• Unha publicación feita integramente polo alumnado, na que se recollen reflexións sobre cuestións sociais, dilemas éticos, poesía, música, entrevistas, política, psicoloxía, cultura ou cinema.

O Porriño, 20 de xuño de 2025.– Por cuarto ano consecutivo, o alumnado de 2º de Bacharelato do IES Pino Manso do Porriño presenta unha nova edición da súa revista OPino, un proxecto creativo e interdisciplinar centrado na filosofía, a arte e o pensamento crítico, que conta co apoio do Concello do Porriño.

OPino é unha publicación feita integramente polo alumnado, na que se recollen reflexións sobre cuestións sociais, dilemas éticos, poesía, música, entrevistas, política, psicoloxía, cultura ou cinema. A parte gráfica tamén é responsabilidade dos propios estudantes, convertendo a revista nun proxecto colaborativo que implica aos departamentos de Filosofía e Debuxo.

A edición deste ano —a cuarta da historia da revista— tivo como tema central “os tabús”. O proceso comezou coa formación dun equipo de dirección e traballo composto por estudantes das materias de Filosofía, Psicoloxía e Debuxo Artístico. Este equipo encargouse de coordinar a redacción dos textos, elaborar entrevistas, deseñar as imaxes que acompañan os artigos e realizar a edición final da publicación.

As persoas responsables da dirección foron:

Raquel Álvarez Gómez, Victoria Álvarez Linares, Alejandra Pérez López, Ariadna Martínez Gomes, Laura Rodríguez Rodríguez, Ainoa Alonso Flores, María Quintas Granja e Sara Conde Iglesias.

Todo o proceso contou co asesoramento do profesorado, en especial dos docentes Juanca e Pedro, que acompañaron o equipo ao longo do traballo.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, felicitou ao equipo de dirección, ao alumnado participante e ao centro educativo, sinalando que “este proxecto é un exemplo de traballo en equipo que amosa non só a defensa do pensamento crítico, a creatividade e o coñecemento, senón tamén o compromiso coa responsabilidade social por parte da mocidade do Porriño”. Engadiu ademais: “Noraboa e que OPino siga sumando edicións. Contade sempre co apoio do voso Concello.”

A revista OPino pode consultarse tamén en formato dixital a través da páxina web do IES Pino Manso.