• O alcalde Alejandro Lorenzo salienta que a medida responde ao forte crecemento demográfico e ao atractivo do municipio para as familias, “O Porriño é un municipio de oportunidades e necesitamos máis vivenda para acompañar o crecemento que estamos a experimentar”

O Porriño, 25 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño celebra a decisión adoptada polo Consello da Xunta de Galicia, que vén de autorizar o inicio da tramitación do expediente para declarar de interese autonómico o ámbito destinado a habilitar solo residencial na contorna do pavillón municipal de deportes, dentro do sector SUR-PPR-2, cunha superficie total de 4,3 hectáreas.

Esta actuación permitirá transformar o solo urbanizable para crear 300 novas vivendas, das cales 240 estarán sometidas a réxime de protección pública, ademais de incorporar novos espazos libres e zonas verdes vencelladas ao río Couso, respectando a contorna natural e ampliando as zonas públicas de esparexemento.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, cualifica esta medida como “unha excelente nova para o noso municipio, que chega nun momento no que O Porriño está a experimentar un crecemento sostido e moi significativo”. O rexedor subliña que “O Porriño é un dos concellos que máis medra en poboación na provincia e en toda Galicia, cunha das taxas de natalidade máis altas da contorna, que se reflexa por exemplo en que neste curso escolar fomos o único municipio da área que aumentou o número de matrículas, un indicador claro de que seguimos sendo un lugar atractivo para as familias”. Outro indicador do incremento da poboación reflexouse nas últimas eleccións municipais, na que a corporación incrementouse en número de concelleiros ao superarse oficialmente os 20.000 habitantes. “Isto non é unha casualidade, senón o reflexo dun municipio dinámico, vivo e en expansión, que necesita máis vivenda para acompañar este crecemento e garantir un futuro sólido para a súa veciñanza”. Segundo o alcalde, “O Porriño é hoxe un municipio de oportunidades, atractivo para vivir, traballar e formar unha familia, e proxectos como este consolídanos como un dos concellos con maior proxección da área metropolitana”.

Dende o Concello expresan o seu compromiso para colaborar coa Xunta de Galicia en todos os trámites necesarios co obxectivo de que o proxecto avance con axilidade e se converta nunha realidade canto antes, contribuíndo a ofrecer vivenda accesible e a planificar o crecemento do municipio de forma ordenada e sostible.