• 250 persoas tomarán as rúas da vila este sábado, a partir das 16.00 horas, para participar de La Nocturna

O Porriño, 4 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño comeza a programación deportiva enmarcada nas Festas do Cristo coa tradicional La Nocturna este sábado, 6 de setembro, polas rúas da vila. O Club Master Louriña organiza esta proba de circuíto ao estilo americano, na que se eliminan corredores en cada volta ata que se coñece ao vencedor. Serán 250 participantes os que están inscritos para tomar a saída, ás 16.00 horas comezarán os máis pequenos, os da categoría promesas, seguidos de principiantes, alevíns, infantís, cadetes, juniors, master 30, máster 40 e master 50, para rematar coa categoría Elite sub-23, prevista para ás 20.30 horas. Ao remate terá lugar a entrega de premios.

O alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo destacou durante o acto de presentación esta mañá a importancia de La Nocturna dentro das Festas do Cristo, sinalando que “eventos como este poñen en valor o deporte de base e converten ao Porriño nun punto de encontro para centos de persoas, reforzando o noso compromiso cunhas festas participativas, saudables e abertas a toda a veciñanza”.

Tamén quixo agradecer ao Club Master Louriña a súa implicación ano tras ano e subliñou que “a colaboración entre o Concello e os colectivos deportivos locais é clave para manter viva esta tradición e seguir facendo do Porriño unha vila referente no deporte galego”.

La Nocturna consolídase un ano máis como un dos actos deportivos máis emblemáticos das Festas do Cristo do Porriño reunindo centos de persoas arredor do deporte e da convivencia veciñal. Gracias á colaboración entre o Concello do Porriño e o Club Master Louriña, este evento non só promove o deporte de base, senón que tamén reforza o papel do Porriño como referente deportivo en Galicia, demostrando o valor das iniciativas locais na dinamización social e cultural da vila.