- O programa, cun investimento de 275.000 euros e unha duración dun ano, ofrece orientación, formación e apoio personalizado para mellorar a inserción laboral no municipio
- As persoas interesadas en participar deben cubrir un formulario colgado na web e redes sociais do Concello e envialo ao enderezo orientacion@porremprego.org ou entregalo presencialmente nas oficinas de Porremprego, no multiusos de Torneiros
O Porriño, 6 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño ten aberto o proceso de inscrición para participar no novo Programa Integrado de Emprego (PIE), unha iniciativa que permitirá atender a 100 persoas desempregadas durante os vindeiros doce meses, co obxectivo de acadar unha inserción laboral mínima do 42%.
As persoas interesadas en participar deben cubrir o formulario dispoñible na páxina web e redes sociais municipais e envialo ao enderezo de correo electrónico orientacion@porremprego.org ou entregalo presencialmente nas oficinas de Porremprego, no multiusos de Torneiros, onde poderán tamén obter unha maior información ao respecto.
Este novo PIE, que estará vixente ata o 14 de outubro de 2026, supón unha investimento total de 275.000 euros, subvencionada nun 80% pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e cofinanciada nun 20% polo Concello do Porriño.

Preme para descargar o formulario: FORMULARIO PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO 2025
O alcalde, Alejandro Lorenzo, mostrou a súa satisfacción pola continuidade das políticas activas de emprego no municipio e animou á veciñanza desempregada a participar nesta nova edición, “este programa é unha oportunidade real para moitas persoas que buscan un futuro laboral estable. Durante un ano van contar cun equipo profesional que lles axudará a mellorar a súa formación, definir obxectivos e acceder a ofertas de traballo concretas. Desde o Concello queremos acompañar a cada participante neste proceso e seguir facendo do emprego unha prioridade”.
“O feito de que este sexa o terceiro Programa Integrado consecutivo que nos concede a Xunta é unha mostra de confianza e recoñecemento ao bo traballo que se está a facer dende o Porriño. A nosa intención é manter esta liña e seguir convertendo as políticas de emprego nun motor de cambio para moitas familias”, engadiu Lorenzo.
A iniciativa está dirixida a persoas desempregadas facendo fincapé en determinados colectivos considerados prioritarios, como persoas con discapacidade; mulleres vítimas de violencia de xénero; mocidade menor de 30 anos; perceptoras de prestacións, subsidios ou RAI; mulleres desempregadas; persoas desempregadas de longa duración e inmigrantes.
O PIE inclúe accións de orientación individualizada, formación para o emprego, coaching e intelixencia emocional, obradoiros de habilidades sociolaborais e de entrevista, fomento da iniciativa emprendedora, prospección empresarial, emparellamento con ofertas e prácticas non laborais.

