Un primeiro lote de axudas económicas directas por un importe aproximado de 50.000 € adxudicáronse hoxe polo Concello a autónomos, pequenas e medianas empresas e micro empresas do Porriño que solicitaron acollerse á convocatoria realizada pola administración municipal.
Esta primeira quenda de achegas destínanse a 42 peticionarios entre os que predominan establecementos de hostalaría (bares, cafeterías e restaurantes) e comercio de proximidade. A maioría, agás un dos solicitantes, recibirán o máximo estipulado nas bases da convocatoria, é dicir 1.200 € por peticionario, segundo resolveu esta mañá a comisión técnica municipal de avaliación formada por funcionarios do Concello e presidida por David Alonso, concelleiro de Emprego e Servizos Sociais.
A meirande parte deses cartos solicítanse para gastos xerais sobre todo alugueres e amortización de préstamos bancarios. Os demais repártense entre costear gastos de mellora tecnolóxica e medidas anti-covid.
“En breve analizaremos unha segunda quenda de peticións” indicou o concelleiro Alonso Bargiela. En concreto serán 35 solicitudes máis ata o total de 77 que recibíronse no Concello para acollerse a esta liña de axudas que está dotada cun total de 100.000 euros segundo acordo plenario da corporación municipal.
O concelleiro de Emprego informou que o proceso “estará resolto e as achegas aboadas antes de finalizar o ano”.