• A iniciativa repartirá 3000 euros en vales para incentivar as compras no comercio de proximidade durante estas datas festivas

O Porriño, 11 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño únese ao tecido empresarial local para apoiar a campaña de Nadal impulsada pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Porriño (Acipor). A nova edición da campaña de promoción do comercio, que se desenvolve do 5 de decembro de 2025 ao 10 de xaneiro de 2026, sorteará 50 cheques-compra de 60 euros cada un deles entre a clientela que realice as súas compras nos establecementos asociados.

A iniciativa conta, un ano máis, coa colaboración do Concello do Porriño, que destaca o impacto positivo deste tipo de accións na economía local e na dinamización das rúas durante o Nadal. “O comercio local é unha parte esencial da identidade do noso municipio, un motor económico e social que mantén vivas as nosas rúas. Por iso, desde o Concello estamos sempre ao lado de Acipor para impulsar este tipo de campañas que favorecen tanto aos negocios como á veciñanza porriñesa”, salientou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, durante a presentación na que estivo unha representación dos comerciantes encabezada pola súa presidenta Juana Pérez.

A campaña contempla dúas modalidades de participación: por un lado, rifas en papel que entregarán os comercios adheridos e que permitirán participar nos sorteos presenciais do 22 de decembro de 2025 e do 14 de xaneiro de 2026, ás 20.30 horas, na propia sede de Acipor; e, por outro, o rexistro de tíckets a través da páxina web www.ccamorea.es ou escaneando o código QR, opción que ofrece aos clientes a posibilidade de inscribirse tamén nos dous sorteos dixitais, previstos para as mesmas datas. Nun acción de incentivar a participación online, dende Acipor promocionan esta vía destinando 34 vales para o sorteo dixital, que se realizará mediante unha app, e 16 para os boletos entregados fisicamente.

En total, repartiranse 25 cheques en decembro e 25 cheques en xaneiro, que deberán ser consumidos exclusivamente nos establecementos pertencentes a ACIPOR nas datas indicadas en cada vale.

O alcalde concluíu destacando que “apostar polo comercio de proximidade é investir no Porriño. Cada compra que facemos aquí revértese directamente na economía local, no emprego e na vida diaria do noso pobo. Esta campaña de Nadal é un exemplo de colaboración que funciona, e estou convencido de que volverá ser un éxito”.