O Concello do Porriño, a través da Concellería de Seguridade, agradece “a colaboración e a paciencia dos cidadáns para que a campaña de vacinación para maiores de 80 anos que comezou hoxe no Centro de Saúde transcorra sen aglomeracións”, segundo a concelleira, Lourdes Moure.
No Centro de Saúde están convocados dende hoxe e nos vindeiros días, veciños de Porriño, Mos e Salceda, maiores de 80 anos, para vacinarse coa primeira dose.
A Policía Local habilitou a marxe dereita da rúa Doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que transportan a estas persoas e que poden esperar a que remate o proceso de vacinación. Esta circunstancia facilitou hoxe a espera que tiveron que manter os convocados para vacinarse, xa que o camión frigorífico que traía as vacinas chegou tarde e o proceso de vacinación comezou unha hora despois.
A este respecto, a concelleira de Seguridade “agradeceu a comprensión e a paciencia das persoas convocadas para ser vacinadas, así como das súas familias e acompañantes”, dixo Lourdes Moure.