- Están abertas as inscricións ata o 8 de abril para para o VI Trofeo do Porriño XCO que se celebrará os sábado 11 de abril e para o IX Trofeo do Concello do Porriño de MiniBTT que se celebrará o domingo 12 no CC A Forna de Budiño.
O Porriño, 2 de abril de 2026. O Concello do Porriño prepárase para recibir unha fin de semana de máxima adrenalina coa celebración de dúas probas fundamentais no calendario do ciclismo de montaña galego. Xa se atopa aberto, ata o vindeiro 8 de abril, o prazo de inscrición para o VI Trofeo do Porriño XCO, que terá lugar o sábado 11 de abril, e para o IX Trofeo do Concello do Porriño de MiniBTT, que se celebrará o domingo 12 de abril. Ambas citas discorrerán no emblemático circuíto do CC A Forna, na parroquia de Budiño, baixo a organización da A.D. Avanza.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo coordinador da proba, David García, participou na presentación oficial deste evento deportivo que xa é un referente histórico nos montes locais. Durante o acto, que contou coa presenza de numerosos nenos e nenas da escola de ciclismo, o rexedor puxo en valor a importancia de fomentar o deporte e a conservación da natureza, destacando o labor de Avanza á hora de inculcar a cultura do esforzo entre a mocidade. A cita non será só competitiva, senón que se presenta como dúas xornadas de convivencia nas que o público poderá contemplar case a totalidade do percorrido dende diversos puntos, contando ademais con servizo de cantina grazas á colaboración da Asociación de Veciños.
A xornada do sábado 11 estará dedicada ao VI Trofeo do Porriño XCO, con saída prevista para as 15:00 horas e recollida de dorsais dende unha hora antes. A proba conta cun límite de 400 participantes e abrangue un amplo abano de categorías, dende Cadetes ata Máster 60, incluíndo as modalidades Elite e Sub-23, tanto en categoría feminina como masculina. O domingo 12 será a quenda dos máis novos co IX Trofeo MiniBTT, que poderá acoller ata 500 ciclistas nas categorías Promesa, Principiante, Benxamín e Alevín. Para esta cita, a entrega de dorsais realizarase o propio domingo a partir das 09:00 horas, dándose a primeira saída oficial ás 10:00 horas.
O evento, que conta coa estreita colaboración da Comunidade de Montes e o Concello do Porriño, promete converter a Budiño no epicentro do BTT galego, reafirmando o compromiso da vila coas disciplinas deportivas de base e a promoción da súa contorna natural.


