A delegación porriñesa “EcoYouth” parte cara Mozambique

A delegación española que visitará Mozambique no marco do proxecto europeo “Empoderamento da mocidade para facilitar a transición ecolóxica” partiu hoxe do Porriño cara Nampula.

8 mozos e  mozas alumnos dos IES Ribeira do Louro e do CIFP A Granxa , acompañados por persoal de apoio do Concello do Porriño e do IES porriñés, estarán en Maputo e Nampula ata o día 23  participando na última das movilidades deste programa de intercambio xuvenil baixo o título “Conciencia ecolóxica: ferramentas dos medios para a participación e o impacto en Nampula”.

Este programa, cofinanciado polo proxecto Erasmus + da UE, ten como obxectivo fomentar a posta en marcha de campañas de concienciación ambiental, combinando unha análise crítica cunha estratexia de medios coidadosamente planificada.

Este xoves ponse en marcha o servizo de recollida de cartón

A Concellería de Limpeza, que dirixe José Carlos González, informou hoxe de que este xoves, día 16 de xuño, comeza a funcionar o servizo específico para a recollida de papel e cartón comercial do que poderán beneficiarse os establecementos comerciais do Porriño.

Os días establecidos para a recollida serán os martes e xoves. Neses días, a partir das 20 h os usuarios/as deberán depositar o cartón e papel de maneira ordenada ás portas dos seus establecementos, onde o servizo de limpeza municipal o recollerá para trasladalo á planta de reciclaxe.

Os comerciantes que queiran facer uso desta recollida  porta a porta deberá apuntarse chamando ao teléfono 665 571 555.

Coa posta en marcha deste servizo preténdese dar facilidades aos comerciantes para reciclar correctamente e tamén evitar que se acumule na rúa ou nos outros contedores.

Os nenos e nenas do Porriño inician a conta atrás para Porrigalia 22

A praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu hoxe “PrePorrigalia”, un evento no que máis de 200 alumnos e alumnas de oito centros educativos do municipio disfrutaron do espectáculo “Abordaxe Gala”, da compañía Barafunda, con Asterix, Obelix e máis habitantes da aldea gala como persoaxes.

O encargado de dar o pistoletazo de saída a unha mañá de troula gala e castrexa foi o monologuista e actor, Pepo Suevos, que este ano convertirase no Rei Breogán coincidindo cos xogos olímpicos do Porriño, que lembramos, se celebrarán os días 1, 2 e 3 de xullo.

Xunto a el o alcalde, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros de Educación e Cultura, Carolina González e Bienvenido Estévez, que animaron aos nenos e nenas a irse preparando para vivir a tope Porrigalia 22.

Ademais, unha vez finalizado o acto e antes de volver aos coles, levaron cada un unha laranxa coa etiqueta de Porrigalia para ir ambientando o almorzo.

A escola infantil do polígono da Granxa xa é unha realidade

A escola infantil no polígono industrial de A Granxa xa é unha realidade. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o presidente da EUC do Polígono Industrial de A Granxa, Indalecio Cuevas, e a directora do centro, Beatriz Cabaleiro, inauguraron hoxe o centro que xa comezou a súa actividade.

“Esta escola dá resposta a un servizo altamente demandado dende hai tempo na zona industrial, que permite aos traballadores e traballadoras do polígono conxugar a vida familiar e laboral”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Hoxe inauguramos Trastes, e estou seguro que pronto poderemos inaugurar outras escolas infantís no noso municipio, xa que traballamos para que así sexa e que O Porriño conte con máis prazas de educación infantil”.

O rexedor agradeceu á asociación de empresarios a súa implicación e destacou “a importancia de que entidades e administracións traballen da man, así é como se consiguen grandes cousas para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

No mesmo sentido se manifestou Indalecio Cuevas, que destacou o respaldo total do empresariado a este proxecto “que empresarios e traballadores necesitaban para poder conciliar e que ademais dará prioridade aos traballadores do polígono de A Granxa á hora de acceder ás prazas para que poidan ter aos seus fillos e fillas cerquiña mentres traballan”.

Ambos destacaron a profesionalidade, experiencia e bo facer de Trastes  e realizaron unha visita ás instalacións do centro,  ubicada no Edificio de Servizos do Polígono de A Granxa.

A escola conta con cinco aulas totalmente equipadas para alumnos e alumnas de 0 a 3 anos e para actividades de 3 a 12 anos, ademais de zonas de hixiene e descanso, comedor, patio interior de xogo, cociña e patio exterior.

O proxecto educativo de Trastes O Porriño baséase na estimulación temperá, na comunicación detallada coas familias e na introdución natural do inglés. O seu horario é de 7 a 21 h de maneira ininterrumpida.

A festa do fútbol sala base chega ao polideportivo do municipal do Porriño

O Porriño convertirase esta fin de semana en sede dun  importante evento deportivo.

O polideportivo municipal acollerá os días 10, 11 e 12 de xuño a fase previa do Campionato de de España de Clubes Base de Fútbol Sala na categoría benxamín. 

O evento foi presentado esta mañá polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o Presidente do I.E.S Coruxo F.S., Pachi Comesaña, o coordinador de Base do Coruxo e Borja Arca, representante da Federación Galega de Fútbol.

Concentra aos catro equipos da zona norte, galegos , castelán, cántabro e asturiano que se xogan unha praza para estar na fase final do Campionato.

“É un pracer para nós acoller esta competición que concentra aos catro equipos da zona norte que se xogan a praza para estar na fase final”, afirmou o alcalde, “Somos o Concello do Deporte e temos claro que para poder selo é necesario apostar sempre pola base e poñer en valor aos pequenos en pequenas que comezan a disfrutar da práctica deportiva”.

Serán catro os clubs que participen: C La Folia FS, Real Oviedo SAD, CD Intersala FS e o anfitrión, o IES Coruxo FS. “O noso representante, o IES Coruxo, elexiu este maravilloso pavillón do Porriño para disfrutar do futbol sala durante esta fin de semana e para que disfrutemos con eles”, apuntou Borja Arca.

Por último, o coordinador de base do Coruxo, Javier Hernández, asegurou que están “moi ilusionados e intentaremos dar o mellor de nós para poder levarnos o mellor dos premios, que sería pasar á final”.

Conferencia sobre os beneficios da lactancia para o desenvolvemento da linguaxe

O Centro Cultural Municipal acolle mañá venres, ás 18:30 h, a última conferencia das xornadas para familias e profesionais “Acompañando na aventura de crecer”.

 

Nestas xornadas, organizadas desde a Concellería de Cultura a través da biblioteca municipal, abordouse dende diferentes puntos de vista e perspectivas profesionais como favorecer o correcto desenvolvemento das nosas fillas e fillos, dende que nacen e na súa primeira etapa infantil, para favorecer unha vida adulta saudable e enriquecedora.

 

A logopeda Eva López será a encargada de poñer o broche ás xornadas coa conferencia “Dende lactar ata falar, todo un camiño de comunicación”.  Trátase dunha charla evolutiva desde a importancia da lactación nun inicio e os seus beneficios a nivel muscular á hora de desenvolver a linguaxe, e que destrezas son as máis importantes para conseguir unha linguaxe formal e poder comunicarse con calquera persoa.

 

A poñente, Eva López Domínguez, é diplomada en Logopedia e en Audición e Linguaxe pola Universidade da Coruña, posgrado en atención de calidade e integración en persoas con autismo, asesora de lactancia con 18 anos de experiencia como logopeda en diferentes entidades públicas e privadas. Tamén é fundadora e coordinadora do centro de estimulación e aprendizaxe Afalar desde 2010 e coidadadora de nenas e nenos con discapacidade para a Xunta de Galicia. Eva conta cunha experiencia profesional que abarca desde o nacemento á vellez, con maior énfase na poboación de 3 a 18 anos.

 

SOS Porriño recibe 18.000 kg de alimentos da Cruz Vermella

O programa municipal de alimentos, SOS Porriño, que depende da concellería de Servizos Sociais, que dirixe Abel Estévez, vén de recibir 18.000 kg de alimentos da Cruz Vermella.

Trátase dunha das dúas achegas anuais que a organización social aporta ao banco municipal de alimentos no marco do programa de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas do Fondo de Axuda.

Recibíronse 2.586 caixas de alimentos non perecedoiros de primeira necesidade (aceite, alubias, arroz, cacao, conservas, leite, galletas, pasta, alimentación infantil…) que se destinarán ás 200 familias porriñesas  usuarias deste servizo .

“Traballamos para atender a todo aquel veciño que o necesite e para iso é esencial a colaboración de administracións, entidades e empresas, así como de toda a cidadanía que cada vez que facemos un chamamento responde dándonos verdadeiras mostras de solidaridade”, explicou o edil, Abel Estévez.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o labor que se realiza dende o SOS Porriño destacando “o esencial deste servizo” e o compromiso do goberno local “de seguir impulsando o programa de alimentos para poder atender a todo aquel que o precise. A veciñanza do Porriño entende, e así  o demostra cada vez que pedimos axuda, que todos e cada un de nós podemos precisala nalgún momento e que aí debe estar o Concello para prestala. Non queremos que ningunha familia da nosa vila que atravese dificultades se vexa desamparada e seguiremos traballando para que iso non pase”.

Xornadas multiaventura na Semana Branca do Porriño

Os nenos e nenas dos colexios do Porriño disfrutan estes días de xornadas multiaventura no marco da Semana Branca, que se celebra dun xeito diferente: con area, sol e mar.

Durante uns días, o alumnado participa nesta actividade organizada pola asociación Semana Branca en colaboración co Concello do Porriño. Celebráse na praia e os pequenos e pequenas realizan múltiples actividades deportivas como vóley praia, kayak ou surf na escola de Patos.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, compartiron hoxe con eles un ratiño de aventura, xogaron ao volley cos nenos/as e profes e conversaron sobre todo o que farán hoxe. “Este tipo de actividades son moi enriquecedoras para eles e velos disfrutar xuntos/as é moi satisfactorio”, concluíu o alcalde, “despiden un curso e unha etapa, que mellor maneira de facelo que divertíndose cos seus compañeiros”.

Ven saborear a tradición na V Feira do Pan do Porriño!

Amasado, formado, roxado, repousado…Poucas cousas son tan do Porriño como o seu pan. Por iso, a vila do Louro convertirase de novo capital galega do pan este sábado, coa celebración da Feira do Pan do Porriño que volve con xantar, música, obradoiros e, sobre todo, a tradición e os produtos das súas panaderías artesanais.

A quinta edición deste evento gastronómico, organizada pola Asociación de Panadeiros do Porriño e o Concello do Porriño, foi presentada hoxe no salón de plenos da casa consistorial. Asistiron ao acto de presentación o alcalde, Alejandro Lorenzo, os concelleiros de Comercio e Cultura, Antía Carrera e Bienvenido Estévez, o presidente da Asociación de Panadeiros do Porriño, José Manuel Fernández Grova, representantes das oito panaderías participantes (Amaquía, Argibay, Chinchina, Erundina, Los Milagros, O Forno de Mosende, Progreso e Torneiros), representantes de EFA A Cancela, Fátima Estévez (profesora) e María del Carmen Gil (presidenta), así como das entidades e empresas colaboradoras.

Tamén estivo presente o escritor local, Diego Giráldez, que tal e como se anunciou hoxe será o encargado de inaugurar a V Feira do Pan do Porriño coa lectura do pregón no seu barrio natal, San Bieito, que un ano máis acollerá o evento.

A apertura da Feira será ás 10 h cando o son das gaitas anime as rúas para dar paso á inauguración oficial co pregón, ás 11 h.

Ás 11:30 h celebrarase o tradicional Show Cooking con Pan do Porriño a cargo de EFA A Cancela, que este ano chegará con sorpresas cun pequeno guiño contra a guerra, e de seguido a degustación de pinchos a cargo de Segredos Gastro Bar.

Xa pola tarde serán os nenos e nenas os que se poñan coas mans na masa para aprender a facer o seu pan no obradoiro Mini Pan (17:30 h). Ás 19 h charla coloquio sobre historias do Pan do Porriño con Quico Paz Antón e Panadeiros do Porriño, seguida dunha desgustación de embutidos e queixos do país a cargo de Embutidos Distapor e o concerto de Argonat Band.

Unha das novidades deste ano será o fin de festa, cos concertos de KAF (20:45h) e Tony Lomba (21:45h).

Cabe destacar que este ano, en lugar dos postos por panadería, habilitarase un só stand de todos os panadeiros do Porriño onde poderemos adquirir os seus produtos.

Sumámonos ao apagón deste domingo polo Día Mundial do Medio Medio

O Concello do Porriño, a través da concellería de Medio Ambiente que dirixe Antía Carrera, súmase este domingo ao apagón ambiental promovido polo proxecto “People & Planet”.

Baixo o lema “Unha soa Terra” ( #OnlyOnePlanet), o municipio apagará o alumeado da Casa Consistorial e do Templete de San Luis dende as 23h para participar nesta acción reivindicativa xunto a outras 20 localidades galegas que respaldaron a iniciativa.

O proxecto “People & Planet: un destino común” ten como obxectivo concienciar ás mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable.

A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos municipios na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global.