TES TALENTO? Abre mañá o seu prazo de inscrición

Chegan as Festas do Cristo e con elas unha nova edición do Concurso de Novos Talentos Musicais Val da Louriña, Tes talento?.

A concellería de Cultura e Festexos fixo públicas hoxe as bases que rexen a participación deste certame dirixido a artistas afeccionados. Como cada ano a participación quedará fixada nunha preselección (pechada ao público) o día 15 de setembro (infantís e adultos/as) no auditorio do Centro Cultural Municipal .

Os adultos terán unha semifinal, celebrarase o 22 de setembro, na praza Arquitecto Antonio Palacios e a final de infantil e de adultos será o día 1 de outubro ás 17 h na praza Arquitecto Antonio Palacios.

Poderán participar neste concurso todas aquelas persoas que o desexen, con límite de idade de 15 anos na modalidade infantil e de 16 en diante na de adultos. Poderán presentarse tamén grupos ata un máximo de catro componentes nas dúas modalidades.

O prazo de inscrición abrirase mañá, mércores 6 de setembro, e rematará o 14 de setembro, en horario de luns a venres de 9 a 14 h, nas dependencias do Rexistro do Concello do Porriño.

Podedes descargar as bases e os impresos de solicitude na seguinte ligazón:

 

BASES DO CONCURSO NOVOS TALENTOS MUSICAIS VAL DA LOURIÑA 2023

SOLICITUDE DE INSCRICIÓN PARA O CONCURSO NOVOS TALENTOS MUSICAIS VAL DA LOURIÑA 2023 – TES TALENTO?

AUTORIZACIÓN PARA A PARTICIPACIÓN DE MENORES NO CONCURSO NOVOS TALENTOS MUSICAIS VAL DA LOURIÑA 2023

O Porriño recibirá arredor de 10.000 persoas no Negrita Music Festival

O Porriño posicionase como referencia cun dos eventos máis importantes da música urbana no país, o Negrita Music Festival, que terá lugar os días 9 e 10 de setembro. A catro días do evento o aforo roza o sold-out e serán arredor de 10.000 as persoas que vibrarán en cada unha das xornadas da que será a última gran cita da tempada estival no sur de Galicia.
 
O evento, promovido polo grupo Berdinet baixo a dirección de Leitmotiv Producciones, conta coa colaboración do Concello do Porriño, da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. Así, esta mañá foi presentado na vila polo alcalde, Alejandro Lorenzo, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta primeira da Deputación Pontevedra , Marta Fernández-Tapias, xunto con representantes da organización.
 
A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, destacou que acudir esta fin de semana ao Negrita Music Festival “É unha boa forma de despedir a programación musical do verán”. Tras felicitar aos organizadores, ensalzou a calidade dos festivais que se celebran na provincia e que se teñen convertido nun importante reclamo desde o punto turístico e cultural”.
 
Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, destacou o cartel das festas do Concello do Porriño e sinalou que o Goberno galego sempre dará o seu apoio ás iniciativas municipais destinadas á cidadanía. “O labor da Xunta está e estará en todo momento volcado no fomento da cultura e as actividades que teñen como obxectivo a súa divulgación”, sinalou a representante autonómica.
 
O alcalde, Alejandro Lorenzo, concluíu destacando a importancia de “acoller un evento desta magnitude, que non so xerará un gran impacto económico no noso pobo senón que contribuirá a posicionalo como un lugar de referencia”. O rexedor agradeceu á organización que “elixira O Porriño para levar a cabo este festival con artistas e músicos de gran repercusión para disfrute da veciñanza e reforzando a nosa aposta por dalo a coñecer e convertilo nun destino cultural e turístico de primeiro nivel”.
 
MELENDI, RELS B, CRUZ CAFUNÉ O LA ZOWI DOMINAN o CARTEL
 
Este formato que leva xirando por toda España dende abril terá aquí a súa última parada tras Alicante, Barcelona ou Santander.
 
A última incorporación, como se anunciou dende a organización a pasada semana, é Melendi, que completa un cartel que xa rozaba o sold-out cos primeiros nome. Con 20 anos de traxectoria, converteuse nun símbolo do vintage grazas ao tema de Supernova de Saiko ou os remix do Nano en honor a Fernando Alonso.
 
Xunto a él, grandes nomes como Rels B, Cruz Cafuné o La Zowi, todos eles iconos absolutos da música urbana no último lustro no noso país. Soamente o primeiro roza os 20 millóns de oíntes mensuais en Spotify, mentre que os outros destacaron coas súas colaboracións con Don Patricio, Soto Asa ou Yung Beef.
 
Nesa mesma xornada tamén actuarán os últimos representantes da nova ola de artistas arxentinos que copan as listas de éxitos con outros nomes como Duki, Nathy Peluso, Nicki Nicole ou Bizarrap. Os DJs de Bresh pincharán a súa coidada selección de éxitos que xa soaron na celebración arxentina do último mundial ou n Son do Camiño, onde puxeron a guinda tras as actuacións de Vetusta Morla e Aitana no Monte do Gozo.
 
Como representación da música electrónica en Galicia destacan especialmente o local Groove Amigos –que xa pinchou no Ultra ou con Guetta en Castrelos- ou Galician Army, dúo lucense que revolucionou este verán as pistas de baile. Pincharán tamén os porriñeses Traffic House, Samu Pexe, Keva e Pitty
Na xornada do domingo destacan xunto a Melendi o dúo colombiano Cali y el Dandee, líderes da nova onda do reggaeton a comezos da década pasada que soou en todo o noso país.
 
As entradas para cada xornada están á venta desde 23 euros para cada día, mentres que o abono xeral costa 37 euros. A plataforma de venta ofrece a opción de adquirilos aproveitando o Bono Cultural e conta con reservas para o aparcamento anexo.
 
A organización fletará autobuses desde Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Barbanza e Ourense para acudir ao recinto ubicado na rúa Progreso, entre a estación de tren e a A-55.

Os motores volverán ruxir no velódromo co XVI Dirt Track Xacob Agra

Un ano máis, e xa van dezaseis, o velódromo municipal do Porriño acollerá a Dirt Track Xacob Agra. Como cada ano, o motoclub Papaya en colaboración co Concello do Porriño, organiza esta carreira noturna que reunirá no óvalo porriñés a pilotos chegados de toda a xeografía galega e tamén do país veciño.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deporte, Abel Estévez, xunto a Xoaquín Agra, presidente do motoclub Papaya, e o piloto porriñés Xacob Agra, presentaron esta mañá o evento.

“Como cada ano por estas datas poderemos disfrutar deste espectáculo deportivo, unha cita marcada na axenda de todos os amantes do motor que cada edición conta cunha enorme participación e implicación do público”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que quixo agradecer ao Motoclub Papaya o “gran nivel organizativo que demostran cada ano, que fixo posible consolidar este evento deportivo de referencia en toda Galicia”.

A proba desenvolverase como cada ano en eliminatorias por grupos (clasificatorias, repescas, semifinais e finais). Prevese que disputen a proba preto de 40 pilotos, 20 en adultos e outros na modalidade infantil que será exhibición, chegados de toda a xeografía galega e tamén do país veciño. Cabe destacar que nesta edición debutará nesta disciplina o piloto local Jose Calvar.

O elenco de Teatro Fontevella dará o pregón das Festas do Cristo 2023

As Festas do Cristo regresan este ano ao Porriño con máis dun cento de actividades para todos os públicos e gustos. Propostas deportivas, espectáculos, animación de rúa, monólogos, verbenas, concertos e moitas sorpresas conforman a programación que xa deu comezo esta fin de semana e que se prolongará ata o domingo 1 de outubro coa tradicional cita gastronómica dos callos, que este ano chega á súa trixésimo edición.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura e Festexos, Bienvenido Estévez, presentaron hoxe o cartel das festas acompañados por unha representación da hostalería porriñesa e polos pregoeiros deste ano: o elenco de Teatro Fontevella.

“As nosas festas son unha seña de identidade, cultura e tradición e ninguén mellor que os actores e actrices de Fontevella para representar estes valores”, apuntou o alcalde, “Para O Porriño será unha verdadeira honra velos no balcón da Concello dando o pistoletazo de saída aos nosos días grandes”.

O rexedor quixo facer unha mención especial a Amparo Tellado, que a piques de cumprir os 94 anos será a encargada de dirixir o pregón. “Amparo é a actriz galega de maior idade e ten un talento que non deixa a ninguén indiferente”, engadiu Lorenzo, “Estou seguro que co seu pregón nos cautivará a todos como o fai cada vez que se sube ao escenario”.

Xunto a Amparo, estarán os seus compañeiros e compañeiras da compañía: Adriano, Balbina, Susana, José, Enrique, Daniel, Lola, Valentina, Andrés e Chelo Pampillón, a directora do grupo.

“É para nós unha honra ser os pregoeiros das Festas do Cristo”, manifestou Pampillón, “A ver se o balcón do Concello aguanta, porque ese día ten que soster os máis de 500 anos que sumamos de recordos, historia e moitas Festas do Cristo vividas”.

Cabe destacar que o pregón, á vez que recoñece a traxectoria deste grupo, será tamén unha celebración do aniversario xa que foi nas Festas do Cristo, hai xa 28 anos, cando subiron por primeira vez a un escenario con Castelao e a obra “Os vellos non deben namorarse”.

30 días festexando O Porriño

A programación arrancou xa na Vila do Louro e estenderase durante todo o mes de setembro. Como cada ano, a música e o deporte terán un papel protagonista, ao igual que as actividades infantís.

Panorama , El Combo Dominicano, Grupo América, Girls Gang, Os CoriBantes e moitos máis poñerán a banda sonora a estas festas, sen esquecernos do Louro Valley Festival, cuxo cartel será presentado nos vindeiros días, o Negrita Music Festival, que traerá ao Porriño a Melendi, Rels B e Cali & el Dandee, entre outros, e o Montando Cristo Festival, que reunirá a Buxa, Hard Trip Castro e Los Escoltas/ The Brooke.

Regresa tamén outro dos clásicos, o certame musical Tes Talento, e tamén o fai a Batalla de Galos. O deporte, da man dos clubs deportivos do municipio, xogará de novo un papel fundamental nestas festas.

O broche final, como cada ano, o poñerá a Festa dos Callos que chega xa á súa 30 edición e o fará por todo o alto.

“Agardo que estas Festas do Cristo sexan do agrado dos vecinos e veciñas e de todas aquelas persoas que queiran visitarnos”, concluíu o rexedor que quixo trasladar o seu “agradecemento á hostalería e comercio local, asociacións e clubs deportivos do Porriño que nos axudan a dar forma a estes días para que todos podamos disfrútalos xuntos e seguir facendo do noso pobo un lugar de referencia”.

O Concello do Porriño inicia as obras de acondicionamento da nova aula de estudios que abrirá en outubro

 

  • Establecerase un control de acceso, libre e gratuíto para toda a poboación, que funcionará todos os días semana, en horario de mañá e tarde, con reforzo en época de exames
  • Os traballos supoñen unha inversión de 140.000 euros e prevense que estean rematados en menos dun mes
  • Esta nova localización, no caso urbano, fai posible devolver ao seu lugar a Escola Municipal de Música

 

O Concello de Porriño abrirá no mes de outubro a nova aula de estudio, na rúa Antonio Palacios. Os traballos de acondicionamento deste baixo, de 207,65 metros cadrados, próximo á casa consistorial, en pleno casco urbano, deron comezo esta mesma semana e prevense que estean finalizados no prazo dun mes, así o confirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, nunha visita na que comprobou o estado da obra.

O orzamento destinado a esta actuación é de 139.830 euros. O local está actualmente lóbrego, polo que a empresa concesionaria ten que realizar unha serie de obras de adaptación que consistirán na formación das divisións do local interior para dispoñer dunha zona de local multiusos e dous aseos, con todo o que elo supón: pavimentos, albanelaría, carpintería, illamento, pintura…. Ademais deberán executar traballos na  fachada, así como as instalacións de fontanería, saneamento, ventilación, climatización e electricidade.

O alcalde explica que “unha vez aberta a aula, instalarase un sistema de acceso libre e gratuíto, controlado mediante tarxeta con porta automatizada. Estará aberta ao público todos os días da semana, en horario de mañá e tarde, e con reforzo en época de exames”.

 

Recuperación das instalacións da Escola de Música

A actuación beneficiará tamén á Escola Municipal de Música, que volverá ás que foron sempre as súas instalación no centro cívico, na Avenida Domingo Bueno.

Fai tres anos que, por decisión do anterior goberno, todo o alumnado da escola reubicouse en aulas do multiusos de Torneiros, “o lugar menos apropiado para impartir ensinanzas con prácticas musicais, pois o edificio está destinado a accións formativas e de emprego, e o son dos diferentes instrumentos non é compatible coa actividade que alí se realiza, sendo unha molestia para o desenvolvemento dos cursos que se realizan”, explica Lorenzo. Ademais, “estiveron soportando humidades e filtracións de auga sen dar solución algunha ata a chegada do actual goberno, que tramitou con urxencia a súa reparación, que foi efectiva este ano 2023, ao mesmo tempo que se realizarán máis homologacións de aulas para ser destinadas a diversos cursos formativos e viveiro de empresa”.

Dada a situación, “consideramos unha prioridade sacar a Escola de Música do multiusos de Torneiros e que volvera a onde sempre estivo, no centro cívico de Porriño, sacando así o máximo partido a ambas instalacións”.

Consecuentemente, a aula de estudio localizada no centro cívico debía trasladarse a outro lugar, de aí a idea de habilitar este novo espazo. “Un servizo que mantemos e melloramos, trasladándoo agora a este novo local, con dobre acceso, un dende o número 8 da rúa Antonio Palacios e outro dende a zona axardinada traseira, que pasará a formar parte do gran parque e zona verde que unirá as rúas Pío XII e Antonio Palacios”, sinala o alcalde.

A vila do Louro acolle o domingo a súa XI Milla Porriñesa

 

  • Máis dun cento de persoas participarán nesta proba de atletismo polas rúas do casco urbano que ten aberta a inscrición ata a medianoite de mañá sábado

Mañá o protagonista será o ciclismo e o domingo o atletismo. E é que en Porriño non deixan de celebrarse eventos deportivos, máis aínda chegadas estas datas previas ás xornadas festivas do Cristo. “É un orgullo ser o Concello do Deporte, un distintivo conseguido grazas ao labor, traballo e esforzo continuo de todos os clubs do municipio, que se implican na promoción do deporte de base e na organización e posta en marcha de distintas competicións e probas ao longo de todo o ano como son A Nocturna, que ten lugar mañá e a Milla Porriñesa o domingo”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo asegurando que dende o goberno local “seguiremos apoiando o deporte, un dos alicerces da nosa vila”.

Este domingo, 3 de setembro, dende ás 10.00 horas, con saída e meta a Praza Arquitecto Antonio Palacios, terá lugar a tradicional Milla Porriñesa que chega a súa undécima edición. Organizada polo Concello en colaboración co Club Atletismo Porriño a proba ten aberta aínda ata a medianoite de mañá sábado a inscrición, de balde, a través da web www.atletismopor.com

Poderán participar atletas federados e non federados, habendo unha soa clasificación conxunta. A proba é aberta a diferentes categorías, os pequenos de 2 a 4 e de 5 a 7 anos correrán 100 metros, os de 8 a 10 anos 400 e os de 11 a 14 anos 800 metros. A carreira absoluta comezará ás 11.00 horas na que competirán, por categorías, de 15 a 35 anos, de 35 ata 50 e maiores de 50, nunha distancia de 1.609 metros, o que equivale a unha milla.

Premios e trofeos

Tódolos participantes recibirán unha medalla conmemorativa da proba ao entrar na meta. A entrega de trofeos realizarase no podio de vencedores o mesmo día na Praza Antonio Palacios, haberá trofeo para os tres primeiros de cada categoría e sexo.

Preto de 400 participantes na Nocturna do Porriño

 

  • A proba ciclista dispútase mañá sábado a partir das 17.00 horas polas rúas do casco urbano con récord de participación

Un total de 372 ciclistas tomarán mañá sábado as rúas do casco urbano de Porriño na tradicional Nocturna que se celebra cada ano no mes de setembro. O Club Máster da Louriña organiza esta proba  na que teñen cabida tódalas categorías Elite Sub-23 masculino e feminino e que neste 2023 bate récord de participación.

“Celebramos un novo acontecemento deportivo na vila, un clásico que reúne a centos de persoas amantes e afeccionados do ciclismo. Dende o Concello do Porrriño, como entidade colaboradora, agradecemos o labor do Club Máster da Louriña na organización desta proba coa que se podería dicir que damos o pistoletazo de saída ao mes máis festivo do municipio”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.

Restricións ao tráfico

A hora establecida para a saída dos primeiros participantes é ás 17.00 horas, prolongándose ata preto da medianoite.

Con tal motivo, dende a Policía Local informan dunha serie de restricións ao tráfico rodado. Concretamente, queda prohibido estacionar e aparcar a partir das 14.30 horas e non estará permitido o tráfico rodado dende as 16.45 ata ás 23.30 horas polas rúas Pío XII, Ramón González, Manuel Rodríguez (dende o número 1 ata rúa Xogo da Ola), Xogo da Ola, Leandro Diz (dende intersección rúa Xogo da Ola ata rúa Cando), Cando, Peña e nos estacionamentos da praza de abastos.

 

A Piscina Municipal do Porriño retoma hoxe a actividade

 

  • As instalacións retoman o seu horario habitual, de luns a domingo
  • Inícianse tamén os cursos de natación, ximnasia de mantemento e aquagym que manteñen a inscrición aberta

 

Comeza un novo mes e con el faino tamén o curso na piscina municipal do Porriño. As instalacións retoman hoxe a actividade no seu horario habitual. Os luns e mércores de 07.00 a 22.00 horas, os martes e xoves de 07.00 a 22.15 horas, os venres de 07.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas e o domingo de 10.00 a 14.00 horas.

Do mesmo xeito, inícianse tamén os cursos de natación, infantís, para bebés e de adultos; ximnasia de mantemento e aquagym para as persoas que xa tiñan reservada a praza, permanecendo aínda aberto o prazo de inscrición tanto para as actividades como tamén para facerse socio.

O alcalde Alejandro Lorenzo vén de visitar precisamente esta mañá as instalacións ás que acoden diariamente, de luns a domingo, numerosas persoas. “É primordial ofertar este tipo de servicios e de cursos dirixidos por un monitor. Dende o Concello traballamos a diario en mantelos e melloralos en favor da veciñanza, promovendo a práctica deportiva entre pequenos e maiores”.

Publicadas as bases para a instalación de postos nas Festas do Cristo 2023

 

O Concello do Porriño vén de publicar as bases para a instalación de postos e atraccións nas Festas do Cristo 2023. 

A solicitude de preinscripción pode descargarse na seguinte ligazón:

https://oporrino.org/documentos/solicitude-postos-de-venda-tombolas-casetas-ou-atraccions-festas-do-cristo-2023/

Tamén pode recollerse no Concello do Porriño ata o 14 de setembro, en horario de 9 a 14h. Toda a documentación requerida nas bases será entregada no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica ata o 14 de setembro. 

BASES INSTALACIÓN POSTOS E ATRACCIÓNS FESTAS DO CRISTO 2022:

https://oporrino.org/documentos/bases-de-funcionamento-dos-postos-de-venda-tombolas-casetas-ou-atraccions-festas-do-cristo-2023/