O Porriño mantén o seu corazón xuvenil con 55 novos nacementos no primeiro semestre

 

  • A vila suma xa 2.364 nenos e nenas menores de 12 anos e no ano 2005 eran 2.085, o que supón un incremento na población infantil de case 300 pequenos e pequenas

O Porriño, 5 de xullo de 2025. — No corazón da Louriña, o Concello do Porriño continúa a tecer unha historia de crecemento e vitalidade, amosando que a vida no municipio segue medrando con forza. Nos primeiros seis meses deste ano, o municipio rexistrou un total de 55 nacementos, un sinal claro dunha comunidade que non perde o seu pulso e que segue a ser un espazo atractivo para formar familias.

A distribución dos nacementos mantén unha harmonía case perfecta entre varóns e mulleres, con 25 cativos s e 30 cativas que xa dan vida á vila. Estes números reflicten unha evolución demográfica positiva, tanto en número de nacementos como en crecemento poboacional.

Esta recuperación é especialmente significativa no contexto galego, onde as cifras de natalidade sufriron en anos recentes un descenso constante. O Porriño, con máis de 140 nacementos no ano pasado, superou as cifras de 2023 no que segundo o IGE (Instituto Galego de Estatística) rexistráronse 139, confirmando un proceso de lixeira pero constante recuperación que anima ás súas rúas.

Poboación infantil en crecemento

No ámbito da poboación infantil, a vila suma xa 2.364 nenos e nenas menores de 12 anos e, a modo de referencia histórica, cómpre lembrar que no ano 2005 eran 2.085, o que supón un incremento na población infantil de case 300 pequenos e pequenas. Ademais, obsérvanse crecementos notables en franxas de idade que reflicten o dinamismo social con respecto ao ano pasado: os pequenos, de 2 a 3 anos, aumentaron en catro nenas e nenos respecto ao ano anterior, mentres que o grupo de 10 a 11 anos tamén medrou substancialmente, pasando de 413 a 426 pequenos porriñeses. A distribución por xénero nos nacementos mantense estable, cun 51,99 % de varóns fronte a un 48,01 % de mulleres, o que amosa unha paridade case perfecta entre bebés nados.

Evolución demográfica

En canto á evolución da poboación total, o municipio porriñés experimentou un crecemento notable nas últimas dúas décadas. No ano 2005, o Porriño contaba con 16.997 habitantes, mentres que en 2024 a cifra acadou as 20.995 persoas, segundo os datos do Padrón Municipal. Actualmente, a distribución por xénero da poboación sitúase nun 51 % de mulleres e un 49 % de homes, é decir, hai máis porriñesas que porriñeses.

Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, sinala:
“Estes números son moito máis que estatísticas; son o reflexo da confianza que as familias depositan na nosa vila, na calidade de vida que ofrecemos e na esperanza dun futuro mellor. O Porriño segue a ser un lugar onde crecer, soñar e construir unha vida, e como administración pública estamos comprometidos en crear as condicións necesarias para que esta tendencia positiva non só se manteña, senón que se intensifique nos próximos anos.”

Nun contexto social e demográfico marcado por desafíos, o Porriño eríxese como un exemplo local de esperanza, onde a vida renace e medra con paso firme. Desde o Concello do Porriño valoramos estes datos como un reflexo da dinámica vital do municipio, que segue a medrar e consolidarse como un espazo atractivo para vivir e formar familia.

Un Porriño para a infancia: actividades e servizos para medrar felices

Ante o incremento da natalidade no noso concello, o Goberno local reafirma a súa aposta decidida polo benestar das familias e por unha educación de calidade dende as primeiras etapas da vida. Esta realidade demográfica impulsou a posta en marcha de diversas iniciativas que consolidan ao municipio como un referente en políticas educativas, sociais e de conciliación.

A aposta polas escolas infantís traduciuse na creación de dúas novas instalacións, co obxectivo de garantir espazos seguros, accesibles e adaptados ao desenvolvemento dos máis pequenos. En paralelo, estase a realizar unha mellora continua dos colexios, modernizando infraestruturas e recursos pedagóxicos para ofrecer unha contorna educativa moderna e de calidade.

O Concello do Porriño inicia a mellora do asfaltado nos rueiros da Avenida de Galicia e da Avenida Domingo Bueno

  • Os traballos de asfaltado rematarán o martes e será preciso agardar 15 días para pintar a sinalización horizontal e as prazas de aparcadoiro

O Porriño, 4 de xullo de 2025.– O Concello de O Porriño vén de iniciar as obras de mellora do asfaltado nos rueiros da Avenida de Galicia e da Avenida Domingo Bueno, actuacións incluídas dentro do Plan + Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra. Os traballos comenzaron hoxe na Avenida de Galicia, mentres que o vindeiro luns intervirase en Domingo Bueno.

Trátase de traballos moi demandados pola veciñanza que permitirán mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e o estado xeral do firme nestes tramos, que presentaban un notable deterioro.

O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 23.441,94 euros e está financiado ao 100% pola Deputación de Pontevedra.

“Este tipo de intervencións son fundamentais para mellorar o día a día dos nosos veciños e veciñas. Son vías moi transitadas e levaban anos sen unha actuación axeitada. Agora, gracias á colaboración institucional, podemos darlles unha solución”, destacou o alcalde Alejandro Lorenzo durante a visita ás obras esta mañá.

Actuacións previstas

As obras céntranse na rehabilitación integral do firme e pequenas actuacións complementarias de drenaxe. Os traballos inclúen:

No Rueiro da Avenida de Galicia, levarase a cabo unha actuación que comprende unha lonxitude de 78 metros, incluíndo o fresado previo de 43 m² e a aplicación dunha capa de aglomerado en quente tipo AC-16 SURF S BC 50/70 cun espesor de 5 cm nunha superficie de 824 m². Ademais, realizarase o rasanteo de 4 tapas e a correspondente sinalización horizontal.

Pola súa parte, no Rueiro da Avenida Domingo Bueno, os traballos abranguen unha lonxitude de 150 metros e inclúen o fresado de 25 m², a execución da capa de rodadura sobre 353 m², o desbroce e limpeza de 160 m², así como a colocación de zahorra artificial cun espesor de 20 cm. Tamén se procederá ao recrecemento de 5 sumidoiros e dunha reixa corrida.

A previsión é que os traballos de asfaltado estean totalmente rematados o martes. Unha vez finalizados, haberá que agardar 15 días para a pintura da sinalización horizontal e das prazas de aparcadoiro, co fin de garantir a correcta adherencia da pintura sobre o novo firme.

O Alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer “o apoio constante da Deputación de Pontevedra, que a través do Plan +Provincia permite a moitos concellos coma o noso executar melloras necesarias sen ter que asumir o custo directamente”.

Dende o Concello de O Porriño Seguimos traballando por un municipio máis accesible, funcional e pensado para as persoas.

As Festas de San Bieito 2025 chegan con novidades e unha ampla programación para todos os públicos

O Porriño, 4 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño presentou esta mañá, ao carón da Capela de San Bieito, a programación das Festas de San Bieito 2025, que se celebrarán os días 10 e 11 de xullo, cun cartel que combina novidades, tradición, música e actividades para todas as idades.

O acto contou coa presenza do alcalde, Alejandro Lorenzo; o concelleiro de Cultura, Festas e Novas Tecnoloxías, Bienvenido Estévez; a Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián e representantes do Mano de Santo DJ Festival, que se consolidan nestas festas.

Durante a presentación, resaltouse o espírito participativo das festas, que volven ser un punto de encontro da veciñanza porriñesa e unha cita obrigatoria do verán. Alejandro Lorenzo animou a todos os asistentes “a desfrutar dunhas festas no barrio de San Bieito que combinan o mellor da nosa tradición co espírito alegre e familiar que caracteriza ao Porriño”.

Programación:

Xoves, 10 de xullo:

  • A partir das 21:30 h:
    • Orquestra Gran Parada
    • Mano de Santo DJ Festival

Venres, 11 de xullo:

  • Ás 9:00 h: Misa na Capela de San Bieito
  • A partir das 12:00 h:
    • Misa solemne na Igrexa de Santa María, coa Coral de Música da E.M.M
    • Procesión, acompañada pola Banda de Música da E.M.M 
    • Ao rematar a procesión, terá lugar a tradicional puxa benéfica do racimo de uvas do Santo, que este ano destinará o recaudado a AECC do Porriño. O Concello renderalle unha homenaxe a veciños de San Benito e San Sebastián.
  • A partir das 12:00 h: Concerto da Banda de Música da Escola Municipal de Música 
  • Ás 19:30 h: Actuación de Os Zoqueiros 
  • Ás 20:00 h: Misa vespertina na Igrexa de Santa María
  • A partir das 21:30 h:
    • Orquestra Los Player’s
    • Concerto de Roi Casal

Ademais, dende o día 2 de xullo hai novenas ás 9:00 h na Capela de San Bieito e ás 20:00 h na Igrexa de Santa María.

O Concello do Porriño convida a toda a cidadanía a participar activamente nestas festas, agradecendo a colaboración da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián e de todas as entidades que fan posible esta celebración ano tras ano.

O alumnado do Porriño destaca no concurso de debuxo do Consorcio de Augas do Louro

 

Porriño, 3 de xullo de 2025.— O Consorcio de Augas do Louro entregou hoxe os premios do seu concurso de debuxo infantil, dirixido a escolares de 3º e 4º de Educación Primaria, co obxectivo de sensibilizar sobre o coidado da auga e do medio ambiente. Porriño estivo representado polos seus gañadores e finalistas, recoñecidos nun acto celebrado nas instalacións da EDAR de Guillarei.

A gañadora por Porriño foi Meriam Ziloul, alumna do CEIP Ribeira, que recibiu como premio unha tablet, entregada polo presidente do Consorcio e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, xunto con representantes dos concellos participantes. Ademais, os finalistas por Porriño, Vera Pérez (CEIP José Fernández López) e Mario Romero (Colexio Hermanos Quiroga), recibiron un reloxo dixital como recoñecemento ao seu esforzo e compromiso co coidado da auga e do planeta.

No acto tamén estiveron presentes a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; e a alcaldesa e o tenente de alcalde de Mos, Nidia Arévalo e Camilo Grandal, respectivamente. Ademais de Meriam Ziloul, foron galardoados como gañadores Erick Dávila (Mestre Martínez Alonso, Mos), Iciar Martínez (CEP Altamira, Salceda de Caselas) e Martina Pintos (Maristas, Tui). Como finalistas, foron recoñecidos Evolet Fernández e Alba Pintos (Mestre Martínez Alonso, Mos); Vera Pérez e Mario Romero (Jose Fernandez Lopez e Hermanos Quiroga, Porriño); Alejandro Díaz e Sabela Gándara (CEP Altamira, Salceda) e Martina Pintos e Daniel Blanco (Maristas, Tui).

O presidente do Consorcio e alcalde de Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou durante a entrega dos premios que esta iniciativa é “unha maneira lúdica de concienciar aos máis pequenos no uso responsable da auga, dando a coñecer a importancia deste recurso nas nosas vidas e as claves para protexer a biodiversidade”.

O concurso enmárcase nas accións para promover os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, reflectindo nos debuxos o compromiso co coidado da auga e do medio ambiente.

O Concello do Porriño felicita a estes rapaces pola súa excelente participación e anímaos a seguir promovendo o respecto e coidado polo entorno natural.

O Concello do Porriño informa sobre restricións de estacionamento pola celebración do 58º Rallye Rías Baixas

 

O Porriño, 3 de xullo de 2025 – O Concello do Porriño informa á veciñanza de que, con motivo da celebración da 58ª edición do Rallye Rías Baixas, quedarán habilitadas restricións de estacionamento na vila durante a xornada do sábado, 5 de xullo.

A organización do evento instalará a zona de reagrupamento nas inmediacións do Pavillón Municipal.

Estará prohibido aparcar e estacionar nas seguintes zonas:

  • Contorna do Pavillón Municipal do Porriño

  • Rúa Doantes de Sangue, no tramo comprendido entre a Avda. Antonio Palacios e a Rúa Fernández Areal

O Concello agradece a colaboración e comprensión da veciñanza.

O Concello do Porriño e a Xunta de Galicia asinan un convenio para implantar o novo Grao Básico de Peiteado e Estética no IES Ribeira do Louro

Porriño, 3 de xullo de 2025.– Esta mañá tivo lugar na Sala de Comunicacións do Concello do Porriño a sinatura do convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia para a implantación do novo Grao Básico de Peiteado e Estética no IES Ribeira do Louro. No acto participaron o Alcalde, Alejandro Lorenzo; o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González; María Eugenia Pérez Fernández, Directora Xeral de Formación Profesional; Carolina González, Concelleira de Educación do Concello do Porriño; César Pérez Ares, director territorial da CECUFP en Pontevedra;  e Juana Muñoz Ibernón, Directora do IES Ribeira do Louro.

A través deste acordo, o Concello do Porriño poñerá á disposición da Conselleía de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, un espazo para impartir a nova formación, que forma parte da familia profesional de Imaxe Persoal, que contará con máximo de 18 prazas. 

O novo Grao Básico de Peiteado e Estética terá unha duración de dous cursos académicos, cun total de 2.000 horas e 18 prazas para alumnado que obterá titulación oficial. Ofrece formación práctica e teórica en técnicas de limpeza e cambios de forma e cor do cabelo, maquillaxe, depilación, manicura e pedicura. Esta aula-taller de peiteado está totalmente equipada con secadores, lavacabezas, vaporizadores profesionais… A parte práctica terá lugar no Multicentro de Torneiros, nunha das numerosas aulas homologadas que están á disposición da impartición de cursos, mentres que as sesións teóricas impartiranse no propio IES Ribeira do Louro.

O Alcalde, Alejandro Lorenzo declarou: “Hoxe é un día moi especial para o Porriño e para o futuro formativo da nosa mocidade. Asinamos un convenio fundamental que permitirá implantar este grao básico, abrindo portas ao futuro do alumnado e contribuíndo á súa formación e inserción no mercado laboral.”

Pola súa banda, o Conselleiro, Román Rodríguez, sinalou que “máis de 56.000 persoas veñen de solicitar praza para cursar algunha modalidade de Formación Profesional en Galicia o vindeiro curso” e subliñou que, unha vez máis, “estas cifras avalan o interese da cidadanía por estas ensinanzas en Galicia”. A primeira adxudicación de prazas realizarase o 15 de xullo e os interesados terán ata o 22 de xullo par formalizar a matricular. 

A oferta de FP no Porriño acadará o vindeiro curso as 224 prazas ofertadas, das cales a meirande parte (206) concéntranse no Ribeira do Louro, mentres que as outras 18 correspóndense co grao básico de Informática de Oficina no IES Pino Manso.

O Concello do Porriño reitera o seu compromiso coa formación da mocidade e coa colaboración institucional para fortalecer a oferta educativa no municipio.

O Porriño súmase á campaña “Non esquezas doar antes de veranear” para garantir o abastecemento do sangue no verán

 

O Porriño, 3 de xullo de 2025.- Esta mañá tivo lugar no Porriño o acto de presentación da campaña “Non esquezas doar antes de veranear”, promovida pola Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), no que participaron a directora de ADOS, Marisa López García; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo Alonso; e a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso Castaño.

O verán é a época máis complicada para manter estable a participación dos doantes, polo que se lanza esta campaña especial para alcanzar as 27.000 doazóns necesarias durante este período para garantir o abastecemento aos centros sanitarios. ADOS é a entidade encargada de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia para atender a milleiros de doentes cada ano. 

Durante o ano 2024, O Porriño acadou un total de 1.375 doazóns de sangue, o que supón unha taxa de 66 doazóns por cada 1.000 habitantes, moi por riba da media galega (39/1.000). Foi ademais o segundo concello con maior taxa de doazón da bisbarra de Vigo.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar a colaboración da veciñanza para doar sangue, especialmente durante esta fin de semana, coincidindo coa presenza da unidade móbil no Porriño, que estará situada na Avenida Domingo Bueno, ao carón do Centro Cultural, o venres 4 de xullo en horario de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas, e o sábado 5 de xullo de 10:00 a 15:00 horas.

Marisa López lembrou que “o sangue non se pode fabricar, só se pode obter mediante a doazón voluntaria”, e que doar só leva uns minutos pero pode salvar ata tres vidas.

Para doar sangue, recoméndase almorzar ben e agardar dúas horas despois de xantar. É imprescindible levar a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar, e informar ao médico se se está tomando algún medicamento. Non se recomenda facer unha comida copiosa antes da doazón. Se tes máis de 18 anos e pesas máis de 50 quilos, só necesitas 10 minutos para salvar a vida de moitas persoas.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o espírito solidario da veciñanza e sinalou que “no Porriño temos unha cidadanía comprometida, consciente da importancia de doar para salvar vidas. Esta é unha responsabilidade colectiva e seguiremos colaborando activamente con ADOS para garantir que non falte sangue cando máis se precisa”.

Desde o Concello do Porriño animamos a toda a cidadanía a participar nesta iniciativa solidaria e contribuír a este importante obxectivo.

O Concello do Porriño licita a reforma integral da Praza de Abastos para executar entre 2025 e 2026

 

O Porriño, 3 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño avanza na modernización do seu Mercado Municipal coa publicación da licitación para a reforma integral da Praza de Abastos, que se realizará ao longo deste ano e o próximo. O prazo para presentar ofertas estará aberto ata o 29 de xullo. Esta actuación, cun investimento superior aos 400.000 euros e financiada maioritariamente pola Xunta de Galicia, forma parte do proxecto estratéxico para transformar o mercado nun espazo moderno, funcional e accesible, mantendo o seu valor patrimonial.

A reforma inclúe a rehabilitación da cuberta e a restauración das fachadas, melloras na distribución dos postos de venda, especialmente nas zonas de peixaría e froitería, e a incorporación de novos sistemas de iluminación, protección solar e equipamentos comerciais compartidos. Ademais, prevese a recuperación de locais baleiros para a instalación de novos negocios, a renovación dos aseos e a mellora dos accesos, incluíndo a instalación de portas automáticas para facilitar a entrada de mercancías.

O Alcalde, Alejandro Lorenzo, sinala que “esta licitación é un paso decisivo para continuar co proceso de modernización dun mercado que é un símbolo do noso centro urbano e da economía local. Queremos que a Praza de Abastos siga sendo un espazo atractivo e funcional para praceiros e clientes, preservando a súa identidade e potenciando o comercio de proximidade ”.

Pola súa banda, a concelleira de Mercados, Antía Carrera, subliña o compromiso do Concello coa dinamización económica e social do mercado, “apostando por un modelo que combina tradición e innovación, coa sustentabilidade e a eficiencia enerxética como eixos fundamentais”.

Esta intervención enmárcase nun proxecto máis amplo que o Concello está a desenvolver por fases. Xa se investiron máis de 550.000 euros nas fases previas para renovar instalacións, mellorar a iluminación, ampliar espazos e renovar fachadas. Agora, esta nova fase vén consolidar esas melloras e adaptar o mercado ás necesidades actuais, mantendo vivo un edificio con valor arquitectónico asinado polo prestixioso arquitecto José Bar Boo.

Dende o Concello insístese en que esta non será a última actuación. “Aínda queda camiño por andar e non pararemos aquí”, asegurou o alcalde. “Seguiremos traballando para completar todas as fases do proxecto e facer da nosa Praza de Abastos un referente de modernización, servizo e identidade local”.

O Concello mantén un diálogo constante co colectivo de praceiros para garantir que as actuacións se adapten ás súas necesidades reais e poñer en valor o papel do mercado como motor económico e punto de encontro da vida diaria do Porriño.

O Porriño énchese de ritmo este verán con clases gratuítas de zumba ao aire libre

 

O Porriño, 2 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño pon en marcha un novo programa de actividades para animar as noites de verán e fomentar o exercicio ao aire libre. Trátase das clases gratuítas de zumba, que se celebrarán durante os meses de xullo e agosto na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

As sesións terán lugar todos os martes e xoves, de 21:00 a 22:00 horas, e estarán abertas a persoas de todas as idades, sen necesidade de inscrición previa.

O obxectivo é ofrecer unha actividade saudable, divertida e accesible para toda a veciñanza, ao tempo que se dinamiza o espazo público e se promove un estilo de vida activo.

“Queremos que a xente se mova, se divirta e aproveite as noites de verán nun ambiente san e participativo”, sinala o Alcalde, Alejandro Lorenzo, que se animou a participar na primeira clase. “A zumba é unha proposta que combina música, exercicio e convivencia, perfecta para o noso Porriño”, engade.

A iniciativa forma parte do programa de actividades de verán que o Concello está a desenvolver para fomentar a cultura, o deporte e a participación cidadá durante os meses estivais.

O Concello do Porriño resolve as primeiras axudas para a rehabilitación de vivendas en Torneiros: adxudicado o 90% dos fondos dispoñibles

O Porriño, 2 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño vén de resolver, o pasado 10 de xuño, as primeiras solicitudes presentadas ao abeiro da convocatoria de axudas en materia de rehabilitación residencial e vivenda social na contorna residencial de rehabilitación programada (ERRP) de Torneiros, financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Deste xeito, dos 872.425,00 € dispoñibles para a rehabilitación de vivendas, xa se teñen adxudicado un total de 781.754,03 €, o que supón case o 90% dos fondos da liña de axuda. As actuacións aprobadas permitirán obter unha mellora superior ao 60% no aforro enerxético, o que implica que se subvencione o 80% do custe total das obras, segundo os criterios establecidos nas bases da convocatoria.

Ademais das axudas a particulares e comunidades, o Concello do Porriño tamén investirá en torno a 100.000€ para a urbanización e mellora da contorna, actuación que se suma ás intervencións xa en marcha co obxectivo de humanizar e revitalizar o barrio de Torneiros.

Este importante avance forma parte dun proxecto global de rehabilitación impulsado polo Concello co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética, a calidade de vida da veciñanza e a cohesión social nun dos principais núcleos residenciais do municipio. A zona de Torneiros é unha prioridade para o Concello. Despois de moitos anos sen ningún tipo de actuación, recentemente estanse a executar diversas intervencións como esta liña de axudas á rehabilitación de vivendas e un ambicioso plan de mellora da rede viaria municipal, que inclúe obras de renovación de pavimento, mellora do drenaxe, beirarrúas, sinalización e zonas de estacionamento en diferentes camiños da parroquia, co obxectivo de revitalizar a contorna e responder ás demandas históricas da veciñanza.

“Esta resolución representa un paso adiante moi relevante nun proxecto transformador para Torneiros. Seguiremos traballando para captar máis fondos e ampliar o alcance das actuacións”, destacou o Alcalde, Alejandro Lorenzo.

O prazo para solicitar estas axudas continúa aberto ata o 31 de xaneiro de 2026, polo que dende o Concello anímase á veciñanza a informarse, a beneficiarse desta oportunidade histórica de mellora das súas vivendas e da contorna, e ponse á disposición de todas as comunidades de veciños os servizos técnicos e xurídicos do Concello, así como a Oficina Municipal de Vivenda.