Cans dá o pistoletazo de saída ao seu XXII Festival cun acto de presentación no emblemático Torreiro

 

A aldea de Cans xa respira ambiente de festival. Esta mañá celebrouse no Torreiro o acto de presentación oficial do XXII Festival de Cans, que terá lugar entre os días 20 e 24 de maio, reunindo unha vez máis o mellor do cinema galego e estatal nun dos eventos culturais máis singulares do país.

O acto contou coa participación do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; do director da AGADIC da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil; así como de representantes das principais empresas patrocinadoras, como Cristina Canosa por Estrella Galicia, Melisa Pagliaro por Gadis e Ana Rus por Lonza. Tamén estiveron presentes a actriz Isabel Blanco e o director do festival, Alfonso Pato.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou o papel do festival como motor cultural e social: “Cans é un espello no que se amosa o mellor da nosa comunidade. Non é só un festival, é parte do noso ADN como concello. É identidade, dinamismo local e compromiso colectivo.”

Lorenzo puxo tamén en valor o carácter integrador do festival, que transforma espazos cotiáns en escenarios de cine: “Aquí a cultura nace das casas, dos galpóns, dos camiños e do corazón da xente. Esa conexión co territorio é o que fai de Cans algo irrepetible.”

O acto serviu tamén para lembrar os homenaxeados desta edición, catro figuras que encarnan á perfección o espírito do Festival de Cans. O director Alfonso Zarauza será distinguido co Premio Pedigree pola súa traxectoria exemplar no cinema galego. Tamén recibirán os Chimpíns de Prata a actriz e directora Nerea Barros, a artista Uxía Senlle e Adriano Campos, o veciño máis lonxevo da aldea, memoria viva do lugar, colaborador nos documentais colectivos do festival, membro do xurado veciñal e actor veterano da Compañía Fontevella.

Nesta XXII edición, o festival ofrecerá máis de 150 actividades, con seccións que apostan pola creación colectiva, a memoria e o talento local. A programación inclúe actos tan emotivos como a inauguración da Rúa Efémera Cruz Risco, a homenaxe ao Can de Pedra e á veciña Alicia Sánchez, así como a colocación da placa ao homenaxeado Adriano Campos. O público poderá gozar tamén do documental colectivo Proxecto Cans 303, das rutas literarias con Iria Misa e Carlos Meixide, e do tradicional roteiro musical de Xurxo Souto. Non faltarán as exposicións, os concertos, o concurso Pintar o Cine, nin as esperadas procesións de chimpibuses, que percorrerán a aldea e o Porriño cheas de música. O festival culminará o sábado 24 coa gala de entrega dos premios Cans de Pedra no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.

Durante a presentación, destacouse o apoio do Concello do Porriño, que mantén un compromiso firme coa continuidade e crecemento do festival. Xunto a el, recoñeceuse tamén o respaldo da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, así como a implicación das empresas patrocinadoras. Subliñouse, ademais, a importancia da colaboración entre institucións e dunha veciñanza que entende a cultura como un ben común e compartido.

O acto rematou coa tradicional foto de familia e a presenza simbólica dos chimpíns, sinal de identidade do festival, que un ano máis converterá esta aldea nun epicentro de cine, memoria e creatividade.

Forza e admiración para José Antonio Burgarín e o equipo da Titan Desert Marrocos 2025

 

Desde a nosa entidade queremos enviar unha mensaxe de ánimo, forza e profundo respecto a José Antonio Burgarín, do Porriño, e ás oito persoas que o acompañan nesta aventura única e chea de coraxe: a súa participación na Skoda Titan Desert Marrocos 2025, unha proba épica que se celebra do 1 ao 6 de maio, no marco do 60º aniversario da Fundació Institut Guttmann.

Esta iniciativa extraordinaria, impulsada polo Institut Guttmann, reúne profesionais da saúde e pacientes con discapacidade cerebral ou medular, unidos polo reto de cruzar o deserto do Sáhara en bicicleta, nun dos desafíos máis duros do ciclismo de montaña.

A súa presenza nesta proba representa moito máis ca unha participación deportiva: é un símbolo de superación, inclusión, resiliencia e esperanza. É a demostración de que os límites poden superarse cando hai vontade, apoio mutuo e paixón por seguir adiante.

Todo o noso recoñecemento e alento para este equipo valente, que nos inspira co seu exemplo. Seguimos as vosas pegadas con orgullo e admiración.

O Concello impulsa a profesionalización da mocidade no sector do tempo libre

  • Os cursos de Director/a e Monitor/a de Tempo Libre, ambos con titulación oficial, capacitarán á mocidade para coordinar e desenvolver actividades educativas en campamentos, ludotecas e outros espazos de lecer.

O Porriño, 3 de maio de 2025.– A Concellería de Xuventude do Porriño, a través da OMIX, organiza para o ano 2025 dous cursos oficiais de tempo libre que se desenvolverán en formato intensivo e semipresencial no Centro Cultural Municipal do Porriño. Trátase dos cursos de Director/a de Actividades de Tempo Libre e Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, ambos impartidos por Avada S. Coop. e a Escola de Tempo Libre Scolé.

“Queremos dotar á nosa mocidade das ferramentas necesarias para poder acceder ao mercado laboral no ámbito do lecer e o tempo libre, sectores en crecemento e cunha alta demanda de profesionais cualificados”, destacou o alcalde Alejandro Lorenzo, quen puxo en valor a aposta do Concello pola formación de calidade como motor de oportunidades.

O curso de Director/a de Tempo Libre contará cunha parte teórica de 150 horas —80 presenciais e 70 en liña— que se desenvolverá entre os días 12 de maio e 1 de xuño. Posteriormente, os participantes deberán realizar unha fase práctica de 150 horas. Esta formación está homologada pola Xunta de Galicia e capacita oficialmente para coordinar e dirixir actividades de tempo libre en todo o territorio nacional.

Pola súa banda, o curso de Monitor/a de Tempo Libre ofrecerá unha formación teórica de 200 horas (100 presenciais e 100 en liña) e tamén contará cunha fase práctica de 150 horas. As sesións presenciais terán lugar entre o 16 e o 27 de xuño, mentres que a parte telemática se estenderá do 28 de xuño ao 11 de xullo.

O obxectivo é que os mozos e mozas do Porriño conten cunha formación certificada e profesional, que lles permita desenvolver tarefas educativas en campamentos, ludotecas, granxas escola ou centros socioculturais”, explicou o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, quen animou á mocidade a participar activamente nestas iniciativas.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo  a través das seguintes ligazóns:

En ambas accións formativas, darase prioridade ás persoas empadroadas no Concello do Porriño.

“Formarse neste tipo de accións non só abre portas no ámbito laboral, senón que tamén contribúe a fomentar valores de convivencia, respecto e participación social”, engadiu o alcalde Alejandro Lorenzo.

Con estas novas convocatorias, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa educación non formal e co impulso do talento xuvenil, ofrecendo ferramentas útiles para o acceso ao emprego e promovendo valores fundamentais como a responsabilidade, a creatividade e a participación activa na sociedade.

O Porriño amplía a súa oferta de actividades para mellorar a calidade de vida das persoas maiores co programa “COMBIACTÍVATE”

  • Durante as sesións, combinaranse exercicios físicos con actividades de estimulación cognitiva, co obxectivo de que os participantes se sintan máis activos, autónomos e conectados coa contorna.

O Porriño, 2 de maio de 2025.– O Concello do Porriño continúa ampliando a súa oferta de actividades destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores. Nesta ocasión, faino a través do programa de envellecemento activo “CombiActívate”, promovido en colaboración co Centro de Día do Porriño, que ofrecerá talleres de memoria e actividade física no Centro Cultural Alba, en Torneiros.

As sesións desenvolveranse todos os martes, de 16:00 a 17:00 horas, durante os meses de maio e xuño —comezando a vindeira semana— e retomaranse de setembro a decembro. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición directamente no Centro de Día do Porriño.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinalou que “seguimos traballando para que os nosos maiores teñan acceso a programas que favorezan un envellecemento activo e saudable. Este tipo de iniciativas non só melloran o seu benestar físico e mental, senón que tamén fortalecen o tecido social da nosa comunidade”.

O programa busca ofrecer un espazo de encontro e dinamización no que as persoas maiores poidan manterse activas tanto física como mentalmente, promovendo a súa autonomía e benestar emocional.

Pola súa parte, a concelleira de Sanidade e Política Social, Teresa Veloso, destacou que “a colaboración entre o Centro de Día e o Concello está a dar moi bos resultados. Estes talleres son unha ferramenta clave para manter as capacidades cognitivas e físicas dos nosos maiores, e tamén para previr o illamento social”.

Durante as sesións, combinaranse exercicios físicos con actividades de estimulación cognitiva, co obxectivo de que os participantes se sintan máis activos, autónomos e conectados coa contorna.

O Concello do Porriño ADÍA o “FLI-PO MARKET” para os días 7 e 8 de xuño e reabre o prazo de inscripción

 

  • Debido á previsión de fortes precipitacións para esta fin de semana, o Concello do Porriño apraza a celebración do Fli-Po Market e reabre o prazo de inscrición ata o 30 de maio.

O Porriño, 2 de maio de 2025.– O Concello do Porriño informa que, debido á previsión de fortes choivas para esta fin de semana, o Fli-Po Market queda adiado. O evento celebrarase finalmente os días 7 e 8 de xuño, mantendo o seu emprazamento na Praza 8 de Marzo (Avenida de Galicia).

A decisión foi adoptada mediante Decreto de Alcaldía co fin de garantir a seguridade das persoas asistentes e participantes, así como o bo desenvolvemento de todas as actividades programadas.

Co cambio de datas, ábrese tamén un novo prazo para a presentación de solicitudes, co obxectivo de facilitar a incorporación de novas propostas. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 30 de maio ás 14:00 horas, conforme ás condicións recollidas nas bases dispoñibles na web municipal.

O Fli-Po Market, organizado polo Concello do Porriño, é unha iniciativa pioneira para fomentar o consumo responsable e dar visibilidade á economía circular. O evento contará con postos de venda, troco e doazón de produtos de segunda man, ademais dunha ampla programación que incluirá obradoiros creativos, concertos, actividades infantís e propostas gastronómicas.

Desde o Concello anímase a toda a cidadanía e visitantes a participar nesta edición reprogramada, que combina sustentabilidade, cultura e lecer nun formato innovador e inclusivo.

Cancelado o Festival Folclórico previsto para este sábado pola previsión de choiva

  • Se traballará para buscar unha nova data que permita celebrar o evento en condicións máis axeitadas.

O Porriño, 2 de maio de 2025.– O Concello do Porriño vese na obriga de cancelar o Festival Folclórico das Asociacións Culturais e Veciñais, previsto para este sábado 3 de maio na Praza Antonio Palacios, debido á previsións meteorolóxicas adversas.

A decisión responde á necesidade de garantir a seguridade das persoas asistentes e das agrupacións participantes, xa que o evento se ía desenvolver ao aire libre.

A administración local destaca que o festival representa unha celebración moi especial, que pon en valor as tradicións populares do municipio e o labor das asociacións culturais. Se traballará para buscar unha nova data que permita celebrar o evento en condicións máis axeitadas.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que “é unha mágoa ter que aprazar unha cita tan esperada, pero a seguridade e a comodidade da veciñanza e dos grupos participantes deben ser prioritarias”.

O Concello comunicará a nova data en canto sexa posible e agradece á cidadanía a súa comprensión.

A tradición toma a praza Antonio Palacios do Porriño este sábado

  • A cita desenvolverase a partir das 19:00 horas na Praza Antonio Palacios e converterá este emblemático espazo nun escenario de encontro coa tradición e co folclore galego da man de diferentes agrupacións do municipio

O Porriño, 2 de maio de 2025.– O Porriño celebra este sábado, 3 de maio, o Festival Folclórico das Asociacións Culturais e Veciñais. A cita desenvolverase a partir das 19:00 horas na Praza Antonio Palacios e converterá este emblemático espazo nun escenario de encontro coa tradición e co folclore galego, da man de diferentes agrupacións do municipio que traballan na preservación e difusión da nosa cultura popular.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinalou que “a celebración deste festival é unha oportunidade para recoñecer o labor das asociacións culturais que manteñen vivas as nosas tradicións. É tamén un momento para reforzar a identidade colectiva e o orgullo de pertencer a unha vila con tanta riqueza cultural”.

Durante a tarde, o público poderá gozar das actuacións do Grupo Cantareiras da Forna Budiño, o Grupo de Gaitas de Chenlo, o Grupo de Cantareiras de Carracido, o Grupo Acordecans e Os Penedíños de Atios. Todos eles ofrecerán unha mostra do seu repertorio tradicional, nunha cita que promete música, cor e sentimento de pertenza.

O concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, expresou o seu agradecemento ás entidades participantes e destacou que “este festival é un exemplo do enorme potencial cultural do Porriño. As nosas asociacións non só conservan o patrimonio inmaterial, senón que fan que forme parte activa da vida cultural do municipio”.

A organización do festival é froito da colaboración entre o Concello do Porriño e as propias asociacións culturais e veciñais, que suman esforzos para que esta xornada se converta nun punto de encontro para a veciñanza.

Segundo Alejandro Lorenzo, “eventos coma este fortalecen os lazos entre parroquias e xeran espazos de convivencia arredor da nosa cultura, algo fundamental para seguir construíndo unha sociedade cohesionada e orgullosa da súa historia”.

O Concello anima a toda a cidadanía a achegarse á Praza Antonio Palacios e participar nesta festa da tradición, que ofrece unha ocasión única para desfrutar do folclore local en comunidade.

 

Zelnova Zeltia impulsa desde O Porriño a innovación sostible na industria europea.

  • Cunha traxectoria de máis de 80 anos e unha facturación anual de 85 millóns de euros, os seus produtos chegan a máis de 50 países.
  • A visita do alcalde Alejandro Lorenzo puxo en valor a aposta da compañía pola innovación sostible e o crecemento industrial.

O Porriño, 30 de abril de 2025.– O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá as instalacións de Zelnova Zeltia, compañía referente na fabricación de produtos para o fogar e líder no seu sector a nivel europeo. Acompañado polo tenente de alcalde, Carlos Martínez, e pola concelleira de Sanidade e Política Social, Teresa Veloso, o rexedor percorreu as instalacións e coñeceu de primeira man os novos proxectos e investimentos que a empresa está a desenvolver.

Durante a visita, Alejandro Lorenzo destacou a importancia estratéxica de Zelnova Zeltia para o tecido industrial do municipio: “Zelnova Zeltia é un orgullo para O Porriño e un exemplo de como se pode apostar pola innovación e a sustentabilidade sen renunciar ás raíces locais. Que empresas coma esta aposten por crecer dende aquí é unha garantía de futuro para o noso concello e para Galicia”, asegurou o alcalde.

O equipo directivo da compañía, encabezado polo seu presidente Pedro Fernández Puentes, explicou o proceso de expansión sostida que está a vivir Zelnova Zeltia, cun modelo baseado na innovación, o compromiso ambiental e a internacionalización. Fernández Puentes salientou: “Estamos nun momento clave para a compañía. Demostramos que é posible crecer de forma sostida apostando pola innovación, a sustentabilidade e o compromiso con Galicia”.
Ademais, destacou a importancia de manter as operacións no Porriño:
“Para nós é fundamental seguir desenvolvendo a nosa actividade desde O Porriño, xerando emprego e valor na contorna”.

A compañía, cunha traxectoria de máis de 80 anos, alcanzou unha facturación anual de 85 millóns de euros en 2023 e conta cunha presenza internacional que supera o 55 % das súas vendas fora de España. Con máis de 250 traballadores, Zelnova Zeltia mantén as súas fábricas e laboratorios en España, ademais de contar con oficinas comerciais en Italia.

Durante a visita, o alcalde tivo ocasión de coñecer algúns dos logros máis destacados da empresa no eido da innovación e a sustentabilidade. Zelnova Zeltia foi pioneira na fabricación do primeiro insecticida en aerosol en España e no lanzamento do primeiro ambientador eléctrico a nivel mundial. Ademais, leva décadas comprometida coa protección ambiental, sendo unha das primeiras compañías en empregar propelentes que non danan a capa de ozono.

Desde o Concello do Porriño reiteramos o noso compromiso co apoio ás empresas que apostan polo desenvolvemento sostible, pola xeración de emprego de calidade e pola proxección internacional dende a nosa terra. O éxito de Zelnova Zeltia é, sen dúbida, un reflexo do potencial industrial e humano do Porriño.

O Porriño acolle a presentación da “IX CHALLENGE AS RÍAS BAIXAS”, referente do ciclismo galego

  • Douscentos ciclistas das categorías máster e xuvenil participarán esta fin de semana nunha proba por etapas que percorrerá os concellos de Mos, Ponteareas e O Porriño, nun desafío que mestura esixencia física, organización exemplar e paixón polo ciclismo galego.

O Porriño, 30 de abril de 2025.– O Concello do Porriño foi escenario esta mañá da presentación oficial da IX Challenge As Rías Baixas, unha das citas máis importantes do ciclismo galego, que reunirá a douscentos corredores das categorías máster e xuvenil durante a fin de semana do 3 e 4 de maio. A proba, organizada polo club ciclista Master da Louriña, percorrerá os municipios de Mos, Ponteareas e O Porriño nun percorrido esixente que combina tramos en liña e contrarreloxo.

No acto participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, así como os seus homólogos de Ponteareas e Mos, Nicolás Rodríguez e Camilo Grandal, respectivamente. Tamén asistiron o presidente do club organizador, Juan José Álvarez Cerdeira, por parte da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez,  Rafael Pérez, representando a unha das empresas patrocinadoras do evento deportivo e Horacio Barros.

Alejandro Lorenzo salientou a importancia que ten para O Porriño ser sede dunha proba desta dimensión, afirmando que “a Challenge As Rías Baixas é moito máis ca unha competición deportiva; é unha oportunidade para mostrar o dinamismo e o compromiso dos nosos concellos coa promoción da actividade física e coa organización de eventos de primeiro nivel”. O rexedor destacou tamén o impacto positivo que terá na economía local e no tecido asociativo, animando a toda a cidadanía a vivir esta festa do ciclismo.

Pola súa parte, Abel Estévez destacou o traballo conxunto realizado entre administracións e entidades deportivas para facer realidade esta nova edición. “Estamos moi orgullosos de acoller unha cita que combina deporte de alto nivel e participación cidadá”, asegurou o concelleiro de Deportes, quen engadiu que “o ciclismo representa valores fundamentais como o esforzo, a solidariedade e a superación, principios que desde O Porriño queremos seguir impulsando entre os máis novos”.

A IX Challenge As Rías Baixas desenvolverase en tres etapas moi esixentes. O sábado 3 de maio disputarase o Gran Premio de Mos, cun percorrido en liña de 79 quilómetros e 800 metros de desnivel acumulado. Esa mesma tarde terá lugar a contrarreloxo individual de Ponteareas, sobre un trazado técnico de 11 quilómetros. O domingo 4, o Gran Premio do Porriño pechará a competición cun percorrido de 85 quilómetros e preto de 1.000 metros de desnivel, nunha etapa que decidirá os vencedores finais.

O evento premiará aos líderes das diferentes clasificacións xerais e de especialidades, co obxectivo de fomentar a competitividade e a emoción ata a última pedalada. Desde a organización e os concellos implicados convidan a todos os veciños e visitantes a apoiar aos corredores, convertendo esta IX Challenge As Rías Baixas nunha verdadeira festa do ciclismo galego.

A paixón polo Ciclismo Base volve ao Porriño co “43º Trofeo Horacio Barros”

 

  • O 1 de maio, o Parque de Torneiros no Porriño acollerá o 43º Trofeo Horacio Barros, reunindo ciclistas de base nunha xornada de deporte e convivencia.

O Porriño, 29 de abril de 2025.– O Concello do Porriño acolleu esta mañá a presentación do 43º Trofeo Horacio Barros, unha das citas máis destacadas do ciclismo base galego. No acto estiveron presentes o alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, e o propio Horacio Barros, figura histórica do ciclismo na comarca. Tamén asistiron Juan José Álvarez, presidente do club organizador Master da Louriña, Rafa Pérez, patrocinador do evento, así como un grupo de novos ciclistas de base que tomarán parte na competición.

Durante a presentación, o alcalde Alejandro Lorenzo subliñou a importancia desta cita deportiva para o municipio: “O Trofeo Horacio Barros é un orgullo para O Porriño, non só pola súa longa traxectoria, senón tamén polos valores que representa: esforzo, superación e compañeirismo“, destacou.

O Trofeo, que se celebrará o próximo 1 de maio no Parque de Torneiros, reunirá a ciclistas das categorías promesa, principiante, alevín, infantil, cadete e júnior feminina. A competición comezará ás 10:00 horas, sucederanse distintas probas adaptadas a cada categoría e culminará coa entrega de premios prevista para as 13:15 horas.

Neste sentido, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, destacou o esforzo organizativo e o valor desta cita para o deporte local: “Non é só unha competición, é unha festa para as familias e un impulso ao deporte base, onde se sementan os soños dos futuros campións“, afirmou.

A presentación tivo tamén un momento emotivo no que se recoñeceu a figura de Horacio Barros, pioneiro e promotor do ciclismo na comarca da Louriña, cuxo legado continúa a inspirar ás novas xeracións. A presenza dos novos ciclistas de base no acto deu un simbolismo especial á xornada, reforzando o espírito de continuidade e ilusión que define este trofeo.

Desde o Concello do Porriño anímase á cidadanía a achegarse o 1 de maio ao Parque de Torneiros para apoiar ás futuras promesas do ciclismo e gozar dunha xornada de deporte, convivencia e entusiasmo.