O Porriño, 24 de xuño de 2025 – O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, realizou hoxe unha visita á empresa Distevi, un referente mundial no sector da automoción con sede no polígono do Porriño. Durante o percorrido polas instalacións, o rexedor puido coñecer de primeira man o proceso produtivo e as liñas de desenvolvemento da compañía centradas na diversificación e internacionalización, así como as obras de ampliación que a compañía está a levar a cabo en A Granxa.

Distevi, fundada en 2001, comezou como taller mecánico e unha pequena oficina de deseño técnico con só 4 enxeñeiros e hoxe conta cun equipo de 120 empregados e unha cifra de negocio de 15 millóns de euros. O 70% dos seus proxectos desenvólvense en mercados europeos clave como Portugal, Francia, Alemaña, Italia ou Polonia, entre outros, o que reflicte o seu forte crecemento e consolidación a nivel internacional.

A empresa está especializada no desenvolvemento e fabricación de liñas e máquinas de montaxe automatizadas para fabricantes TIER 1 de compoñentes para a automoción, así como na fabricación de pezas de precisión para sectores estratéxicos como a aeronáutica, defensa e enerxía. 

Durante a visita, o alcalde estivo acompañado polo xerente e fundador, Jorge Luis González Alonso; o director comercial, Jorge Luis González Abalde; a responsable administrativa financeira, Noelia González Abalde; Miguel Ángel Domínguez Rodríguez, socio responsable da división de mecanizado e o responsable da oficina técnica, Iago Romero.

“Distevi é un exemplo de innovación, calidade e compromiso coa creación de emprego cualificado no Porriño,” destacou o alcalde. “Esta ampliación das instalacións que están a desenvolver evidencian o potencial do tecido industrial local e o noso compromiso para seguir apoiando o seu crecemento.”

O grupo está a levar a cabo obras de ampliación da súa planta de produción e oficinas. Este proxecto inclúe a adquisición de maquinaria avanzada, unha destinada á fabricación en serie de pezas e outra orientada á produción de pezas e compoñentes de maior dimensión e complexidade, especialmente para sectores esixentes como a aeronáutica, defensa e enerxía.

O Concello do Porriño reitera o seu compromiso co desenvolvemento empresarial e o impulso do emprego de calidade como motor de progreso e benestar para a vila.