323 alumnos/as de de 5º e 6º de primaria do Porriño amplían a súa formación cun obradoiro de eco-percusión no que aprenden nocións básicas sobre como tocar a caixa, o tambor e a batería.
A actividade, organizada pola concellería de Educación a través da OMIX, comezou hoxe no CEIP Cruz Budiño, e contou coa participación do alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González.
O rexedor animouse a tocar un tema cos nenos e nenas, desenfundou as baquetas e, como se foran unha banda ben consolidada, ofreceron xuntos unha batucada de luxo.
“É marabilloso ver como en apenas unha hora os pequenos e pequenas son capaces de facer soar uns bidóns de plástico…”, explicou o rexedor, que adiantou que “Cando rematen os obradoiros todos os colexios formarán unha gran banda de percusión con material reciclado, e ofrecerán un concerto na praza do Concello para amosar o aprendido: as técnicas de agarre, golpeo, lateralidade, coordinación e uso da percusión vocal e corporal”.
Cabe destacar que, como apuntou o alcalde, nos obradoiro só interveñen instrumentos procedentes de materiais reciclados. Estes materiais anteriormente referidos, tamén cotidiáfonos, poden ser botes de pintura, latas, tubaxes, bidóns…. A metodoloxía empregada é a propia e xenuína do Proxecto Ecopercussión, mesturando elementos de percusión vocal con exercicios de coordinación e patróns polirítmicos afrolatinos.
“A actividade desenvolverase durante todo o mes de maio nos centro de educación primaria e Aceesca”, apuntou a concelleira, “Consta de dúas partes, os obradoiros en cada centro e o concerto final que se celebrará na Praza Arquitecto Antonio Palacios para o disfrute do público en xeral”.