A alcaldesa, Eva García de la Torre, e representantes de clubs e asociacións deportivas do Porriño, realizaron este martes a sinatura ‘simbólica’ dos convenios de colaboración deportiva que o Concello ten con cada un deles.
Estes convenios, como subliñou a alcaldesa –que dende este martes é ademais a responsable de Deportes- “supoñen, como levamos defendendo dende que chegamos ao Goberno local hai case catro anos, unha aposta forte, decidida, continuada e constante con todas as modalidades deportivas que se practican na nosa vila e, esencialmente, coa formación de novos deportistas, nas categorías inferiores dos nosos clubs”.
Eva García de la Torre sinalou que a sinatura este 2019 é ‘simbólica’ porque a mesma xa se pode realizar on line, por medio do programa ‘Xestiona’, tal e coma coñecen os responsábeis deportivos.
En total, o Concello do Porriño destina a estes convenios 600.000€ que, sinalou Eva García de la Torre, grazas ao traballo dos técnicos e funcionarios municipais e ao impulso da xestión telemática, que permitirá que os nosos clubs poidan cobrar xa o 80% do importes dos mesmos.
A alcaldesa lembrou que “O Porriño é, sen lugar a dúbidas, o Concello do Deporte posto que destina á actividade deportiva, máis dun millón de euros”. Esta cantidade representa preto do 6% dos 17 millóns que ten o Concello do Porriño de orzamento total anual, “unha porcentaxe que deixa ben claro noso compromiso cos deportistas, adestradores, técnicos, xuíces, aficionados e directivos dos nosos clubs”.