O alcalde Alejandro Lorenzo valorou “o comportamento admirable” do público que presenciou o desfile conxunto de rondallas de Mos e O Porriño celebrado onte domingo. O rexedor municipal fixo hoxe unha valoración do acto que foi “un sopro de aire fresco que todos necesitabamos e nada mellor que as rondallas que son un selo de identidade e un dos nosos baluartes culturais”.

O alcalde afirmou que a cidadanía do Porriño demostrou que somos un pobo moi animado, que nos gusta compartir e gozar dos nosos costumes e facémolo de  xeito responsable, conscientes da situación que estamos atravesando”, engadiu.

Alejandro Lorenzo expresou o seu agradecemento “a todos aqueles que fixeron posible a celebración do evento coas máximas garantías de seguridade”. Eloxiou de “magnífico o traballo da Policía Local e Protección Civil; e das rondallas que se organizaron en tempo marca” e cualificou de “admirable comportamento o de todos os que acudiron para velo nas rúas”.

GRAN IMPACTO

O desfile conxunto rondallas de Mos e O Porriño respondeu á expectación suscitada xa que acreditan, sobre todo, os datos de audiencia nas redes sociais.

Aínda que a presenza de espectadores foi numerosa, as cifras de audiencia a través das redes sociais do Concello xa superan hoxe as 10.000 visualizacións. Miles de persoas seguiron o mesmo domingo, a emisión en streaming que se realizou e que se emitiu a través das canles de Facebook e YouTube do Concello.