O Concello do Porriño inaugura a nova rúa San Sebastián, un espazo humanizado e accesible pensado para a veciñanza

 

  • Este proxecto conta cun orzamento de 537.384 euros

O Porriño, 10 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño celebrou esta tarde a inauguración oficial da nova Rúa San Sebastián, tras concluír as obras de humanización que transformaron por completo este espazo emblemático da vila. Ao acto asistiron o Alcalde, Alejandro Lorenzo; o Concelleiro de Vías e Obras, Moncho Porto; a directora da obra e arquitecta responsable do proxecto, Estefanía Grandal; representantes da empresa construtora ORESA; así como veciños e veciñas da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián.

Este proxecto, que conta cun orzamento de 537.384 euros, supón a culminación da primeira fase du proxecto integral que conecta a rúa San Sebastián coa peonil de San Bieito e co antigo Campo da Feira. A intervención incluíu a renovación das redes de saneamento e abastecemento, a mellora da iluminación pública, a reorganización do tráfico e do aparcamento, así como a creación dunha nova praza pública con zonas verdes e espazos de lecer. 

“Esta rúa é agora un espazo digno, humanizado e funcional, que mellora a calidade de vida da veciñanza e revaloriza un dos accesos principais ao centro urbano do Porriño, especialmente importante para o Camiño de Santiago”, sinalou o Alcalde, Alejandro Lorenzo, durante o acto. “Non se trata só de renovar o firme ou mellorar os servizos, senón de apostar por un modelo urbano centrado nas persoas.”

Durante a inauguración, o Concello reafirmou o seu compromiso de continuar avanzando na segunda fase do proxecto, que contempla a creación dunha nova praza entre a Capela e a Fonte de San Sebastián. “Queremos que este sexa un punto de encontro para veciños, peregrinos e visitantes, un lugar de referencia que combine patrimonio, accesibilidade e calidade urbana”, engadiu o rexedor.

Esta actuación enmárcase dentro das políticas de humanización e sustentabilidade urbana impulsadas polo Goberno municipal, co obxectivo de construír un Porriño máis humano, inclusivo e comprometido co benestar da súa cidadanía.

O Porriño inaugura unha aula sensorial no CEIP da Ribeira para apoiar ao alumnado con necesidades específicas

 

  • Esta aula beneficiará directamente a uns 40 nenos e nenas do centro

O Porriño, 10 de xuño de 2025.– O CEIP da Ribeira inaugurou hoxe unha nova aula sensorial destinada a ofrecer un espazo adaptado e inclusivo para o alumnado con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e outras dificultades de aprendizaxe.

O acto contou coa presenza do Alcalde, Alejandro Lorenzo; a Concelleira de Educación, Carolina González; o Xefe Territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, así como da directora do centro, Teresa Castro, e profesorado.

“A aula sensorial é un lugar onde o alumnado pode interactuar co entorno dun xeito máis tranquilo e relaxado, favorecendo a súa aprendizaxe e benestar. Conta con diferentes zonas adaptadas aos distintos sentidos como a zona da luz, do tacto, do gusto, unha área de relaxación con piscina de bolas e ata un espazo para proxeccións audiovisuais con sons da natureza”, explicou Teresa Castro. Esta aula beneficiará directamente a uns 40 nenos e nenas do centro.

Fundado en 1984 no Polígono de Torneiros, o CEIP da Ribeira é un centro de referencia na atención preferente a alumnado con TEA e necesidades específicas, reafirmando así o seu compromiso coa educación inclusiva e de calidade.

O Alcalde, Alejandro Lorenzo, manifestou que “esta aula sensorial é un paso máis para garantir unha educación igualitaria e de atención personalizada para todo o alumnado do Porriño. Continuamos traballando para que os centros educativos da nosa vila dispoñan dos recursos necesarios para acoller a diversidade e promover o desenvolvemento integral do alumnado.”

Esta nova aula sensorial é a segunda que se habilita na vila, sumándose á xa existente no centro de educación especial de Aceesca, reforzando o compromiso do Concello do Porriño coa educación inclusiva e a atención a toda a diversidade.

O Concello do Porriño devela o segundo dos cinco galardóns da II edición dos Premios Antonio Palacios

 

  • O Círculo Recreativo Cultural CRC recibirá o Premio Antonio Palacios ao Compromiso Social pola súa longa traxectoria como esparzo de encontro, participación e dinamización social

O Porriño, 10 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño vén de anunciar o segundo dos cinco recoñecementos que serán entregados este sábado na II edición dos Premios Antonio Palacios. Trátase do Premio ao Compromiso Social, que este ano será outorgado ao Círculo Recreativo Cultural CRC.

Este recoñecemento pon en valor a dilatada traxectoria do CRC como referente no ámbito social e cultural do municipio. Ao longo dos anos, o Círculo consolidouse como un espazo de encontro e dinamización que promove a participación cidadá, o lecer e a cohesión comunitaria. A súa labor constante no fomento de valores como a colaboración, a solidariedade e o servizo á comunidade fan desta entidade unha merecida gañadora do galardón., un espazo que ten sido un motor para o fomento da cultura, do lecer e da cohesión comunitaria, promovendo valores de colaboración e servizo ao municipio.

O Premio Antonio Palacios ao Compromiso Social distingue a aquelas persoas ou entidades que destacan polo seu labor desinteresado a prol do ben común, reforzando o tecido social e contribuíndo á mellora da calidade de vida no Porriño.

O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliña o papel fundamental do CRC na vida local e expresa o seu recoñecemento: “Todos no Porriño temos algún recordo ligado ao CRC. É moito máis ca unha entidade cultural: é unha parte da nosa historia e do noso día a día. Levan anos abrindo as portas á veciñanza, creando comunidade e facendo barrio. Este premio é unha maneira de dicirlles gracias, de corazón, polo que representan para todos nós.”

O acto de entrega da II edición dos Premios Antonio Palacios celebrarase este sábado nunha gala especial que reunirá a diversas personalidades do mundo da cultura, da empresa, do deporte e da sociedade civil, así como representantes da comunidade local.

O Concello do Porriño continuará nos vindeiros días desvelando o nome dos restantes galardoados, reafirmando o seu compromiso coa posta en valor do talento, a identidade e o orgullo porriñés.

O Concello do Porriño devela o primeiro dos cinco galardóns da II edición dos Premios Antonio Palacios

 

  • O Festival de Cans recibirá o Premio Antonio Palacios á Cultura polo seu compromiso coa identidade, a creatividade e a dinamización do rural

O Porriño, 9 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño vén de anunciar o primeiro dos cinco recoñecementos que serán entregados este sábado na II edición dos Premios Antonio Palacios. Trátase do Premio á Cultura, que este ano será outorgado ao Festival de Cans, un evento singular que, ano tras ano, transforma a parroquia porriñesa no epicentro do cinema galego e da vangarda cultural.

O Premio Antonio Palacios á Cultura honra a aquelas persoas e entidades que, coa súa creatividade e paixón, manteñen vivas as tradicións culturais ao tempo que fomentan a innovación artística. Desde escritores e músicos, ata artistas visuais e docentes, este galardón recoñece o traballo daqueles cuxa obra une comunidades e transcende fronteiras. Na súa primeira edición, o premio foi concedido ao histórico Almanaque Agrícola ZZ, en recoñecemento ao seu valor simbólico, editorial e cultural dentro da memoria colectiva galega.

Nesta segunda edición, o recoñecemento irá para o Festival de Cans por ser unha iniciativa cultural única e profundamente enraizada na nosa identidade, que combina vangarda, participación veciñal e creatividade.

“O Festival de Cans non só é cine: é memoria, é orgullo de pertenza e é unha mostra de como a cultura pode dinamizar o rural e proxectalo internacionalmente”, subliñou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Engadiu ademais que “é de xustiza poñer en valor o seu impacto sostido no tecido social, artístico e económico do noso concello. Cans representa un modelo exemplar de cultura participativa, feita dende o local pero con capacidade para emocionar e conectar a nivel global”.

Con máis de dúas décadas de traxectoria —a súa primeira edición celebrouse no ano 2004—, o Festival de Cans consolidouse como unha cita imprescindible no calendario cultural galego, destacando pola súa capacidade de mesturar talento emerxente, humor, emoción e compromiso coa contorna. A súa evolución constante e a implicación da veciñanza fan del un modelo único de xestión cultural.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, destacou que o Festival de Cans “é moito máis ca unha cita cinematográfica: é un referente indispensable na nosa axenda cultural e un motor de dinamización para o Porriño”. 

O acto de entrega da II edición dos Premios Antonio Palacios celebrarase este sábado nunha gala especial que reunirá a diversas personalidades do mundo da cultura, da empresa, do deporte e da sociedade civil, así como representantes da comunidade local.

O Concello do Porriño continuará nos vindeiros días desvelando o nome dos restantes galardoados, reafirmando o seu compromiso coa posta en valor do talento, a identidade e o orgullo porriñés.

Publicadas as bases para a instalación de postos na Festa de Porrigalia e nas Festas de San Bieito

  • A data de inscrición vai dende o 9 ata o 23 de xuño ás 14:00h

O Porriño, 7 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño vén de publicar as bases que establecen os requisitos, pautas e condicionantes que se deberán cumprir para a instalación de postos en Porrigalia 2025 e nas Festas de San Bieito. 

Accede ás bases de Porrigalia 2025 pinchando nas seguintes ligazóns: 

BASES REGULADORAS QUE REXERÁN A CONVOCATORIA PARA A AUTORIZACIÓN DE INSTALACIÓNS DE POSTOS DE VENDA AMBULANTE NA FESTA DE PORRIGALIA 2025

BASES REGULADORAS QUE REGIRÁN LA CONVOCATORIA PARA LA AUTORIZACIÓN DE INSTALACIONES DE PUESTOS DE VENTA AMBULANTE EN LA FIESTA DE PORRIGALIA 2025

Accede ás bases das Festas de San Bieito pinchando nas seguintes ligazóns: 

BASES POSTOS VENDA SAN BIEITO 2025

BASES PUESTOS SAN BENITO 2025

A data de inscrición vai dende o 9 ata o 23 de xuño ás 14:00h. 

 

 

 

O Porriño celebra por todo o alto centenario de Juaniña: pasado, presente e futuro do noso municipio

 

  • A Travesía Domingo Bueno, no tramo que vai dende a Rúa Fernández Areal ata Avenida Domingo Bueno, xa é a “Rúa Juaniña”

O Porriño, 7 de xuño de 2025.–  O Concello do Porriño celebrou esta mañá unha homenaxe moi especial a unha das súas veciñas máis queridas e lonxevas, Juana da Cruz —Juaniña, como é coñecida por todos— que cumpre hoxe 100 anos. Con motivo do seu centenario, o Alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo sorprender a Juaniña cun recoñecemento que permanecerá para sempre: a rúa onde vive pasará a chamarse Rúa Juaniña. “Ti es pasado do Porriño, es presente, pero serás moito futuro tamén do Porriño”, díxolle o rexedor a Juaniña antes de que se descubrira a placa. 

O acto comezou cun emotivo pasillo formado por veciños e familiares, seguido do Himno Galego interpretado pola banda de gaitas e percusión Os Zoqueiros, e a descuberta da nova placa que bautiza oficialmente a rúa co nome de Juaniña. Este foi un momento especialmente emotivo para a homenaxeada, que ata se animou a cantar. O alcalde entregoulle un ramo de flores como mostra de admiración e cariño. “Toda a miña vida quixen moitísimo a todo Porriño”, afirmou Juaniña. A homenaxe continuou cunha festa, onde non faltaron os pinchos nin as apertas compartidas coa súa familia e amizades.

Un século de historia, elegancia e talento

A historia de Juaniña está fondamente ligada á do Porriño. Viviu a Segunda República, a Guerra Civil e a ditadura, e foi testemuña directa da transformación da vila. A súa figura tamén está ligada ao tranvía que unía o Porriño con Vigo, onde acudía acompañada das súas clientas para mercar tecidos e ver in situ como lles caían os vestidos.

Costureira excepcional, foi quen de replicar traxes icónicos como o de Lady Di ou o da Raíña Fabiola. Na súa sala de costura nunca faltaban revistas de moda internacional, e tiña a habilidade de reproducir os deseños de Chanel, Dior, Valentino ou Versace. A súa elegancia continúa intacta: segue a confeccionar a súa propia roupa.

O alcalde, durante o acto, dirixiu unhas palabras que mesturaron orgullo, afecto e recoñecemento:

“Celebramos os 100 anos dunha veciña que non só viviu a historia do Porriño, senón que axudou a construíla. Juaniña é un exemplo de traballo, de elegancia, de superación. É desas persoas que fan grande unha vila co seu saber facer e o seu trato cercano. Para min é unha honra como alcalde, pero tamén como veciño, poder dicir que temos unha rúa que leva o seu nome. É un xesto pequeno en comparación co que ela representa para todos nós. O Porriño está orgulloso de ti, Juaniña, e hoxe deixámolo escrito nunha placa, pero tamén na memoria de todos nós”.

O Concello do Porriño quere agradecerlle a Juaniña o seu exemplo de vida, traballo e estilo, e a través da nova Rúa Juaniña manter viva a memoria dunha muller que representa o mellor da nosa vila.

Este nomeamento non é só simbólico: o cambio de nome á rúa foi aprobado no Pleno da Corporación Municipal do pasado mes de maio, tras ser unha proposta tratada nunha comisión especifica. Unha rúa que identifica á muller e impulsa o feminismo no Concello. Concretamente será a Travesía Domingo Bueno, no tramo que vai dende a Rúa Fernández Areal ata Avenida Domingo Bueno, a que dende hoxe xa é a “Rúa Juaniña”.

A Escola Municipal de Música do Porriño abre o prazo de matrícula para o curso 2025/2026

 

O Porriño, 6 de xuño de 2025. – A Escola Municipal de Música do Porriño anuncia a apertura do prazo de matrícula para o curso académico 2025/2026. A formalización das inscricións realizarase entre os días 9 e 20 de xuño, no primeiro andar da Escola (Centro Cívico da avenida Domingo Bueno, 13), a partir das 16:00 horas.

A inscrición estará organizada en dúas fases:

Do 9 ao 20 de xuño: matrícula para o alumnado xa inscrito durante o curso 2024/2025.

Do 16 ao 20 de xuño: matrícula para novo alumnado, sempre que haxa prazas dispoñibles.

A Escola recomenda que só acuda unha persoa por estudante para realizar o trámite, e no caso de familias con varios membros, que sexa unha única persoa representante.

A folla de matrícula debe recollerse previamente nas instalacións da Escola e poderá entregarse de dúas maneiras:

– Presencialmente, no Rexistro Xeral do Concello do Porriño (de luns a venres, de 9:00 a 14:00 h).

– Telematicamente, a través da sede electrónica do Concello.

A listaxe co nome, día e hora do alumnado matriculado publicarase o 1 de setembro de 2025 na EMMUS e tamén na porta do Centro Cultural Municipal (Biblioteca).

A semana do 8 ao 12 de setembro, realizarase a elección de horarios de instrumento, convocando ao alumnado por especialidade e respectando a orde de matrícula. Desde a dirección da Escola insístese na importancia da puntualidade e de levar anotadas varias opcións de horario para facilitar o proceso.

A oferta formativa da Escola inclúe:

  • Música e movemento (a partir dos 4 anos).
  • Linguaxe musical para todas as idades.
  • Especialidades instrumentais como: violín, viola, violonchelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, clarinete, frauta traveseira, saxofón, óboe, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión tradicional.

A Escola Municipal de Música tamén ofrece a posibilidade de participar nas súas agrupacións:

  • Banda de Música
  • Mini Banda do Porriño
  • Orquestra de Corda
  • Grupo de Música Tradicional
  • Conxunto de Guitarras
  • Coral Infantil
  • Coral Polifónica de Adultos/as

As clases do novo curso comezarán o 15 de setembro de 2025 no edificio do Centro Cívico.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse directamente á Escola Municipal de Música ou consultar a web oficial do Concello do Porriño.

O Concello do Porriño celebra esta fin de semana o “Fli-Po Market”, o primeiro mercado sostible do municipio

 

O Porriño, 6 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño celebrará esta fin de semana, os días 7 e 8 de xuño, a primeira edición do Fli-Po Market, un mercado pioneiro que converterá a Praza 8 de Marzo (Avenida de Galicia) nun espazo de encontro arredor da economía circular, o consumo responsable e a participación cidadá.

O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca a importancia deste mercado como unha acción innovadora e comprometida co medio ambiente, subliñando que “o Fli-Po Market supón unha oportunidade para concienciar á cidadanía sobre a importancia de reducir residuos e apostar pola reutilización, co obxectivo de converter O Porriño nun referente en iniciativas sostibles”.

Organizado polo Concello do Porriño, o Fli-Po Market nace co obxectivo de promover hábitos de consumo sustentables e dar visibilidade a proxectos baseados na reutilización, a reciclaxe e a creatividade. Ofrecerá un espazo para a compra, venda e intercambio de produtos de segunda man. Ademais, contará cunha ampla programación de actividades lúdicas, música en directo e unha variada oferta gastronómica con postos de comida.

 

PROGRAMACIÓN COMPLETA

SÁBADO 7 DE XUÑO

  • 11:00 h – Apertura do Mercado de artesáns e deseñadores sostibles.
  • 14:30 h – Actuación musical de Sálvora Trío.
  • 16:30 h – 18:00 h – Obradoiro de macramé con refugallos téxtiles, a cargo de Hypathia.
    Obradoiro de petos de macramé con refugallos téxtiles sobre camisetas recicladas. Podes traer a túa propia camiseta ou entregaráseche unha reciclada.
    Para maiores de 11 anos – Máximo 15 prazas.
  • 18:30 h – 20:00 h – Obradoiro “Do vidro á eco-creatividade”, por Kolbéh.
    Elaboración de floreiros con materiais reciclados. Podes traer o teu recipiente ou proprcionaráseche un reciclado. Para maiores de 11 anos – Máximo 15 prazas.
  • 20:30 h – 22:30 h – Sesión musical con DJ Rapante.

DOMINGO 8 DE XUÑO

  • 12:00 h – Apertura do Mercado Popular.
  • 12:15 h – 13:45 h – Charla/Obradoiro con Retoque Retro: Arte cos residuos do mar.
    Obradoiro dirixido a todos os públicos, incluídas familias con nenos/as.
  • 13:45 h – 15:45 h – Actuación musical de Bafana Bafana.
  • 17:00 h – 18:30 h – Charla/Obradoiro con Inda Gargamala: Fractais sobre madeira reciclada.
  • 19:00 h – 19:30 h – Actuación de Laura Carmona, participante de La Voz Kids 2025.
  • 19:30 h – 21:30 h – Actuación musical de Somoza Trío.
  • 21:30 h – Peche do mercado e sorteo da persoa gañadora.

Desde o Concello do Porriño anímase a toda a veciñanza e persoas visitantes a participar activamente neste mercado único, que combina cultura, sustentabilidade e lecer para todos os públicos. 

O Concello do Porriño inicia os traballos de asfaltado en cinco camiños da parroquia de Budiño

  • As obras contan cun orzamento de 100.093,20 € e buscan resolver o mal estado destes camiños municipais, mellorando a seguridade viaria e a calidade dos accesos
  • Prevese que os traballos de asfaltado rematen nunha semana.

O Porriño, 6 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño comeza esta semana un proxecto de repavimentación en cinco camiños da parroquia de Budiño: Mantelle, Vacaría, A Chan, O Casal e Cerquido. Estas actuacións enmárcanse no compromiso municipal de mellorar as infraestruturas e dinamizar o medio rural. Prevese que os traballos de asfaltado rematen nunha semana.

O obxectivo principal destas obras, que contan cun orzamento de 100.093,20 € (IVE incluído), financiados íntegramente coa subvención do Plan+Provincia2024 da Deputación de Pontevedra, é resolver o mal estado destes camiños municipais, mellorando a seguridade viaria e a calidade dos accesos para veciños e usuarios.

O proxecto contempla unha serie de actuacións fundamentais, entre elas:

  • Limpeza e desbroce das marxes e arcenes para garantir un bo drenaxe e visibilidade.
  • Fresado do firme existente, eliminando as zonas deterioradas para a correcta base do novo pavimento.
  • Aplicación de capas de aglomerado en quente, con espesores que garanten a durabilidade e resistencia do novo firme.
  • Realce das tapas de rexistro para evitar danos e mellorar a seguridade.
  • Marcado vial reflectivo e pintura termoplástica de símbolos e frechas para facilitar a circulación e a seguridade.

Mellora dos Viais e do Saneamento: Un Compromiso con Todas as Parroquias

A mellora dos viais e do saneamento é unha das máximas prioridades do goberno municipal. “Sabemos que unhas boas comunicacións e uns servizos básicos axeitados son fundamentais para garantir a calidade de vida da veciñanza”, asegura o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

Por iso, o Concello está a desenvolver un plan integral de actuacións en todas as parroquias, con proxectos definidos tanto para a renovación e mellora dos viais como para a extensión e modernización das redes de saneamento, adaptándose ás necesidades específicas de cada zona.

“O noso obxectivo é construír un Porriño máis conectado, máis limpo e máis sostible, con infraestruturas modernas e eficaces, á altura do que merece a nosa cidadanía”, subliña o rexedor.

Os camiños que recibirán estas melloras teñen lonxitudes que oscilan entre os 145 e 350 metros, cun ancho medio entre 4,5 e 5 metros, garantindo así unha mellor circulación tanto de vehículos como de peóns.

Este investimento reafirma o compromiso do Concello do Porriño coa calidade de vida dos seus veciños, especialmente no medio rural, onde a mellora das infraestruturas é fundamental para o desenvolvemento e a conexión dos núcleos de poboación.

O Concello do Porriño impulsa a reflexión científica con Martín Barreiro e Ana Mariño na segunda xornada de ACIENCIACERTA 2025

Porriño, 5 de xuño de 2025.– A segunda edición de ACiENCiACERTA, a Mostra de Ciencias na Rúa organizada polo Concello do Porriño, viviu esta mañá un dos seus momentos destacados coa charla “O extraordinario planeta A no que habitamos”, a cargo do meteorólogo Martín Barreiro e da divulgadora ambiental Ana Mariño.

A actividade celebrouse na Praza do Concello e contou coa asistencia do alumnado do IES Ribeira do Louro e do Colexio Hermanos Quiroga. O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acudiu á charla, saudou ao público e puxo en valor “a aposta decidida do Concello por promover espazos de divulgación científica abertos á cidadanía”.

A charla enmarcouse no eixo temático central desta edición de ACiENCiACERTA: o cambio climático e os retos ambientais actuais. Barreiro e Mariño ofreceron unha exposición dinámica e próxima, destacando a beleza, diversidade e vulnerabilidade do planeta Terra.

O alumnado participou activamente no coloquio, nun ambiente de aprendizaxe e reflexión que cumpre co obxectivo do evento: achegar a ciencia á rúa, promover o pensamento crítico e espertar vocacións científicas entre os máis novos.

ACiENCiACERTA 2025 continuará durante todo o día, hoxe e mañá, con máis actividades, charlas, obradoiros e co Concurso de Proxectos Cientíicos Escolares, que converterán novamente o centro urbano do Porriño nun espazo de coñecemento, innovación e participación cidadá. Información da programación completa, na web do Concello.