- Actividade con entrada de balde pensada para promover o envellecemento activo, favorecer a socialización e impulsar hábitos de vida saudables a través da música e do movemento
- As sesións celebraranse os domingos e festivos, en horario de 17:00 a 20:30 horas, desde o 8 de marzo ata o 28 de xuño
Porriño 5 de marzo de 2026.– O Concello do Porriño pon en marcha unha nova proposta dirixida ás persoas maiores do municipio coa creación do “Baile de Maiores”, unha actividade con entrada de balde pensada para promover o envellecemento activo, favorecer a socialización e impulsar hábitos de vida saudables a través da música e do movemento.
A iniciativa desenvolverase nas instalacións de Studio 57 (Rúa Muiños, 13 baixo) e combinará formación e práctica social de baile. As sesións celebraranse os domingos e festivos, en horario de 17:00 a 20:30 horas, desde o 8 de marzo ata o 28 de xuño.
Cada xornada dividirase en dúas partes: unha primeira sesión de clase de baile de entre 45 e 60 minutos, na que as persoas participantes poderán iniciarse ou perfeccionar os seus coñecementos, e unha segunda parte de baile social con animación musical a cargo dun DJ, que se prolongará durante aproximadamente dúas horas e permitirá poñer en práctica o aprendido nun ambiente lúdico e participativo.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de impulsar iniciativas que melloren a calidade de vida das persoas maiores: “Queremos ofrecer espazos de encontro, diversión e actividade física para os nosos maiores. O baile é unha ferramenta perfecta para manterse activo, facer novas amizades e gozar do tempo de lecer. Con iniciativas como esta seguimos traballando para que O Porriño sexa un concello que coida e valora ás persoas maiores.”
Lorenzo tamén sinalou que este tipo de propostas contribúen a reforzar a convivencia e o benestar social:
“O Baile de Maiores non é só unha actividade de ocio, senón tamén unha oportunidade para crear comunidade e combater a soidade non desexada. Queremos que os nosos maiores teñan cada vez máis alternativas para participar, divertirse e sentirse parte activa da vida do municipio.”
A actividade conta con entrada de balde e está aberta a todas as persoas maiores interesadas en aprender a bailar ou simplemente en compartir unha tarde diferente nun ambiente dinámico e agradable.
Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa promoción de políticas de benestar, participación e envellecemento activo, apostando por actividades que fomenten a saúde física, emocional e social da veciñanza.

