O Concello do Porriño reafirma a súa aposta polo deporte coa celebración do X Tríatlon

 

  • A proba contou con 166 participantes e percorreu as vilas de Tui e O Porriño a través de natación, ciclismo e carreira a pé

O Porriño, 15 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño acolleu este domingo unha nova edición do Tríatlon do Concello do Porriño reunindo a 166 participantes nun percorrido que conectou as vilas de Tui e O Porriño a través das tres disciplinas tradicionais do tríatlon: natación, ciclismo e carreira a pé.

A proba, organizada polo Concello do Porriño, coa colaboración do Concello de Tui e da Federación Galega de Tríatlon (FEGATRI), deu comezo ás 11:00 h desde a Comandancia Naval do Miño, en Tui, e rematou diante da Casa do Concello do Porriño, nun ambiente de gran participación e expectación.

O percorrido incluíu 750 metros de natación no río Miño, 20 quilómetros de ciclismo ata o centro do Porriño e, finalmente, unha carreira a pé de 5 quilómetros por un circuíto urbano. A proba desenvolveuse con total normalidade e seguridade, gracias a un amplo dispositivo de coordinación entre a Policía Local de Tui e O Porriño, Protección Civil, unha ambulancia básica, unha UVI móbil e máis de 100 voluntarios dos clubes deportivos locais.

Os vencedores e vencedoras da décima edición foron:

  • Circuito masculina: Alejandro Rodríguez Rilo, David González Borges e Lucas Riola Delgado.
  • Circuito Feminina: Carla Guisande Vieito, Ana Pérez García-Picher e Mirian Trigo Castro. 
  • Popular masculina: Martín López Mosquera, Daniel Feijóo Ferreiro e Javier Giráldez Piñeiro 
  • Popular feminina: Aida Valiño Gómez, Orsolya Andrea Simón e Joana Ruibal Pires. 

A triatleta galega Carla Guisande Vieito, campioa de España de Supersprint por Relevos e Duatlón Contrarreloxo, foi tamén a madriña desta edición. 

Na entrega de premios, o Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o éxito organizativo e destacou o compromiso do municipio co deporte como ferramenta de transformación social:

“No Tríatlon do Concello do Porriño apostamos por un modelo de deporte que mellora a saúde, dinamiza o turismo e promove valores de convivencia. Ademais, quero agradecer expresamente a colaboración do Concello de Tui, da Comandancia Naval, así como o traballo impecable das forzas de seguridade, os voluntarios e os equipos sanitarios despregados. Sen eles, sería imposible garantir unha proba segura e de calidade como esta”.

A celebración desta décima edición consolida ao Tríatlon do Concello do Porriño como un referente no calendario galego, e reafirma o compromiso da vila cun deporte accesible, seguro e de calidade.

O Porriño rende homenaxe ao talento local na gala dos II Premios Antonio Palacios

 

  • O Festival de Cans, a Imprenta Paz e Gráficas Bolfer, o Círculo Recreativo Cultural CRC,  Claudio Giráldez e Lola Magno son os premiados desta edición 

O Porriño, 14 de xuño de 2025.- A Praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu esta noite a gala dos II Premios Antonio Palacios, un acto cargado de emoción, identidade e recoñecemento ao talento porriñés nos ámbitos da cultura, a empresa, o compromiso social, o deporte e a memoria histórica. Centos de persoas reuníronse para celebrar o labor e a traxectoria dos premiados nunha xornada festiva que comezou pola mañá e se prolongou ata entrada a noite.

O día arrincou co II Concurso de Pintura Rápida “Pintando a Palacios”, seguido dun concerto da Agrupación Musical do Porriño. Xa pola tarde, entregouse o premio do certame pictórico e, a partir das 21:00 horas, deu comezo a gala central da xornada, conducida pola presentadora Icia Alcalde, coa interpretación do Himno Galego a cargo de Noemi Fernández e Banda de Gaitas de Paramos e a proxección dun vídeo conmemorativo.

O primeiro dos recoñecementos da noite foi o Premio á Cultura, que recaeu no Festival de Cans, unha iniciativa que transforma o Porriño nun referente do cinema galego, combinando vangarda, participación veciñal e identidade rural. Recolleu o galardón o director do festival, Alfonso Pato. O premio foi entregado por Bienvenido Estévez, Concelleiro de Cultura do Concello do Porriño.

A continuación, entregouse o Premio á Empresa, que foi para Imprenta Paz e Gráficas Bolfer, dúas empresas familiares cunha longa traxectoria vencellada ao desenvolvemento do tecido económico local. Foron recoñecidas polo seu compromiso coa calidade, a innovación tecnolóxica e o servizo á comunidade. A entrega deste premio correu a cargo de Carlos Martínez, Tenente-Alcalde e Concelleiro de Industria do Concello do Porriño.

O Premio ao Compromiso Social recaeu no Círculo Recreativo Cultural CRC, unha entidade histórica no municipio que ten servido como espazo de encontro e dinamización durante décadas. Recolleu o premio o seu presidente, Abel Gallego, e fixo a entrega Nava Castro, Deputada de Turismo.

No ámbito deportivo, o Premio ao Deporte foi concedido a Claudio Giráldez González, actual adestrador do Real Club Celta de Vigo e referente na formación de base e nos valores do deporte. O galardón foi recollido polo seu sobriño xa que o premiado non puido asistir e enviou un vídeo de agradecemento. A encargada de facer a entrega foi Ana Ortiz, Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo.

O momento máis emotivo da noite chegou coa entrega do Premio de Honra, concedido a título póstumo a Lola Magno, coñecida como “Lola a fotógrafa”, pioneira da fotografía no Porriño e autora dun arquivo visual irrepetible sobre a vida e evolución da vila. O premio foi recollido pola súa filla, Cristina Blázquez, e entregado polo Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

No peche da gala, o alcalde agradeceu a presenza de todos os asistentes e “o exemplo de cada persoa e entidade premiada, que coa súa traxectoria dignifican o nome do Porriño e representan o mellor da nosa identidade”. Na súa intervención, destacou tamén que:

“Hoxe reafirmamos algo que os porriñeses sentimos cada día: que aquí hai talento, hai memoria e hai futuro. Estes premios non son só unha homenaxe a Antonio Palacios, senón tamén unha mirada cara a todo o que somos capaces de construír como comunidade.”

A música da Banda de Gaitas de Paramos puxo o broche final a unha noite que quedará na memoria colectiva do municipio, unindo recoñecemento e celebración arredor da figura do arquitecto Antonio Palacios, símbolo do orgullo porriñés.

O Concello do Porriño informa dos cortes de tráfico previstos pola celebración do X Tríatlon este domingo

 

O Porriño, 13 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño informa á veciñanza que, con motivo da celebración da X Edición do Triatlón, que terá lugar o domingo 15 de xuño, será necesario realizar cortes puntuais de tráfico rodado e establecer restricións de estacionamento en distintas vías do termo municipal. As medidas de tráfico afectarán tanto ás parroquias como ao centro urbano, e teñen como obxectivo garantir a seguridade das persoas participantes e do público asistente ao evento deportivo.

Zonas e horarios con cortes e restricións:

No casco urbano:
Horario: de 11:00 h a 13:30 h
Estacionamento prohibido dende as 06:00 h

  • Corte desde Atios–A Guía (cruce de Riego) ata C/ Domingo Bueno (cruce 5ª Avda.)
  • Tramo entre a 5ª Avda. e a rotonda dos Aloques: prohibido circular e estacionar
  • Avenida de Galicia (carril esquerdo sentido Tui–Vigo): tráfico cortado e prohibición de estacionamento
  • C/ Ramiranes ata C/ Peña, C/ Cando e C/ Leandro Diz: carrís esquerdos cortados e sen estacionamento
  • C/ Manuel Rodríguez ata C/ Ramón González (Pío XII) e ata O Celtiña: restricións de estacionamento
  • C/ Antonio Palacios: dende o Concello ata a rotonda dos Aloques
  • C/ Domingo Bueno: corte desde as 07:00 h ata finalizar a proba; estacionamento prohibido dende as 06:00 h

Nas parroquias:
Horario: de 10:45 h a 13:00 h

  • Estrada de Ribadelouro cara Mosende (zona farmacia)
  • Estrada de Mosende en dirección a Torneiros
  • Estrada de Atios–Cataboi ata o cruce de Atios–A Guía 

O Concello solicita a máxima colaboración cidadá, e recomenda planificar con antelación os desprazamentos durante esa xornada. Agradecemos a comprensión da veciñanza polas molestias ocasionadas, co fin de garantir o éxito dunha proba deportiva que reúne participantes de toda Galicia.

O Concello do Porriño apoia a participación da mocidade local no proxecto Pegadas

 

  • Unha oportunidade transformadora de formación e camiño para mozos e mozas de 18 a 29 anos, totalmente gratuíta

O Porriño, 13 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño súmase á difusión do proxecto Pegadas, coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela, que busca mellorar a empregabilidade da mocidade a través dunha experiencia formativa e vivencial única: realizar o Camiño de Santiago Portugués xunto a outros mozos e mozas de Galicia, Portugal e España.

A iniciativa está dirixida a persoas de entre 18 e 29 anos, e ofrece formación online, unha expedición de cinco días polo Camiño e acompañamento profesional. Todo o proceso é totalmente gratuíto, incluíndo a formación, transporte, manutención, aloxamento e material necesario (mochila, chuvasqueiro, camiseta e gorro).

Como participar:

As persoas interesadas deben inscribirse a través da web oficial do proxecto: https://pegadas.eu

Unha vez inscritas, recibirán acceso a unha formación online de 40 horas, centrada en temáticas como novas tecnoloxías, pensamento crítico, emprendemento e sostibilidade. Superada esta etapa, pasarán a formar parte dunha base de datos de participantes elixibles para as expedicións do camiño, nas que estarán acompañados por persoal técnico e formadores especializados.

Datas das expedicións (2025):

  • Xuño: do 16 ao 20 · do 23 ao 27
  • Xullo: do 21 ao 25 · do 28 ao 1 de agosto
  • Setembro: do 1 ao 5 · do 8 ao 12 · do 15 ao 19 · do 22 ao 26 · do 29 ao 3 de outubro

Un proxecto para medrar

“Desde o Concello do Porriño animamos á nosa mocidade a participar nun proxecto que combina formación, mobilidade, experiencias compartidas e valores como o esforzo, a convivencia e o coñecemento do territorio”, destacou o alcalde, Alejandro Lorenzo. “O proxecto Pegadas é unha oportunidade real para mellorar a empregabilidade e fortalecer a autoestima, as capacidades sociais e profesionais dos nosos mozos e mozas”.

Toda a información e inscricións están dispoñibles na web oficial do proxecto:
👉 https://pegadas.eu

O Concello do Porriño organiza este sábado visitas guiadas pola ruta de Antonio Palacios

 

  • Realízanse con motivo da entrega dos premios que levan o seu nome 

O Porriño, 13 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño, a través da Concellaría de Turismo, organiza este sábado 14 de xuño dúas visitas guiadas pola Ruta Antonio Palacios, co obxectivo de poñer en valor o legado e o patrimonio que o ilustre arquitecto deixou na súa vila natal.

As visitas, que terán lugar ás 16:00 h e ás 17:15 h, estarán guiadas por unha profesional oficial e están abertas ao público en xeral, con reserva previa e un máximo de 25 persoas por grupo. O punto de partida será nas escaleiras da Fonte do Cristo, a primeira obra de Antonio Palacios no Porriño, que constitúe un símbolo emblemático da súa pegada arquitectónica na vila.

Esta actividade enmárcase na programación especial organizada con motivo da entrega dos Premios Antonio Palacios, unha iniciativa do Concello que busca salientar a figura dun dos grandes referentes da arquitectura galega e española.

Alejandro Lorenzo, Alcalde do Porriño, destaca que “coñecer a obra de Palacios é comprender parte da nosa identidade. Esta ruta permite achegar o seu legado tanto á veciñanza como ás persoas visitantes, fomentando o orgullo polo noso patrimonio.”

Pola súa banda, Vanessa Ucha, Concelleira de Turismo, subliña que “estas visitas constitúen unha oportunidade única para redescubrir O Porriño a través dos ollos dun dos seus fillos máis ilustres e para sentir o orgullo polo patrimonio arquitectónico que temos.”

Desde o Concello do Porriño animamos a toda a cidadanía a participar nesta actividade cultural e divulgativa, que convida a reflexionar sobre o presente coa mirada posta no pasado e a recoñecer a importancia da figura de Antonio Palacios na historia da nosa vila.

O Porriño impulsa o saneamento de O Seixo-Arrotea cun investimento de máis de 191.000 euros

• Unha obra que levará o saneamento a vivendas que carecían deste servizo básico e responde ao compromiso do Concello coa igualdade de servizos no rural

O Porriño, 13 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño continúa a cumprir o seu compromiso co saneamento total do municipio, dando un paso clave coa aprobación e licitación do proxecto de instalación da rede de saneamento nos núcleos de O Seixo e Arrotea, nas parroquias de Pontellas e Torneiros.

Esta actuación, considerada prioritaria polo goberno local, supón un investimento total de 191.033,26 euros, IVE incluido, e permitirá dotar de rede de sumidoiros a vivendas que ata o de agora non contaban con este servizo esencial, mellorando de xeito directo a calidade de vida da veciñanza. O prazo previsto de execución é de 4 meses e actualmente o proxecto atópase en fase de licitación.

O Alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “seguimos investindo nas parroquias porque son parte esencial do noso municipio. Esta obra supón un paso máis cara ao obxectivo de acadar un Porriño con saneamento universal, vivas onde vivas”.

Máis de 1.000 metros de tubaxe e 41 pozos de rexistro

O proxecto contempla unha actuación integral que inclúe:

Instalación de 4 colectores principais e ramais auxiliares (1A, 2A, 3A e 4A).

1.028 metros lineais de tubaxe de PVC SN4 de entre 160 mm e 315 mm de diámetro.

41 pozos de rexistro prefabricados de formigón armado (HM).

Acometidas individuais de saneamento en PVC de Ø160 mm.

Soterramento en gabias sobre cama de area, con pendentes do 1 ao 15% e profundidade mínima de 1,5 metros.

Unha vez completada a instalación da rede, procederase á repavimentación dos camiños afectados con mestura bituminosa en quente tipo AC16 SURF 50/70 S de 5 cm de espesor, e á reposición da sinalización horizontal e marcas viais.

 

Investimento estratéxico para a igualdade territorial

Esta actuación inscríbese na estratexia global do goberno municipal para garantir que todas as parroquias conten con infraestruturas básicas de calidade, co obxectivo de acadar un Porriño con saneamento universal antes do remate do mandato.

“O saneamento é unha prioridade para este goberno. Non é só unha obra, é unha cuestión de dignidade, saúde pública e respecto polo medio ambiente”, concluíu o rexedor.

 

O Porriño presenta o seu X Tríatlon como referente deportivo

 

• Celébrase o domingo dende as 11:00 h e conta con 166 participantes

O Porriño, 12 de xuño de 2025.– Esta mañá celebrouse no Concello do Porriño a presentación oficial do X Tríatlon O Porriño–Tui, que se desenvolverá este domingo 15 de xuño nun percorrido que unirá ambos municipios a través de tres disciplinas: natación, ciclismo e carreira a pé.

O tríatlon, organizado polo Concello do Porriño, coa colaboración de Tui e FEGATRI, arrancará o domingo ás 11:00 h e rematará arredor das 13:00 h, con de 166 participantes. A saída terá lugar desde a Comandancia Naval do Miño en Tui e a meta estará situada diante da Casa do Concello do Porriño..

A triatleta Carla Guisande, campioa de España Supersprint Relevos/Parellas e campioa de España Duatlón Contrarreloxo, agradeceu ser a madriña desta edición e sinalou que “é unha honra formar parte dun evento que representa o espírito do tríatlon e o esforzo compartido”.

O acto contou coa presenza do Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do Concelleiro de Deportes, Abel Estévez; do Concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez; do Director Deportivo da FEGATRI, Carlos David Prieto; e da Triatleta Carla Guisande Vieito, madriña da proba e referente galega neste deporte.

Durante a súa intervención, o Alcalde, Alejandro Lorenzo destacou: “É un orgullo presentar unha proba que une deporte, colaboración institucional e posta en valor do noso territorio. Apostamos polo deporte como ferramenta de saúde, turismo activo e convivencia entre concellos”.

O Concello reafirma así o seu compromiso cun deporte inclusivo, seguro e transformador, que implica á veciñanza, ás institucións e ao territorio.

 

O Porriño acolle este sábado o “GP Concello do Porriño” nas categorías Elite e Sub23

 

  • Trátase dunha proba de ciclismo nacional que puntúa para ranking RFEC, que a súa vez é o campionato galego da categoría

O Porriño, 12 de xuño de 2025.– O Porriño converterase este sábado no epicentro do ciclismo galego coa celebración do Gran Premio Concello do Porriño nas categorías Élite e Sub23, unha proba nacional de máximo nivel, que a súa vez é o  campionato galego da categoría e na que, polo tanto, se descubrirán os campións Élite e Sub23 galegos.

Organizada polo Club Master da Louriña, coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello do Porriño, a carreira arrancará ás 16:30 horas e contará coa participación de máis de 100 ciclistas. Os deportistas deberán completar un esixente percorrido de 137 km, con 3,5 km de saída neutralizada e un desnivel acumulado de 1.273 metros. 

Durante a presentación do evento desta mañá, o Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este tipo de competicións consolidan o noso municipio como referente do deporte galego e atraen centos de persoas que poden gozar dun espectáculo deportivo de primeira”. No acto estiveron tamén presentes Juan José Álvarez, Presidente do Club Master da Louriña; Óscar Sánchez e Jacobo Ucha, representantes da Federación Galega de Ciclismo; Rafael Pérez, patrocinador principal privado da proba; e María Felisa Rodríguez Carrera, Concelleira de Deportes de Mos. 

A competición será retransmitida en tempo real a través do sistema de radio volta da Federación Galega de Ciclismo, permitindo un seguimento minuto a minuto do desenvolvemento da carreira.

Desde o Concello do Porriño animamos a toda a veciñanza a saír ás rúas e achegarse ás inmediacións do percorrido para apoiar aos corredores e desfrutar dun sábado de ciclismo de elite, nun evento que servirá para coroar os novos campións galegos da tempada.

O Concello do Porriño impulsa unha experiencia educativa pioneira en motociclismo para o alumnado de Primaria

 

O Porriño, 12 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño organizou esta semana unha actividade educativa innovadora dirixida ao alumnado de 6º de Educación Primaria dos centros escolares do municipio. A iniciativa, que tivo lugar os días 10 e 12 de xuño, permitiu que 126 nenos e nenas, acompañados por 9 docentes, participasen en visitas guiadas á Escola de Motociclismo IKERIC RACING Sport Galicia, situada nun complexo de máis de 25.000 metros cadrados.

Durante as visitas, os participantes coñeceron as instalacións, recibiron nocións básicas sobre seguridade viaria, mecánica e o funcionamento do motociclismo de competición, e tiveron ocasión de compartir espazo con pilotos profesionais convidados/as especialmente para a actividade.

O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, participou nunha das xornadas e destacou “a importancia de que o Concello promova accións formativas que saen fóra das aulas e que permiten ao alumnado aprender dun xeito práctico, ameno e con valores”. Durante a súa visita, afirmou tamén que: “Queremos que os rapaces e rapazas do Porriño teñan acceso a experiencias enriquecedoras que lles abran portas a novos intereses, como é o caso do motociclismo, sempre desde a seguridade e a formación”.

Pola súa parte, a Concelleira de Educación, Carolina González Costas, sinalou que “o obxectivo destas visitas foi proporcionar unha experiencia formativa distinta, que axude a concienciar sobre a seguridade na estrada, esperte vocacións e promova estilos de vida saudables a través do deporte”.

A actividade desenvolveuse en colaboración con IKERIC RACING Sport Galicia, e contou tamén coa implicación da Concellería de Educación e da OMIX do Porriño, que coordinaron o desprazamento e a organización dos centros educa6vos participantes: CPR Santo Tomás, CEIP Cruz-Budiño, CEIPP Xosé Fernández López e CEIPP Antonio Palacios.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso cunha educación integral, dinámica e adaptada aos intereses da mocidade actual.

 

O Concello do Porriño presenta a II edición dos Premios Antonio Palacios e desvela o último dos galardoados

 

  • Claudio Giráldez, adestrador do RC Celta de Vigo,  recibirá o Premio ao Deporte pola súa traxectoria exemplar

O Porriño, 12 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño celebrou esta mañá a presentación oficial da II edición dos Premios Antonio Palacios, nun acto no que se anunciou o nome do último dos galardóns desta convocatoria: o Premio ao Deporte será concedido ao adestrador porriñés Claudio Giráldez González, actual técnico do RC Celta de Vigo, que esta tempada conseguiu a clasificación para a UEFA Europa League.

O Concello quere recoñecer así unha traxectoria marcada polo traballo constante, a vocación formativa e a excelencia profesional no mundo do fútbol. Claudio Giráldez, que deu os seus primeiros pasos deportivos no Porriño, é hoxe unha figura de referencia no deporte galego, destacando tanto polo seu liderado no terreo de xogo como polo seu compromiso co crecemento dos máis novos.

“O éxito de Claudio non é só deportivo, é un exemplo de superación, humildade e conexión coas súas raíces. Representa á perfección os valores que queremos destacar con estes premios: esforzo, identidade e excelencia”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto.

Durante esta semana, foron anunciándose os demais galardóns que se outorgarán o sábado: o Premio á Cultura ao Festival de Cans, pola súa labor única na promoción do cinema galego e a dinamización do rural con creatividade e participación veciñal; o Premio ao Compromiso Social ao Círculo Recreativo Cultural CRC, por ser un espazo histórico de encontro e fomento da cohesión social; o Premio á Empresa ás imprentas Paz e Gráficas Bolfer, polo seu compromiso coa calidade, innovación e apoio á economía local; e o Premio de Honor a título póstumo a Lola Magno, pioneira fotógrafa que documentou a vida e evolución social do Porriño, deixando un valioso legado cultural.

A gala de entrega dos Premios Antonio Palacios celebrarase o sábado 14 de xuño na Praza Arquitecto Antonio Palacios, e contará cunha ampla programación de actividades culturais, artísticas e musicais ao longo de todo o día. A xornada comezará ás 9:30 horas co II Concurso de Pintura Rápida. Pintando a Palacios. Ás 12:30 horas haberá un concerto da Agrupación Musical do Porriño. Ás 19:00 horas entregarase o premio do II Concurso de Pintura Rápida. Xa pola tarde, ás 21:00 horas, a Banda de Gaitas de Paramos interpretará o Himno Galego, seguido da entrega dos Premios Antonio Palacios. Para pechar a noite, ás 22:00 horas, terá lugar unha actuación da Banda de Gaitas de Paramos.

Estes premios, promovidos polo Concello, teñen como obxectivo recoñecer e visibilizar o talento local en diferentes ámbitos —cultura, empresa, compromiso social, deporte e memoria histórica— ao tempo que se rende homenaxe á figura do gran arquitecto porriñés Antonio Palacios, símbolo do orgullo e da identidade do municipio.