O Centro Tecnolóxico do Granito acolleu hoxe un importante encontro técnico centrado na protección fronte á exposición á sílice cristalina, un tema de vital relevancia para a saúde dos traballadores no sector da extracción e tratamento de pedra, que no Porriño ten unha especial relevancia xa que esta actividade é fundamental.
Organizado polo Clúster do Granito e o Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, en colaboración co Concello do Porriño, o ISSGA e Mediplus, o evento reuniu a profesionais de diversas disciplinas para reflexionar sobre a necesidade de minimizar os riscos asociados á sílice cristalina, que pode provocar enfermidades graves como a silicose, que lamentablemente afecta a centos de veciños do Porriño e da súa contorna.
O acto foi inaugurado por José Ángel Lorenzo, Secretario Xeral do Clúster do Granito, quen destacou a importancia de abordar esta problemática desde unha perspectiva multidisciplinar. A xornada comezou cun relatorio do experto xurídico en silicose, D. Serapio Martín, quen expuxo a normativa vixente que afecta ás empresas, así como aspectos cruciais para os traballadores, como sancións, indemnizacións e incapacidade.
Posteriormente, o xefe do centro territorial do ISSGA en Pontevedra abordou os retos actuais en materia de prevención de riscos laborais e a resposta do sector ante estes desafíos.
O segundo bloque centrouse na prevención e na presentación de equipos de protección fronte a nanopartículas, así como en solucións de extracción e mellora da calidade do aire. Este segmento contou coa participación de destacados profesionais como Sindo Prieto, responsable de Casella; Marco Giacomelli, director en Europa de BLS Safety; Benjamín Feteira, enxeñeiro técnico de SENSO; e Fernando Viscuña, director técnico de ADRESYS, quen compartiu os seus coñecementos e experiencias no ámbito da seguridade laboral.
A xornada concluíu coa presentación do programa de concienciación de Mediplus Atlántico, a cargo de Myriam Lemos, quen salientou a importancia da formación e a sensibilización na prevención de riscos laborais.