As badaladas de fin de ano soarán este sábado no Porriño

 

O Porriño prepárase para despedir o 2023 por anticipado. Un ano máis, o Concello organiza unha xornada, a deste sábado 30 de decembro, chea de actividades para todas as idades e xa dende a mañá.

Ás 11.30 horas dará comezo a festa infantil na que a cativada será a protagonista e terá o seu propio pre fin de ano con actividades, animación e pasarrúas de personaxes infantís. O grupo Xeración M, gañador do concurso “Este Nadal canta con nós” da CRTVG, será o encargado de abrir a festa. Non faltarán tampouco as doce badaladas, que soarán as 12 do mediodía, presentadas por Hernán Sío, neno do Porriño referente en ximnasia rítmica. E, de seguido, concerto infantil a cargo de “Ollo Piollo” da compañía Barafunda.

Arredor das 19.00 horas iniciarase a festa grande coa música de dj Donper e a das rondallas de Pontellas e Santa Eulalia de Atios que desfilarán polas rúas da vila. De seguido, sobre as 21.30 horas, dará comezo a actuación da orquestra El Combo Dominicano e á medianoite volverán soar as doce badaladas, presentadas nesta ocasión por Raquel Atanes e Juan Fuentes, presentadores do programa “Quen anda aí?” da TVG. Haberá uvas, cotillón e chocolate de balde para todos os asistentes.

Xa para pechar a noite, sesión dj con Samu Pexe e Pitty. O escenario de toda a xornada festiva será a rúa Domingo Bueno.

“Dende o Concello convidamos á veciñanza, e tamén a todas as persoas de fóra que así o desexen, a acudir ao centro da vila para festexar todos xuntos, de xeito anticipado, o fin do ano 2023 e o recibimento do ano novo, unha cita convertida xa en tradición no Porriño”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo asegurando que se manterá no calendario festivo e cultural do Concello.

Porriño inaugura o luns o seu Mercadillo de Nadal

 

  • Unha decena de postos abren, na Praza do Cristo, ata o domingo 7 de xaneiro
  • Gastronomía, xoguetes, accesorios feitos a man, roupa ou artesanía son algún dos produtos á venda

 

Logo do acendido das luces e instalación de decorado de Nadal, o inicio da música das rondallas e outras actividades propias destas datas, quedaba por inaugurar o mercadillo de Nadal no Porriño. Será o vindeiro luns cando as dez casetas de madeira instaladas na Praza do Cristo abran ao público en horario e mañá e de tarde ata o domingo 7 de xaneiro, no que se ofrezan produtos artesanais, decoración, alimentación, complementos ou agasallos, entre outros artigos, todos eles relacionados co Nadal.

Nesta primeira quenda, que se prolonga ata o 27 de decembro, os dez postos son os que seguen:

  1. Rosquillas, garrapiñadas, algodón de azucre, gominolas, mazás de caramelo.
  2. Coleccionismo de Playmóbil principalmente con temática de Nadal
  3. Complementos de tela feitos a man (bolsos, chaveiros, coleteiros, accesorios de bebé, bolas para as árbores personalizadas e detalles para regalar.
  4. Accesorios feitos a aman de resina con flores naturais encapsuladas, recollidas e prensadas a man. Pendentes colares, aneis e marcapáxinas, pendentes de madeira feitos a man, serigrafiados.
  5. Artesanía en pel, madeira, produtos de entretemento infantil.
  6. Bocadillos, empanadillas, creps, doces, etc.
  7. Mel, polen, cera, xabóns de mel, velas, etc.
  8. Roupa infantil fabricada en Galicia.
  9. Dragóns moldeados con deseños propios, marcos para decoración con pezas de resina feitas a mano, diorama de pokemon con luz e sen luz, complementos relacionados coa fantasía, ovos de dragón no seu baúl, etc.
  10. Sacos térmicos, xoiería artesanal, xoiería macramé, ambientadores, tarros de cristal.

O horario de apertura dos postos será de luns a xoves e domingos, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas; os venres e sábados, de 12.00 a 22.00 horas; os días 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro abrirán só de mañá e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro permanecerán pechados

III Concurso Infantil de Postais de Nadal

 

A Concellería de Normalización Lingüística do Porriño convoca a terceira edición do Concurso Infantil de Postais de Nadal. Este concurso está inserido nas actividades de dinamización da lingua galega que leva a cabo o SNL do Porriño, co obxectivo principal de fomentar o uso do galego entre a poboación infantil.

As idades de participación van dos 3 aos 14 anos, distribuídas en 3 categorías diferentes e con 3 premios por categoría baseados en lotes de material escolar.

O prazo de participación será do día 7 ao 21 de decembro de 2023 e as postais poderanse entregar no Centro Cultural Municipal.

Consulta as bases de participación

Porriño selecciona a 100 participantes para o seu novo Programa Integrado de Emprego

 

  • O obxectivo é lograr a inserción laboral do 45% no prazo dun ano
  • O proxecto supón unha inversión de 275.000 euros co financiado pola Xunta de Galicia e o Concello

 

O Concello do Porriño atópase na fase de selección de participantes para unha nova iniciativa de emprego e formación. Trátase dun Programa Integrado de Emprego dirixido a persoas menores de 30 anos desempregadas con baixa cualificación, mulleres desempregadas, persoas menores de 30 anos desempregadas cualificadas e parados de longa duración para o cal se convocan un total de 100 prazas.

Unha vez rematado o programa, en decembro de 2024, existe un compromiso de inserción laboral do 45% dos participantes, os cales ao longo de todo ano realizarán diversas accións destinadas todas elas a mellorar a súa formación e empregabilidade. “Dende o Concello poñemos en marcha unha nova ferramenta dirixida á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral”, subliña o alcalde Alejandro Lorenzo.

Unha vez seleccionadas as persoas participantes en formar parte do proxecto, comezarase coa realización de accións de información, orientación e asesoramento para a procura de emprego. Ditas accións teñen carácter transversal a todas as actuacións do programa e consisten nun seguimento personalizado de inserción adaptado e individualizado para cada unha das persoas desempregadas.

Por outra banda, tamén se impartirá formación, coa organización de diversos cursos. De xeito complementario coas accións anteriores, levarase a cabo técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea. Tamén se desenvolverán talleres nos que adestren as habilidades sociolaborais e outros que funcionen como simulacións de entrevistas.

Outras das accións a executar dentro do PIE serán a de fomento da capacidade emprendedor, prospección empresarial e obradoiros sobre mobilidade laboral. Ademais, realizarase un casamento axeitado entre oferta e demanda, recollendo a oferta existente na contorna e seleccionando as persoas candidatas idóneas para cubrila.

Unha vez feita a formación teórica e práctica, complementarase coa realización de prácticas profesionais en empresas colaboradoras baixo a supervisión dun titor.

Para a posta en marcha deste PIE, o Concello do Porriño conta cunha subvención por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade de 220.000 euros, que xunto cos 55.000 euros de aportación municipal, fai unha inversión total de 275.000 euros

A Canción do Nadal 2023 nace no Porriño

 

  • O grupo Xeración M é o gañador do concurso “Este Nadal canta con nós” da CRTVG
  • O alcalde Alejandro Lorenzo recibe no Concello aos cinco rapaces de 11 e 12 anos, alumnado da escola porriñesa Maison, creadores de “Soará o Nadal”

 

O grupo Xeración M vén de proclamarse gañador do concurso “Este Nadal canta con nós” da CRTVG e con tal motivo foi recibido no Concello do Porriño. O alcalde Alejandro Lorenzo trasladoulle os parabéns e entregoulles un pequeno obsequio como mostra do éxito logrado. “Javier, Antón, Fabio, Raúl, Javi e Mateo son boa mostra da canteira de artistas coa que conta a nosa vila e que dende o Concello sempre apoiaremos”, sinala o rexedor.

“Soará o Nadal” é o título da canción coa que este grupo de rapaces de 11 e 12 anos, alumnado da Escola de Música e Danza Maison do Porriño, gañaron este certame e que será a melodía coa que os medios públicos felicitarán as festas a todos os galegos e galegas este 2023. Así, o tema poderá escoitarse na TVG, na Radio Galega e nas redes sociais da CRTVG ao longo de todo o Nadal. Con todo dende o Concello porriñés augúranlle moito más éxito “que, sen dúbida, soará en todos os recunchos”.

O xurado, composto por Iago Pico, produtor musical de Tanxugueiras; Fernando R. Ojea, director da Área de Contidos da CRTVG; Rosa Sierra, subdirectora de Programación e Emisións da TVG; Vanessa Grela, xefa de Programación da TVG, e Tania F. Lombao, xefa de Programas da Radio Galega, destacou a calidade da peza musical e do vídeo presentado e o esforzo que hai detrás da proposta ‘Soará o Nadal’.

Na presente edición, “Este Nadal canta con nós” recibiu 33 propostas, entre as que o xurado elixiu a gañadora e cinco finalistas.

Esta é a novena edición do concurso musical da CRTVG, a cal precisamente o ano pasado gañara o grupo xuvenil Kings Kids, “os irmáns maiores” de Xeración M, alumnado  tamén de Maison, no Porriño.

Presentamos o novo Punto Violeta, un recurso clave para a seguridade das mulleres

A Secretaria Xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañou hoxe ao alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e á concelleira de Igualdade, Carolina González, na presentación do novo Punto Violeta do Concello do Porriño.

O concello conta dende hai máis dun ano con este recurso nos seus festivais, concertos e actividades,  unha área segura na que se acolle e acompaña de maneira inmediata ás mulleres que sexan vítimas de agresión sexual, ademais de levar a cabo unha función informativa e de sensibilización.

Ata o de agora, de maneira provisional, estaba instalado baixo unha carpa morada, un elemento pouco privado á hora de denunciar unha agresión machista. Hai que ter en conta que se trata do primeiro lugar físico de contención para unha muller que acaba de sufrir un acoso, polo que se require dun espazo pechado e protexido que ofrezca seguridade e privacidade á vítima ante esta situación.

O novo Punto Violeta móbil, unha autocaravana con varios habitáculos, ofrece as condicións acaídas para unha atención inmediata e ademais dispón no mesmo espacio dunha oficina informativa e de denuncia.

A Secretaria Xeral de Igualdade quixo agradecer “ao alcalde e ao todo o equipo de goberno que impulsen iniciativas como a que hoxe presentamos, unha autocaravana Punto Violeta para dar acubillo ás vítimas dunha agresión sexual . Despois de velo en primeira persoa pode ser un proxecto piloto que recollan outros concellos” e apuntou que “para traballar en contra das agresións sexuais temos que facelo dende o conxunto da sociedade, dende todas as administracións e entidades”.

Pola súa banda, Carolina González,  engadiu que, como ata o de agora, estará presente en todos os actos multitudinarios “co fin de converterse nun referente para as mulleres, un lugar seguro ao que acudir en caso de sentirse coaccionadas, de ser agredidas ou simplemente para aclarar dúbidas. Persoal cualificado as atenderá e dará asesoramento xurídico”.

O alcalde concluíu incidindo na importancia de dar a coñecer este recurso “para que todas as mulleres o identifiquen como un lugar seguro ao que acudir, no que se garantiza a confidencialidade e o anonimato. Queremos que todos e todas poidamos disfrutar do noso pobo e das nosas festas sen medo, dende o respecto e a responsabilidade”. Lorenzo lembrou que o Punto Violeta é un dos recursos Viogen cos que conta o Concello do Porriño para seguir traballando na prevención da violencia contra as mulleres e na intervención directa cando estamos fronte a unha posible agresión, como son o Centro de Información á Muller (CIM) e a adhesión ao servizo de atención e protección para víctimas da violencia de xénero (Atenpro), un servizo telefónico de atención e protección para víctimas. Por outra banda o corpo da Policía Local do Porriño está adherido ao sistema de seguemento integral dos casos de violencia de xénero asinado mediante convenio co Ministerio do Interior

O Porriño acende o Nadal este mércores

O Porriño dará a benvida este mércores á tempada de Nadal co acendido do seu alumeado. A praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá a partir dos 17 h varias actividades para festexar por todo o alto o arranque do Nadal.

Ás 17 h actuará o grupo de gaitas Asubío e de seguido un pasarrúas de perxoases infantís e o espectáculo para nenas e nenos “A bailar no Nadal!” farán as delicias dos máis pequenos.

O gran momento chegará ás 18:30 h a cargo dos usuarios e usuarias de Aceesca, que unha vez máis serán os encargados de premer o botón que encherá a vila de maxia.

A festa seguirá cun concerto de Generación M e o espectáculo musical “Mitic. Christmas Family” da man de Álvaro Costas.

ESTE LUNS ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN DO CAMPAMENTO DE NADAL

O vindeiro 22 de decembro comenzará o Campamento de Nadal organizado pola Concellería de Igualdade do Concello do Porriño dirixido aos máis pequenos e pequenas da casa, de idades comprendidas entre os 3 de 12 anos (ambos inclusive ). Tendo preferencia os empadroados no Porriño.

Esta actividade, terá lugar os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro de 2023 e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2024,  en horario de mañá de 9 h a 14 h.

As inscricións poderán facerse presencialmente por rexistro ou por sede electrónica. Abrirase o prazo o luns 4 de decembro ás 9 h e rematará o 12 de decembro ás 9:00 horas.

A listaxe de admitidos e admitidas publicarase na páxina web do Concello. Máximo 50 participantes. Seguirase a orden de inscrición , previa baremación das solicitudes que acrediten a concurrencia dalgunha circunstancia computable.

O lugar de entrega e recollida dos e das participantes será na porta principal do Pavillón municipal no horario indicado (salvo que houbese algún cambio)  Os rapaces e rapazas deberán levar roupa cómoda, calzado cómodo e outro de reposto para poder utilizar no seu caso as pistas do pavillón , unha mochila co calzado de reposto, unha merenda e auga.

No caso de precisar algunha vestimenta diferente, serán as monitores e monitores as persoas encargadas de comunicalo.

Recordade que as únicas persoas autorizadas para entregar e recoller aos rapaces e rapazas do Campamento de Nadal serán as que instaron a solicitude . No caso de ser outra persoa a encargada, esta, deberá ser maior de idade e levar xunto aos monitores e monitoras a autorización correspondente asinada e achegando os D.N.I da persoa autorizante e autorizada.

 

FORMULARIO DE INSCRICIÓN: https://oporrino.org/wp-content/uploads/2023/12/Campamento-Nadal-2023.pdf

                            

Publicadas as bases do Concurso de iluminación e deseño de Nadal de escaparates e vivendas

Xa está a piques de chegar o Nadal e O Porriño prepárase para festexalo por todo o alto con múltiples actividades. Unha delas, o Concurso de iluminación e deseño dos escaparates de Nadal nos establecementos comerciais e tamén nas vivendas do Porriño.

Con este concurso dende o Concello queren promover a participación activa da veciñanza e tamén visibilizar e apoiar ao seu comercio local, conseguindo unha colaboración máis completa para infundir un ambiente navideño decorativo. Todo isto, baseado en valores como o traballo en común e a cooperación. No Porriño somos conscientes do emotivas que son estas datas, e por iso queremos valorar o traballo e o esforzo dos veciños e veciñas e dos nosos comerciantes.

As bases que rexerán o concurso xa se publicaron hoxe. Poderán participar vivendas e establecementos comerciais, hostaleiros e outros negocios empresariais que conten con establecemento físico e aberto ao público. Todos eles do Porriño.

No caso de establecementos comerciais valorarase o escaparate e/ou fachada. No caso das vivendas a decoración exterior.

A decoración deberá realizarse antes do 11 de decembro  e deberá permanecer instalada ata o 7 de xaneiro. Así mesmo, entre o 11 e o 14 de decembro todos os participantes deberán enviar fotos ou vídeos da súa montaxe á dirección de correo electrónico rexistro@oporrino.org .

Haberá dúas categorías de participación, a de establecementos comerciais e a de vivendas. A dirixida a establecementos comerciais terá tres premios un primeiro de 1000 euros, un segundo de 750 e un terceiro de 500. No caso das vivendas os primeiro premio estará dotado de 500 euros, o segundo de 350 e o terceiro 250.

Os premiados serán elexidos polo voto ponderado dun xurado e tamén da votación popular que se efectuará a través das redes sociais do Concello do Porriño

A inscripción xa está aberta e pode formalizarse por rexistro ou mediante o envío do formulario ao seguinte correo electrónico: rexistro@oporrino.org .

BASES: https://oporrino.org/wp-content/uploads/2023/12/BASES-DE-CONCURSO-DE-ILUMINACION-E-DISENO-DOS-ESCAPARATES-DE-NADAL-NOS-ESTABLECEMENTOS-COMERCIAIS-E-NAS-VIVENDAS-DO-CONCELLO-DO-PORRINO-NADAL-2023-1.pdf  

INSCRICIÓN ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS: https://oporrino.org/documentos/folla-inscricion-establecementos-comerciais/

INSCRICIÓN VIVENDAS: https://oporrino.org/documentos/folla-inscricion-vivendas/