Volven ao Porriño as clases de autodefensa para mulleres

 

 

  • A primeira sesión celebrase o vindeiro sábado 8 de febreiro no pavillón municipal, de 10.00 a 14.00 horas
  • Non é preciso inscribirse

O Concello do Porriño organiza un ano máis o Curso de defensa persoal feminino e aspectos xurídicos. A formación, organizada pola Concellería de Igualdade que dirixe Carolina González, está pensada para as mulleres co fin de desenvolver máis confianza nelas mesmas e na súa contorna, implementar estratexias de prevención e detección de situacións de perigo, integrando na súa vida diaria hábitos de seguridade persoal, á vez que se promove a confianza e a súa autoestima.

A actividade levarase a cabo nas instalacións do pavillón municipal os sábados 8 de febreiro, 8 de marzo, 26 de abril e 10 de maio, en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

Durante as xornadas contarase coa presenza do Maxistrado D. Juan José Trashorras quen dará respostas sinxelas ao colectivo participante para reaccionar ante unha situación violenta.

 

O aforo é ilimitado e non se precisa inscrición previa.

O Porriño pon en marcha un curso de saúde feminina

 

  • Impartirase os días 18 e 25 de febreiro e 11 de marzo no Centro Cultural
  • A inscrición está aberta ata o 14 de febreiro

A violencia contra a muller constitúe un grave problema de saúde pública e unha violación dos seus dereitos humanos. A violencia pode afectar negativamente á saúde física, mental, sexual e reprodutiva, de aí a necesidade de intervir directamente, mediante a posta en marcha de talleres e cursos formativos e informativos para enviarlles a mensaxe de que o seu coidado é premisa fundamental para traballar na mellora do seu crecemento persoal.

Nesta liña, a Concellería de Igualdade do Porriño, que dirixe Carolina González, anuncia a celebración do Curso de Saúde Feminina dirixido a tódalas mulleres en xeral e, especificamente, a aquelas vítimas de violencia machista.

A formación impartirase os martes 18 e 25 de febreiro e 11 de marzo no Centro Cultural Municipal en horario de mañá; de 10.00 a 12.30 os dous primeiros días e prolongándose ata as 13.00 horas o último.

O aforo é limitado polo que todas as persoas interesadas en asistir deben inscribirse previamente, a partir deste martes día 4 e ata o 14 de febreiro, mediante instancia xeral presentada por rexistro no Concello

Para obter unha maior información desta actividade, que conta co financiamento da Secretaría de Estado da Igualdade contra a violencia de xénero, poden chamar ao CIM do Concello do Porriño (986335000.Ext.257)

O Porriño consolida a súa posición como referente empresarial cun foro para impulsar a colaboración e o desenvolvemento económico local

 

  • A constitución deste foro contou coa participación de distintas empresas e entidades asociativas que representan aos parques industriais do municipio, a Asociación de Comerciantes, o sector hostaleiro e ao conxunto dos autónomos.

O Porriño dá un paso decisivo na súa consolidación como epicentro industrial da provincia de Pontevedra coa posta en marcha dun foro empresarial que reunirá a diversas empresas e entidades asociativas que representan aos parques industriais do municipio, a Asociación de Comerciantes, o sector hostaleiro e ao conxunto dos autónomos. Esta iniciativa nace co obxectivo de ofrecer unha representación unificada ás máis de 2.200 empresas asentadas no municipio, que destaca por ter un dos PIB máis elevados da provincia e por contar con 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial ocupado. Ademais, a entidade está deseñada para reforzar a cooperación entre as empresas locais e impulsar un modelo económico sustentable e innovador.

Este novo organismo facilitará o acceso a subvencións, ofrecerá asesoramento personalizado ás empresas e promoverá unha xestión coordinada entre os distintos sectores produtivos. A pesar da súa integración neste foro, as asociacións existentes manterán a súa autonomía, garantindo así unha representación equilibrada e eficaz para todo o tecido empresarial. Con esta iniciativa, Porriño reforza o seu liderado industrial e comercial, impulsando novas oportunidades de crecemento e competitividade para as súas empresas.

O alcalde de Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, expresou o seu total apoio á creación desta entidade, subliñando o impacto positivo que terá no desenvolvemento económico do municipio. “É un orgullo acoller no noso municipio a un dos maiores foros empresariais de Galicia”, afirmou.

Na mesma liña, o concelleiro de Industria, Carlos Martínez, destacou que a posta en marcha desta entidade representa un paso fundamental para fortalecer o tecido económico local e consolidar a posición do Porriño como un dos principais motores empresariais de Galicia. “O asociacionismo e a colaboración entre os distintos sectores produtivos son claves para impulsar o crecemento económico e xerar novas oportunidades para a nosa localidade”, declarou.

Así mesmo, Lorenzo reafirmou o seu compromiso co empresariado local “O Concello continuará a impulsar o desenvolvemento económico a través de políticas que favorezan a xeración de emprego e a captación de investimentos”. Boa proba disto foi a declaración do Porriño como “Concello Emprendedor”, un recoñecemento que levou consigo importantes medidas para promover a implantación de novas empresas e o crecemento das existentes, tales como bonificacións fiscais de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO para proxectos de nova implantación ou ampliación, así como a simplificación administrativa para axilizar a concesión de licenzas de obra e facilitar o acceso ao chan industrial.

Con esta nova entidade, O Porriño reafírmase como un enclave estratéxico para o emprendemento e o investimento, impulsando a cooperación empresarial e garantindo un futuro próspero para o seu tecido produtivo.

Aumento de consultas sobre violencia de xénero no CIM do Porriño: 2024 pecha co maior número de atención a mulleres

 

  • O Centro de Información á Muller rexistrou 1.094 consultas, cun notable aumento de 248 casos relacionados coa violencia machista

O ano 2024 incrementou a actividade no Centro de Información á Muller (CIM) do Porriño. O servizo, que se dedica a ofrecer apoio e orientación a mulleres en situación de vulnerabilidade, pechou o exercicio cun total de 1.094 consultas, das que 248 foron específicamente sobre violencia de xénero, o que representa un aumento significativo con respecto a anos anteriores.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a crescente conciencia social e a confianza das mulleres no CIM como factores clave deste aumento. “É positivo que cada vez máis mulleres se acheguen ao noso centro en busca de axuda e orientación. A violencia de xénero é unha lacra que non podemos permitir”, sinalou Lorenzo. “O aumento de consultas ten unha dobre lectura, por unha banda acredita que a violencia de xénero é unha realidade incuestionable que lamentablemente afecta a moitas mulleres”, engadiu o rexedor, “Pero tamén reflicte un maior empoderamento das mulleres, que están buscando a información necesaria para tomar decisións difíciles pero fundamentais. Saben que estamos aquí para axudalas”.

En 2024, o CIM abriu 81 novos expedientes, a maioría deles relacionados con vítimas de violencia machista. As consultas abrangueron desde dúbidas sobre o procedemento de denuncia ata a necesidade de información sobre axudas económicas ou alternativas de vivenda. “A preocupación principal das mulleres segue sendo a vivenda, así como a capacidade de asegurar un futuro para os seus fillos e fillas”, asegurou a concelleira de Igualdade”.

Este aumento de consultas tamén coincide cunha tendencia crecente de mulleres que buscan saber cales son os seus dereitos e as opcións legais dispoñibles no caso de denunciar á súa parella. “Os datos amosan que, desde 2009, a cantidade de mulleres atendidas por violencia de xénero medrou de maneira continua, cun salto notable nos últimos anos”, explica a edil.

En 2024, o CIM atendeu 248 casos relacionados coa violencia machista, un incremento respecto aos 170 rexistrados en 2023. Esta tendencia é unha resposta directa á crecentes conciencia sobre a violencia de xénero e á confianza que as mulleres están a depositar nos servizos de apoio que ofrece o municipio. “O traballo do CIM é esencial, e seguimos comprometidos en garantir que as mulleres que sofren violencia machista atopen no centro un espazo seguro, de apoio e con recursos suficientes para reconstruír as súas vidas”, concluiu a concelleira.

O Centro de Información á Muller do Concello do Porriño creouse no ano 2000 co obxecto de prestar un servizo integral ás mulleres do municipio, xerando para elas un lugar que lles servise de referente e no cal se sentiran apoiadas. Día a día o persoal do CIM traballa na procura do seu benestar e a demanda foi en aumento nestes 24 anos. Está constituído por dous departamentos: un xurídico e outro psicolóxico que traballan da man na procura dunha igualdade real e efectiva.

O Concello do Porriño rende homenaxe aos gañadores do concurso ‘International Dragon’s Den’

 

  • Os estudantes presentaron aos asistentes o seu proxecto “Greenpocket Solutions” xunto cun prototipo do produto ‘Eco Snack Bag’, amosando a súa proposta innovadora de envase biodegradable

O Salón de Plenos da Casa Consistorial acolleu hoxe un emotivo acto de honra aos alumnos e alumnas do IES Ribeira do Louro que se proclamaron gañadores do concurso internacional de emprendemento “International Dragon’s Den”, celebrado o pasado 20 de novembro en Malmö (Suecia). O equipo galego, composto por Beatriz Samunto, Nuria González, Noa Rodríguez e Sergio Lage, alzouse co primeiro premio grazas ao seu innovador proxecto “Greenpocket Solutions – Eco Snack Bag”.

O evento foi organizado polo Concello do Porriño en recoñecemento ao traballo e dedicación do alumnado e profesorado implicado neste éxito internacional. A xornada deu comezo coa benvida institucional e a intervención de diversas autoridades e representantes educativos, entre eles Carolina González Costas, Concelleira de Educación do Porriño, quen destacou a importancia deste logro para o municipio:

“É un orgullo para O Porriño contar con estudantes tan talentosos e comprometidos coa innovación e a sostibilidade. Este premio demostra que o esforzo, a creatividade e o traballo en equipo son claves para o éxito”, sinalou a concelleira.

Tamén interviñeron no acto Juana Rosa Muñoz Ibernón, Directora do IES Ribeira do Louro, Lorena Abreu López, Vicedirectora e Coordinadora de Internacionalización, e os docentes que guiaron ao alumnado na súa participación no certame, Olga González (Administración de Empresas) e Carlos Segade (Economía). Posteriormente, os estudantes realizaron unha presentación do proxecto premiado, expoñendo as características e impacto da súa proposta de negocio sostible.

A entrega de galardóns culminou coa intervención do Alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, quen puxo en valor a importancia de apoiar iniciativas educativas que fomenten o emprendemento:

“Hoxe recoñecemos un éxito que transcende as aulas e pon en valor a calidade do ensino no noso municipio. Estes estudantes demostraron que, con esforzo e visión, podemos competir a nivel internacional e destacar pola nosa capacidade innovadora”, afirmou o alcalde.

No acto tamén estivo presente Román Rodríguez González, Conselleiro de Educación,  encargado de pechar a xornada destacando o papel fundamental da educación no desenvolvemento da sociedade:

“En Galicia sempre temos apostado pola calidade e a equidade no ensino. O esforzo individual e o traballo en equipo acaban dando froitos, e este éxito é un reflexo do talento e da dedicación do noso alumnado. É un logro colectivo que pon de manifesto o papel vertebrador da educación na nosa sociedade, dotando aos mozos e mozas das ferramentas e habilidades necesarias para afrontar os grandes desafíos do futuro”, subliñou o conselleiro.

Sobre o premio “International Dragon’s Den”

O “International Dragon’s Den” é un prestixioso certame internacional de emprendemento organizado polo Affärsgymnasiet, unha recoñecida escola de negocios de Suecia. Nesta edición, participaron 22 equipos de 10 países distintos, defendendo proxectos innovadores ante un xurado composto por profesionais do mundo empresarial.

O equipo do IES Ribeira do Louro acadou o primeiro posto grazas á súa proposta “Eco Snack Bag”, un envase 100% biodegradable que soluciona os problemas medioambientais xerados polas  cáscaras dos froitos secos cando se tiran ao chan durante o seu consumo. O xurado destacou a capacidade do alumnado galego para detectar un problema concreto e presentar unha solución sostible cun plan de negocio ben estruturado.

O éxito do IES Ribeira do Louro neste certame supón un exemplo inspirador para futuras xeracións de estudantes e reflicte o compromiso da comunidade educativa co emprendemento, a innovación e a sostibilidade.

AVISO: Cortes de tráfico por obras no viario

O Concello informa de que, debido a traballos de asfaltado, procederase ao corte de tráfico nos seguintes tramos e datas:

🔹 Xoves 30 de xaneiro de 2025: Corte de tráfico en Camiño Fontevella, dende Pío XII ata o cruce de Domingo Buenos con Fernández Areal.

🔹 Venres 31 de xaneiro de 2025: Corte de tráfico en Fernández Areal, dende Domingo Bueno ata o cruce con Paz Varela.

Recoméndase empregar vías alternativas e desculpamos as molestias ocasionadas. Agradecemos a colaboración da veciñanza.

Arrancan as obras de reconstrución da rúa Fernández Areal para mellorar a mobilidade e seguridade

 

  • O ámbito total de actuación será de 570 metros de lonxitude e unha superficie total de actuación de 700 m²

A concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, deu comezo xa aos traballos de reconstrución da capa de rodadura da céntrica rúa Fernández Areal, unha das arterias máis importantes da vila. O pavimento asfáltico actual, que se atopa en mal estado de conservación, será completamente renovado, tal e como demandaba a veciñanza desde hai anos. Segundo indicou o concelleiro, Ramón Porto, ao deterioro  do pavimento “era cada vez máis acelerado e esta intervención resultaba fundamental para mellorar a seguridade e a comodidade dos usuarios da vía”.

A rúa Fernández Areal é un vial cunha importante densidade tráfico rodado, xa que conecta o centro da vila co Centro de Saúde, o Pavillón Municipal, centros educativos e outros servizos clave para a veciñanza. O alcalde, Alejandro Lorenzo,  destacou a “urxencia” da actuación para asegurar que esta arteria non só mellore o seu estado de conservación, senón tamén para facilitar a circulación de vehículos e peóns, optimizando a seguridade e a mobilidade dos usuarios.

A intervención abarca tamén os camiños Fontevella e Pego, conformando un proxecto integral que mellorará a conectividade na zona. O ámbito total de actuación será de 570 metros de lonxitude e un ancho medio de 6,5 metros, o que supón unha superficie de actuación de 3.700 m².

As obras forman parte do primeiro lote de traballos dun proxecto global, cun orzoamento base de 105.545 euros. Este investimento ten como obxectivo garantir a mellora das infraestruturas viarias e a adecuación do espazo urbano ás necesidades da veciñanza e do tráfico actual.

A intervención está pensada para ser o menos invasiva posible, procurando minimizar as molestias aos veciños e garantir a continuidade dos servizos na zona. Non obstante, será preciso realizar cortes de tráfico en diferentes puntos. O xoves 30 de xaneiro de 2025, o tráfico permanecerá interrompido no Camiño Fontevella, dende Pío XII ata o cruzamento de Domingo Bueno con Fernández Areal. O venres 31 de xaneiro de 2025, restrinxirase a circulación na rúa Fernández Areal, no tramo comprendido entre Domingo Bueno e a intersección con Paz Varela

O Porriño resolve a concesión de 175.000 euros en axudas para Comunidades de Augas

 

  • Estas axudas permiten reforzar o abastecemento de auga nas parroquias do Porriño, garantindo un servizo máis seguro e eficiente para toda a veciñanza

O Concello do Porriño vén de conceder 175.000 euros en axudas ás comunidades de augas do municipio, destinadas a reforzar o control sanitario, optimizar o mantemento das instalacións e mellorar a rede de distribución. Así o anunciou hoxe o alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, quen destacou que “estas axudas buscan apoiar ás traídas veciñais, fundamentais para garantir que a auga chegue en óptimas condicións a todas as parroquias do termo municipal”.

As subvencións, que corresponden á resolución da convocatoria de axudas para o ano 2024, distribúense en dúas liñas principais, cunha achega máxima de 8.000 euros por comunidade para calquera das liñas subvencionables. No caso de concorrer ás dúas liñas, o límite total pode chegar ata 12.000 euros por entidade, sempre que non supere o 80% do custo total do proxecto presentado.

A primeira liña, centrada no mantemento, inclúe axudas para reparacións, substitución de redes de distribución de ata 50 metros e gastos relacionados coas analíticas de control sanitario, conservación e mantemento de captacións, sistemas de almacenamento e potabilización. A segunda liña, destinada a investimentos, da cobertura a actuacións máis amplas, como a substitución de redes de distribución de máis de 50 metros e outras melloras estruturais nas instalacións.

O Concello outorgou as axudas a todas as comunidades que completaron o expediente. Entre as comunidades beneficiadas atópanse as Comunidade de augas de Cruz, Vitureira, Casal-Chan-Orbelle, Rozadas-Eiris, Cans, Contrasto, Bouza, San Jorge de Mosende, Covelo, Atios, Carracido, Chenlo, Torneiros, Mosteiro, O Cerquido, Vaquería, A Devesa, Centeáns e A Graña.

Esta medida reflicte o compromiso do goberno local por chegar a todos os veciños e veciñas, especialmente nas parroquias, onde o apoio ás traídas veciñais é clave para garantir un servizo básico esencial.

O concelleiro de Parroquias, Marcos Martínez Campos subliñou que estas subvencións representan un paso importante para garantir a calidade da auga e o benestar da veciñanza: “É fundamental apoiar ás traídas para que poidan prestar o mellor servizo posible aos nosos veciños. Estes investimentos non só melloran a calidade da auga, senón que aseguran un abastecemento seguro e sostible”.

Ademais, Lorenzo destacou que estas liñas de axuda manteranse este ano e tamén nos vindeiros, garantindo así o apoio continuo ás comunidades de augas. “Seguiremos apostando por estas convocatorias de axuda nos próximos anos, para que ningunha traída veciñal quede atrás e o apoio chegue ao maior número posible de comunidades”, afirmou o rexedor.

O Concello do Porriño, a través destas subvencións, reforza o seu compromiso co servizo básico de abastecemento de auga, promovendo un uso eficiente dos recursos dispoñibles e traballando por satisfacer as necesidades da veciñanza en todas as parroquias.

O Porriño avanza na modificación do PXOM para adaptar as aliñacións da avenida Domingo Bueno á realidade consolidada

 

  • Esta modificación permitirá resolver as incoherencias entre o planeamento e a realidade consolidada, asegurando a orde e a seguridade xurídica para os veciños e veciñas desta zona.

 

O Pleno do Concello de O Porriño acordou hoxe, por maioría absoluta, con 17 votos a favor e 2 abstencións, a aprobación provisoria dunha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O obxectivo principal desta modificación é adaptar a aliñación establecida no planeamento vixente á realidade existente no tramo comprendido entre os números 24 e 60 da Avenida Domingo Bueno, unha demanda histórica que por fin dá un paso significativo cara á súa resolución.

O PXOM establece unha distancia de 16,50 metros ao eixo do vial fronte ao que se sitúan, ao mesmo tempo que delimita un fondo edificable de 11 metros seguindo a liña da edificación existente. Isto xera unha contradición incompatible que a presente modificación busca resolver, fixando a aliñación na liña da edificación consolidada existente.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, cualificou a aprobación como un feito histórico para o municipio. “Hoxe avanzamos na resposta a unha necesidade urbanística que levaba máis dunha década pendente. Esta modificación permitirá resolver as incoherencias entre o planeamento e a realidade consolidada, asegurando a orde e a seguridade xurídica para os veciños e veciñas desta zona”, sinalou o rexedor.

Contexto histórico

A solicitude de modificación puntual remóntase ao ano 2009, cando se iniciou o expediente. Desde aquel momento, diversos informes técnicos e xurídicos determinaron a necesidade de modificar a aliñación para evitar situacións de fóra de ordenación e asegurar que a planificación se axustase á realidade urbana.

O 11 de outubro de 2010, o Pleno da Corporación aprobou inicialmente a modificación puntual do PXOM. Sen embargo, a pesar deste primeiro paso, a tramitación quedou paralizada durante varios anos, sen que se rexistraran avances significativos.

A arquitecta municipal destacou en varias ocasións que a aliñación proposta no PXOM non se axusta á liña de edificación existente nos edificios consolidados, sendo imprescindible completar a liña edificada actual

Xustificación normativa e informe favorable da Secretaría Municipal

Os informes técnicos municipais avalan que a modificación puntual do PXOM está plenamente xustificada e cumpre coa normativa vixente. En concreto, axústase ás disposicións da Lei 2/2016 do Solo de Galicia e da Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, seguindo o réxime de transitoriedade estipulado na Disposición Transitoria 2ª, 3º da Lei 2/2016.

O procedemento seguido ata o momento cumpriu cos trámites previstos na normativa, incluíndo a presentación do documento inicial estratéxico á Consellería de Medio Ambiente, a non necesidade de avaliación ambiental estratéxica, a aprobación inicial da modificación polo Pleno Corporativo en outubro de 2010 e a realización do trámite de exposición pública.

 

 

Resolución de problemas urbanísticos históricos

Esta modificación permitirá adaptar a aliñación marcada polo PXOM para os edificios comprendidos entre os números 24 e 60, consolidando a liña de edificación existente e evitando situacións de “fóra de ordenación”. A situación actual limita as actuacións nos inmobles a obras de mera conservación, dificultando a súa rehabilitación e funcionalidade.

Entre os edificios afectados, destaca un caso de paralización histórica que representa un claro exemplo da urxencia desta modificación. A situación desta edificación non só afecta á seguridade e salubridade, senón tamén á estética e funcionalidade do entorno urbano. A súa inclusión na modificación permitirá resolver os problemas asociados e revitalizar o patrimonio edificado do Porriño, en liña coas directrices urbanísticas e sociais do municipio.

“O noso compromiso é claro: avanzar na eliminación de todas as disfuncións urbanísticas existentes e promover un entorno máis harmonioso, funcional e seguro para a cidadanía do Porriño”, subliñou Lorenzo.

Próximos pasos

Os próximos pasos no proceso de modificación puntual do PXOM inclúen a remisión do expediente á Xunta de Galicia, onde se tramitará a súa aprobación definitiva. Este trámite é fundamental para que a modificación se faga efectiva e permita mellorar a ordenación urbanística da zona afectada.

A concelleira de Urbanismo, Antía Carrera, manifestou a importancia desta modificación para o desenvolvemento do municipio, salientando que “como Concello, aceleraremos os trámites necesarios para garantir que esta modificación chegue a bo porto, consolidando a revitalización urbana e mellorando a calidade de vida da veciñanza”. Ademais, afirmou que o compromiso do Concello é seguir traballando para que esta transformación urbanística se faga realidade no menor tempo posible.

A rúa San Sebastián, máis preto de converterse nun espazo accesible e renovado

 

  • Os traballos de humanización da rúa San Sebastián finalizarán nun mes e medio, transformando a zona nun espazo máis accesible, moderno e pensado para as persoas.
  • Se está a traballar nunha nova actuación, para a que se buscará financiamento, co obxectivo de crear unha praza que conecte a Capela e a Fonte de San Sebastián, avanzando así cara á humanización completa da zona.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá as obras de humanización que se están a executar na rúa San Sebastián. Acompañado polos concelleiros de Vías e Obras, Ramón Porto, e de Parques e Xardíns, Carlos González, o rexedor comprobou o bo ritmo no que avanzan os traballos, que están a desenvolverse conforme ás condicións establecidas no contrato.

Lorenzo destacou a importancia desta actuación para mellorar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza. “Estamos a transformar esta rúa para que pase de ser un espazo deteriorado e inseguro a converterse nun lugar accesible, moderno e funcional, pensado para as persoas e para fomentar a convivencia. Este proxecto reflicte o noso firme compromiso cun modelo de desenvolvemento urbano sostible, que mellore a calidade de vida da veciñanza e poña en valor os espazos públicos.”, sinalou.

A obra, cun orzamento inicial de 537.384 euros e adxudicada por 472.791 euros, supón a primeira fase dun proxecto integral que conecta a rúa San Sebastián coa peonil de San Bieito e co antigo Campo da Feira. Entre as intervencións en marcha destacan a renovación das redes de saneamento e abastecemento, a reorganización do tráfico e do aparcamento, a mellora da iluminación, e a creación dunha nova praza pública con zonas verdes e de lecer.

O alcalde resaltou que a humanización da rúa San Sebastián, principal acceso do Camiño de Santiago ao centro urbano de O Porriño, busca potenciar a mobilidade peonil e mellorar a conexión entre espazos patrimoniais clave. “Esta actuación enmárcase na nosa aposta polo poder socializador do espazo público. Queremos que sexa un lugar de encontro para veciños e peregrinos, que realce o patrimonio e fomente o uso dos espazos públicos“, engadiu Lorenzo.

Ademais, o rexedor destacou que se está a traballar nunha nova actuación, para a que se buscará financiamento, co obxectivo de crear unha praza que conecte a Capela e a Fonte de San Sebastián, avanzando así cara á humanización completa da zona. Este espazo contará con pérgolas vexetais, mobiliario urbano e zonas de descanso. “Seguimos traballando para que O Porriño sexa unha vila inclusiva, con espazos públicos de calidade que promovan a convivencia e a vida en comunidade. O noso obxectivo é construír un Porriño máis humano, sostible e accesible para todos e todas”, afirmou o alcalde. 

As obras, que se iniciaron en setembro de 2024, avanzan ao ritmo previsto e consolidan O Porriño como un referente en políticas de humanización e sustentabilidade urbana, reafirmando o compromiso do Concello coa mellora da calidade de vida da cidadanía. Prevese que os traballos estean finalizados dentro de mes e medio, cumprindo os prazos establecidos.