- O pleno apróbao inicialmente, ao igual que a ordenanza de préstamo de biotrituradoras
Cun minuto de silencio polas vítimas da masacre e traxedia que está a suceder en Gaza, así foi como comezou o pleno desta mañá do Concello do Porriño. A aprobación da conta xeral foi un dos primeiro puntos da orde do día desta convocatoria ordinaria, correspondente ao mes de setembro, ao que sucedeu a adxudicación da subministración eléctrica para os vindeiros anos e a aprobación inicial, por unha parte do regulamento de funcionamento das escolas infantís municipais de Pontellas e Budiño, que se prevé abran as súas portas o vindeiro ano, e por outra, dunha ordenanza reguladora para o préstamo de biotrituradoras.
No apartado de mocións aprobouse solicitar o reforzo urxente da Oficina de Correos do Porriño e tamén orientadores, especialista e profesionais de apoio para o CEIP Xosé Fernández López. Por outra banda, levouse adiante unha moción en relación ao Servizo de Atención no Fogar (SAF), de xeito que se incluirán peticións das traballadoras na ordenanza reguladora de dito servizo, así como tamén un protocolo específico que figurará nos novos pregos do contrato, que será de cumprimento por parte da empresa adxudicataria co obxectivo, entre outros, de garantir a máxima protección fronte a calquera tipo de risco por parte das traballadoras.