiu asumir esas tarefas de desinfección “xa que ante todo, os nenos e nenas son porriñeses e o Concello non vai permitir que estean en situacións de risco”, manifestou.
A tal fin, realizouse un contrato menor para que unha empresa, “Limpezas Cíes”, faga a diario esas desinfeccións nas zonas comúns dos colexios públicos e da escola unitaria de Mosende así como nas “Galiñas Azuis” de Torneiros e rúa Doantes de Sangue.
A vixencia do contrato é ata mediados de decembro, ata que comecen as vacacións de Nadal nos centros de ensino.