• O centro inicia unha nova etapa con proxectos que promoven a lectura, a creatividade e os valores de cooperación
  • O alcalde Alejandro Lorenzo participou do acto e puxo en valor “o esforzo conxunto do profesorado, das familias e do Concello para facer posible que espazos coma este sigan a medrar e inspirar novas xeracións”

O Porriño, 24 de outubro de 2025.- O CEIP Plurilingüe de Atios celebrou este 24 de outubro a reapertura da súa biblioteca escolar coincidindo co Día das Bibliotecas, unha data perfecta para reivindicar o valor da lectura, da aprendizaxe e da curiosidade.

O centro participa no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), grazas ao cal contou cun orzamento de 4.000 euros destinados á remodelación e posta en funcionamento deste espazo. A través deste plan, a Xunta de Galicia apoia as bibliotecas escolares como espazos estratéxicos para mellorar a calidade do ensino e a atención á diversidade mediante ferramentas de aprendizaxe e recursos para material didáctico. O acto contou coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, da concelleira de Educación, Carolina González, do director do centro, Roberto Devesa, así como do profesorado e alumnado, que participaron activamente na celebración.

Durante a súa intervención, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou “a importancia das bibliotecas como faros que iluminan o camiño do coñecemento” e puxo en valor “o esforzo conxunto do equipo docente, dos estudantes, das familias e do Concello para facer posible que espazos coma este sigan a medrar e inspirar novas xeracións”. O alcalde felicitou ao centro por apostar por proxectos que unen lectura, creatividade e solidariedade, como ‘O mundo de Jules Verne’, os clubs de lectura ou a biblioteca solidaria.

Esta reapertura marca o inicio dunha nova etapa para o CEIP Plurilingüe de Atios, na que a biblioteca se converterá nun espazo dinámico, aberto e vivo, pensado para compartir historias, coñecementos e soños.