• A nova atracción infantil, xa operativa, está situada xunto ao Templete de San Luís e os chorros de auga, consolidando esta área como un espazo central de lecer no casco urbano
  • O Concello continuará mellorando a contorna coa adquisición de terreos próximos e a creación de novas pistas deportivas

O Porriño, 7 de outubro de 2025.- O novo tren de xogo infantil instalado no Parque Infantil do Porriño xa está totalmente operativo e aberto ao público. Este multixogo de máis de dez metros de lonxitude simula unha locomotora e foi deseñado para garantir o desfrute e a seguridade da cativada, converténdose nun novo punto de encontro para as familias da vila.

A estrutura, fabricada con materiais duradeiros e seguros como aceiro galvanizado, cordas de polipropileno reforzado e pavimento de caucho, está situada nunha zona verde próxima ao recentemente restaurado Templete de San Luís. A súa instalación supuxo unha inversión total de 75.402 euros financiado con fondos propios do Concello e forma parte dun proxecto máis amplo de mellora do espazo público.

O alcalde Alejandro Lorenzo sinala que “con esta nova instalación damos un paso máis na nosa aposta polo benestar das familias e a creación de espazos seguros, accesibles e atractivos para a cativada”.  

Ademais da instalación do tren, realizáronse actuacións de mellora na contorna como a colocación de bancos de pedra, a instalación de bordos graníticos nas zonas de acceso e a plantación de tres carballos, que mellorarán a sombra e a calidade ambiental do espazo.

Ampliación futura: nova zona verde e pistas deportivas

O Concello xa traballa na seguinte fase deste proxecto, que incluirá a adquisición de terreos próximos co obxectivo de ampliar a zona verde e crear unha gran área de lecer con novas pistas deportivas e espazos de uso compartido para todas as idades.

“O tren é só un paso máis”, subliña o alcalde. “Queremos transformar esta zona nun pulmón verde no corazón do Porriño, un espazo de encontro interxeracional, onde nenos, mozos e maiores poidan desfrutar da natureza, facer deporte e convivir nunha contorna coidada e acolledora”.

Con este tipo de proxectos, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa mellora continua dos espazos públicos e a calidade de vida da súa veciñanza, especialmente da poboación infantil, que segue en aumento no municipio.