O Porriño, 4 de xaneiro de 2026.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu hoxe no Concello a representantes do Grupeta Pan de Zarko, club ciclista asentado no municipio, para trasladarlles os parabéns polos seus recentes logros deportivos e pola súa traxectoria de dez anos fomentando o ciclismo na localidade.

Entre os deportistas destacados atópase Constantino Muñoz, gañador da Copa de Galicia de Ciclocross 2025 na categoría Máster 40. O seu éxito máis recente foi o primeiro posto no Campionato Galego de Ciclocross 2026, celebrado en Maceda, tamén na categoría Máster 40. Ademais, este deportista afincado en Chenlo acadou o terceiro posto no Campionato Galego de BTT XCO 2025.

Pola súa banda, Santos Lemos, da parroquia de Budiño, conseguiu o segundo posto no Campionato de España Máster 30 de BTT Enduro, así como o segundo posto no Campionato Galego de BTT Enduro 2025.

O Grupeta de Pan de Zarco conta con dez anos de traxectoria no Porriño e está formado por máis de 40 compoñentes, homes e mulleres, que compiten en distintas modalidades do ciclismo e representan ao municipio en probas autonómicas e estatais.

Durante o acto, que tamén contou coa presenza do presidente do club, Roberto Ramírez, o alcalde Alejandro Lorenzo felicitou ao Grupeta Pan de Zarko pola súa labor deportiva e social, destacando que “é un exemplo de constancia, traballo en equipo e compromiso co Porriño, levando o nome do municipio ao máis alto do ciclismo galego e estatal”.

O Concello quixo así recoñecer non só os resultados acadados, senón tamén a contribución do club á promoción do deporte e dos hábitos de vida saudables no municipio.