O Concello do Porriño inicia as obras do novo Auditorio Municipal, un espazo para o talento e a creatividade

 

 

●       Trátase dunha infraestrutura clave para impulsar a vida cultural do municipio

 

O Concello do Porriño comezou esta semana as obras de construción do futuro auditorio municipal, un proxecto esperado durante anos que dará resposta ás necesidades culturais do municipio. Cun orzamento próximo aos 2,7 millóns de euros e un prazo de execución de 20 meses, está previsto que esta moderna infraestrutura abra as súas portas antes de que remate o ano 2026.

“O Porriño convértese no Concello da Cultura”

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta obra, sinalándoa como un fito para o desenvolvemento cultural do Porriño. “Iniciamos unha obra fundamental para o noso Concello, unha infraestrutura que marcará un antes e un despois para quen goza, crea e apoia a cultura”, declarou con entusiasmo.

Lorenzo tamén subliñou as limitacións do actual salón de actos para atender a demanda existente. “É unha obra imprescindible, deseñada para situar O Porriño como un referente cultural. Este auditorio será moito máis que un edificio; será o centro das nosas actividades artísticas e culturais”, engadiu.

Deseño moderno e funcional

O novo auditorio situarase na parte traseira do actual Centro Cultural e ocupará tamén o solar contiguo. Terá capacidade para 340 persoas, cun deseño flexible que inclúe 184 butacas en bancadas retráctiles e 156 fixas, adaptándose así a diferentes tipos de eventos.

O proxecto destaca pola súa coidada acústica e a calidade dos seus materiais. Os muros construiránse en formigón cofrado, os acabados interiores serán en madeira de Okume, e o exterior combinará granito para manter unha estética coherente coa contorna.

Ademais, contará con dous accesos, un desde o Centro Cultural Municipal e outro dende a rúa Xosé Fernández López. A escaleira lateral permitirá un acceso práctico á parte superior do auditorio cando as bancadas estean recollidas. Outros espazos inclúen dous baños adaptados, vestiarios totalmente equipados e unha zona exterior cuberta para actividades ao aire libre.

O proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación, o que, segundo o alcalde, foi fundamental para materializar esta obra. “Este auditorio non sería posible sen a colaboración das institucións que apostaron polo Porriño e polo seu futuro cultural”, afirmou.

O auditorio está deseñado para converterse no eixo central da vida cultural do Porriño. A nova infraestrutura permitirá acoller unha ampla variedade de eventos, desde representacións teatrais e concertos ata conferencias e exposicións.

“O Porriño é un lugar de talento e de inquedanza artística, e este auditorio será un espazo para que todo iso poida medrar e compartirse”, concluíu Alejandro Lorenzo.

O inicio destas obras supón un paso firme cara á consolidación do Porriño como un referente no ámbito cultural galego, cun espazo pensado para que os porriñeses e porriñesas seus gocen e participen nunha oferta artística de calidade.

Comezan as obras de repavimentación no camiño de acceso á Vitureira na Vacaría

 

  • Con un investimento superior aos 47.000 euros, esta actuación permitirá renovar o pavimento e mellorar a drenaxe, garantindo un acceso máis cómodo e seguro ao barrio da Vitureira e ao Centro Cultural A Forna.

 

O Concello de O Porriño deu comezo ás obras de repavimentación do camiño de acceso ás canteiras en Vacaría, na parroquia de Budiño. Este proxecto, que se enmarca dentro da Liña 1 do Plan Concellos 2022-2023, forma parte do compromiso municipal coa mellora das infraestruturas no medio rural e conta cun investimento de 47.128,29 euros, IVE incluído. A intervención afecta a un tramo de 605 metros de lonxitude, cun ancho medio de 7,30 metros, discorrendo integramente por dominio público viario ou terreos de titularidade municipal. O prazo estimado de execución é de dous meses.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou a relevancia desta actuación para a comunidade local, sinalando que “o mal estado deste camiño facía imprescindible unha intervención. Con estas melloras garantiremos un acceso máis seguro e eficiente ao barrio da Vitureira e ao Centro Cultural A Forna, contribuíndo así ao desenvolvemento económico, social e cultural da parroquia de Budiño.”

Pola súa parte, o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto Oya, puxo en valor a envergadura técnica da actuación, explicando que “non se trata só de repavimentar; estamos a realizar unha intervención integral que inclúe a limpeza da superficie, a aplicación dunha nova capa de rodadura e a mellora da drenaxe. Isto asegura a durabilidade da obra e minimiza os riscos para os usuarios.”

As actuacións previstas inclúen a limpeza enérxica do pavimento existente, a demolición parcial de bordos e outras zonas en mal estado, así como a preparación do terreo para garantir unha base sólida e uniforme. Posteriormente, aplicarase unha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, compactada e selada, que permitirá ofrecer unha superficie renovada, resistente e segura para o tráfico. Ademais, contemplarase a mellora da drenaxe e o adecuado refino de noiros para garantir a estabilidade e durabilidade da obra.

Esta intervención permitirá unha notable mellora na seguridade viaria ao eliminar fochancas e superficies irregulares que dificultaban o tránsito e representaban un risco para os vehículos. Ademais, facilitará o acceso ao barrio da Vitureira e ao Centro Cultural A Forna, reforzando a conexión cos servizos esenciais e os espazos de encontro da comunidade. A actuación tamén contribuirá a optimizar o transporte na área, reducindo o impacto ambiental grazas a unha circulación máis eficiente dos vehículos e promovendo unha mellor calidade de vida para os veciños.

O Concello do Porriño reafirma así o seu compromiso co desenvolvemento do medio rural, traballando por ofrecer infraestruturas de calidade que respondan ás necesidades da veciñanza e impulsen o crecemento da comunidade local.

O Porriño contará cunha nova Sala Lúdica municipal e con novas instalacións para o Servizo de Atención Temperá

 

  • O novo local, situado na contorna do Centro de Saúde e o Pavillón Municipal, foi adquirido recentemente polo Concello por un importe de 169.183,79 euros máis IVE, e conta con tódalas condicións necesarias para ofrecer un servizo de calidade.

 

O Concello do Porriño avanza na mellora dos servizos sociais e infantís co acondicionamento de novas instalacións que acollerán a primeira Sala Lúdica Municipal permanente e a nova localización do Servizo de Atención Temperá. Este proxecto, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, ten como obxectivo mellorar a atención ás familias e favorecer o desenvolvemento dos nenos e nenas do municipio.

O novo local, situado na contorna do Centro de Saúde e o Pavillón Municipal, foi adquirido recentemente polo Concello por un importe de 169.183,79 euros máis IVE, e conta con tódalas condicións necesarias para ofrecer un servizo de calidade.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, explicou a importancia destas instalacións para as familias do municipio: “Queremos poñer en marcha estas instalacións á maior brevidade posible, xa que son servizos moi demandados polas familias, e proba diso son os 89 pequenos e pequenas que están a ser atendidos no Servizo de Atención Temperá desde que se puxo en marcha. Este novo espazo permitirá prestar unha atención máis axeitada, cunha resposta máis rápida e eficaz”, afirmou.

O novo espazo acollerá a primeira Sala Lúdica Municipal permanente do municipio. Despois dun período de proba no que se constatou unha alta demanda do servizo, confirmouse a necesidade de consolidalo como un recurso estable e continuo, destinado a favorecer a conciliación da vida persoal e laboral das familias do Porriño.. “Este é un recurso fundamental para as nosas familias, e tras unha fase de funcionamento provisional, daremos resposta de maneira permanente ás necesidades de conciliar as responsabilidades laborais e familiares”, destacou Carolina González Costas, concelleira de Igualdade do Concello do Porriño..

Pola súa parte, o Servizo de Atención Temperá, que ata o momento se estaba a prestar en tres locais habilitados no Pavillón Municipal, -unha localización provisional para dar resposta á alta demanda do servizo-, tamén se trasladará a estas novas instalacións. O novo espazo contará cunha entrada independente, unha zona de recepción e atención, e tres salas habilitadas para fisioterapia, logopedia e psicoloxía, servizos fundamentais para tratar posibles trastornos do desenvolvemento en nenos e nenas de 0 a 6 anos. A través dunha actuación interdisciplinar e conxunta, este servizo ofrece unha resposta global ás necesidades destes pequenos.

Co traslado ás novas instalacións, agárdase mellorar tanto as condicións de traballo dos profesionais como a atención aos usuarios, xa que o novo local concentrará tamén os servizos sociais, sanitarios e educativos, facilitando a coordinación e a atención integral ás familias.

“Neste novo local, a intervención que se vai realizar é mínima, xa que o espazo conta con climatización, baños adaptados e, mesmo, con xogos e mobiliario para a sala lúdica. As condicións do local son axeitadas para o uso que se lles dará, polo que as obras de acondicionamento non serán de gran magnitude”, comentou Manuel Alejandro Lorenzo.

Cabe destacar que no ano 2019 xa se iniciara un expediente para a adquisición deste mesmo local, co fin de instalar nel a Escola Municipal de Música, algo que o actual executivo descartou ao non reunir as condicións necesarias para este fin.

Coa adquisición destas novas instalacións e a posta en marcha destes servizos, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co benestar das familias e a mellora do desenvolvemento infantil, fortalecendo a rede de recursos a disposición da cidadanía e traballando para dar resposta ás crecentes demandas dos veciños e veciñas do municipio.

O Porriño reafirma o seu compromiso solidario na segunda edición da Carreira de Empresas Galicia 2024 – XIII INTERRUNNING

 

 

  • A II Carreira de Empresas Galicia 2024 – XIII Interrunning logrou recadar 15.000€ para tres entidades solidarias. O evento consolidouse como unha mostra do compromiso comunitario coas causas sociais.
  • As achegas realizadas serán destinadas á investigación oncolóxica, ao apoio a persoas vulnerables e a proxectos para nenos con cancro, reforzando o papel do Concello na promoción de iniciativas con impacto positivo.

 

A vila do Porriño converteuse no epicentro da solidariedade coa celebración da II Carreira de Empresas Galicia 2024 – XIII Interrunning, que logrou recadar 15.000€ destinados a tres entidades sociais: a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), o Banco de Alimentos de Porriño e a asociación Bicos de Papel

Este evento, que une deporte e solidariedade, contou cunha ampla participación de empresas e corredores individuais, consolidándose como un referente de mobilización social en Galicia. Grazas á organización, patrocinadores e voluntarios, este logro demostra que a colaboración comunitaria pode xerar un impacto positivo directo na sociedade.

O alcalde de Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, quixo destacar o compromiso do municipio con este tipo de iniciativas. “A II Carreira de Empresas Galicia 2024 non só é un éxito deportivo, senón tamén unha mostra do espírito solidario que nos caracteriza como vila. Desde o Concello, seguiremos impulsando proxectos que reafirmen os nosos valores de cooperación e apoio mutuo”, afirmou. O rexedor tamén subliñou a importancia de continuar traballando en colaboración con entidades que realizan un labor esencial para mellorar a calidade de vida das persoas máis vulnerables.

Os fondos recadados pola AECC servirán para financiar proxectos de investigación oncolóxica e programas de apoio a pacientes e familias. Pola súa banda, o Banco de Alimentos de Porriño reforzará a entrega de alimentos a persoas en situación de necesidade, mentres que Bicos de Papel destinará os recursos a actividades e servizos para nenos con cancro e os seus familiares. Estes resultados evidencian a capacidade de mobilización do tecido empresarial e social da vila, coa implicación directa do Concello como promotor e facilitador deste tipo de eventos solidarios.

 

 

O Porriño aposta pola modernización das súas infraestruturas deportivas cunha intervención no pavillón do CEIP Fernández López

 

 

  • Un proxecto que transforma as instalacións deportivas en espazos modernos, accesibles e ao servizo de toda a comunidade.
  • Incluirá unha extensa zona verde de 800 m², que complementará o contorno escolar cun espazo atractivo para o lecer e a convivencia.
  • Esta actuación é parte do compromiso municipal e da Deputación de Pontevedra por mellorar as infraestruturas locais, fomentando un Porriño máis inclusivo e preparado para o futuro.

 

Xa están en marcha as reformas no pavillón deste centro escolar cunha intervención promovida no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) da Deputación de Pontevedra. Con un investimento total de 157.086,58 €, as actuacións teñen como obxectivo modernizar e mellorar a accesibilidade das instalacións deportivas, beneficiando tanto ao alumnado como á veciñanza do Porriño.

As melloras previstas inclúen unha ampla serie de intervencións. O pavillón será ampliado para que o terreo de xogo cumpra coas medidas regulamentarias, permitindo deste xeito albergar competicións oficiais de baloncesto, balonmán e tenis. Tamén se construirá un baño adaptado para persoas con mobilidade reducida, garantindo a inclusividade de todos os usuarios.  As actuacións destinadas á accesibilidade contemplan a instalación de novas rampas, pasamáns e barandas, facilitando o acceso a todas as persoas.

Ademais, a reforma exterior incluirá medidas para previr humidades e a incorporación dunha varanda de vidro que mellorará a seguridade nas instalacións. Finalmente, crearase unha extensa zona verde de 800 m², que complementará o contorno escolar cun espazo atractivo para o lecer e a convivencia.

O financiamento desta obra está repartido entre a Deputación de Pontevedra, que achegará o 77% do orzamento cunha contribución de 120.974,93 €, e o Concello do Porriño, que asumirá os 36.111,65 € restantes. Este esforzo compartido subliña o compromiso conxunto por mellorar as infraestruturas deportivas da localidade.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou a importancia desta obra, afirmando:

“Esta é unha obra moi necesaria para que o alumnado do CEIP Fernández López e o resto da veciñanza dispoñan de instalacións deportivas modernas, accesibles e axeitadas para competicións oficiais. Seguimos traballando por un Porriño máis inclusivo e preparado.”

Estas melloras non só beneficiarán ao alumnado do CEIP Fernández López, senón que tambén proporcionarán instalacións deportivas modernas e accesibles para toda a veciñanza, fortalecendo o benestar comunitario.

As ditas actuacións reforzan o compromiso do Porriño coa mellora das infraestruturas locais, garantindo espazos de calidade para a práctica deportiva e o lecer. Con iniciativas como esta, o Concello segue avanzando para construír un Porriño máis inclusivo, moderno e preparado para as necesidades da súa cidadanía.

`Chicas Nuevas 24 h´ chega ao Porriño para chamar a atención contra a trata con fins de explotación sexual

A exposición Chicas nuevas 24 horas , que pretende sensibilizar sobre a trata de nenas e  mulleres con fins de explotación sexual, xa pode visitarse no Centro Cultural do Porriño.

A mostra, apoiada pola Xunta de Galicia, percorre os municipios galegos e institutos para aproximar á cidadanía a denuncia sobre a compra e venta de mulleres e nenas para a súa explotación sexual. Integran a exposición diferentes fotografías e a proxección do documental Chicas nuevas 24 horas. Durante a mesma danse a coñecer testemuños de mulleres e nenas de España, Arxentina, Perú, Colombia ou Paraguay, afectadas por esta lacra.

A proposta achega actividades complementarias de carácter social, didáctico e formativo, centradas en dous piares básicos: a prevención e a concienciación. O obxectivo final é lograr a implicación da mocidade na erradicación deste negocio.

O programa está producido e guionizado por Mabel Lozano, cineasta comprometida co mundo da muller e os dereitos humanos, que abordou a denuncia da explotación sexual e a violencia contra a muller en longametraxes e curtas ao longo da súa filmografía. O seu traballo, Biografía del cadáver de una mujer recibió el Premio Goya al mejor cortometraje documental.

Simultaneamente levaranse a cabo xornadas de traballo nos institutos e unha aberta ao público o día 23 de xaneiro, ás 18:30 h, no salón de plenos do Concello do Porriño.

O CEIP Xosé Fernández López estrea cuberta no patio de infantil

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o xefe territorial de Educación de Pontevedra, César Pérez, e a concelleira de Educación Carolina González, visitaron esta semana as instalacións do CEIP Xosé Fernández López para comprobar o resultado das obras de substitución da cuberta do edificio de educación infantil, que xa están finalizadas garantizando a seguridade e correcto desenvolvemento das actividades escolares.

A intervención, que contou cunha inversión de 48.397 euros por parte da Xunta de Galicia, consistiu na retirada da antiga cuberta de fibrocemento, material que contiña amianto e que representaba un risco para a saúde. No seu lugar, instalouse unha nova estrutura con planchas metálicas tipo sándwich, que proporciona unha contorna segura para as nenas e nenos e tamén para o persoal docente.

“A renovación da cuberta non só respondía á necesidade de eliminar os riscos derivados da presenza de amianto, tamén contribúe a crear un espazo máis seguro e funcional para o desenvolvemento educativo do alumnado”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. O rexedor destacou que se trataba dunha actuación moi demandada polo centro, no que nos últimos anos se acometeron diversas melloras significativas como a instalación dun ascensor, a renovación de toda a carpintaría exterior para mellorar o illamento, reformas no pavillón, implantación do comedor escolar e retirada do antigo depósito de gasoil, entre outras.

“É un edificio moi antigo e require de moito mantemento, pero seguiremos traballando da man do equipo directivo e a Xunta de Galicia para que poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións, tanto no CEIP Xosé Fernández López como no resto dos centros educativos do Porriño”, concluíu Lorenzo.

Sanidade e Concello abordan con OSÍLICE as necesidades das persoas afectadas pola silicose

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantivo esta mañá no Concello do Porriño un encontro cos representantes da Asociación Galega de Afectados por Silicose (OSILICE), para escoitar as demandas das persoas afectadas por esta enfermidade.

Acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, o xefe de neumoloxía, Alberto Fernández, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, ademais do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o máximo responsable da Sanidade galega apuntou que a Xunta de Galicia ten posto en marcha mecanismos específicos para a atención dos pacientes diagnosticados de silicose, especialmente, nas áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra-Salnés, e na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, nas que se atopa máis incidencia.

Entre outras medidas, e en colaboración coa asociación OSILICE, elaborou un procedemento de coordinación entre os servizos de atención primaria e o servizos de pneumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro e, ademais, tamén reforzou a prestación asistencial coa incorporación dun pneumólogo-interconsultor que acode mensualmente aos centros de atención primaria, daquelas localidades con máis persoas afectadas.

A asociación de afectados, representada na xuntanza polo seu presidente, Orlando Márquez, vicepresidente, Serafín Ramilo, e secretario, Saturnino Riveira, continúa traballando en defensa dos afectados pola silicose, co obxectivo de mellorar o diagnóstico, o tratamento e o seguimento dunha enfermidade que deriva da exposición e inhalación continúa de sílice e que afecta principalmente as dúas provincias do sur de Galicia.

O Centro de Saúde do Porriño realizará tratamentos oncolóxicos para evitar desprazamentos a Vigo

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañou hoxe ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na súa visita ás novas instalacións do centro de saúde do Porriño, unha infraestrutura que, coa súa reforma e ampliación, supón un salto de calidade na atención sanitaria de atención primaria para os veciños do municipio.

Acompañado pola concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, o responsable da Sanidade galega subliñou a importancia dunha actuación na que a Xunta investiu un total de 6,2 millóns de euros, entre obra e equipamento, e coa que se optimizará a asistencia que o Servizo Galego de Saúde lle presta á veciñanza do Porriño.

Gómez Caamaño remarcou que se trata dunha actuación coa que se acadou “un resultado moi satisfactorio”, grazas á excelente colaboración entre a Xunta e o Concello, e subliñou a significativa mellora que suporá para os seus usuarios e profesionais, así como o carácter sostible dos materiais empregados nesta construción.

Gómez Caamaño avanzou, ademais, que neste mes de xaneiro o centro de saúde do Porriño realizará tratamentos oncolóxicos, o que evitará que moitos dos seus pacientes se teñan que desprazar ata Vigo.

Cos novos espazos, o centro de saúde do Porriño amplía en 1.100 metros cadrados a súa superficie, acadando agora os 2.700 metros cadrados. Conta cun novo volume de tres plantas, que acolle un novo PAC que dotado con 5 consultas, 3 de medicina e 2 de enfermería, ademais dunha nova sala de reanimación e unha área de fisioterapia, entre outros espazos.

“Reformamos o centro de saúde orixinal, modernizándoo e reordenando os seus espazos” explicou Caamaño, destacando tamén a adquisición de tecnoloxía sanitaria e novos equipos clínicos para este centro, aos que a Xunta destinou unha partida de 600.000 euros.

O alcalde, pola súa banda agradeceu a visita do responsable autonómico e a “importantísima inversión da Xunta”. “É a súa primeira visita como conselleiro ao Porriño e estou seguro que non será a última e que chegarán cargadas de investimentos e melloras para o noso Concello”, apuntou o rexedor.

Lorenzo quixo agradecer en especial “o esforzo do persoal do Centro de Saúde, representado hoxe aquí pola xefa de servizo, Ángeles Charlie, sen eles non sería posible levar a cabo estas melloras. Durante os case dous anos de obras non pararon a súa actividade nin un só día e non aprazaron ningunha cita, e ese esforzo que fixeron por seguir prestando atención aos usuarios e usuarias é encomiable”.

O Porriño reunirá a 16 agrupacións no seu tradicional Certame de Rondallas

Este domingo 12 de xaneiro O Porriño poñerá o seu tradicional broche de ouro ao Nadal co Certame de Rondallas. Miles de rondalleiras e rondalleiros sairán á pista do pavillón municipal de deportes para deleitar ao público nun evento que sempre completa aforo.

As normas serán as de sempre. Cada agrupación disporá dun máximo de 12 minutos para realizar a súa actuación. O tempo computarase desde o momento no que comecen a interpretar a primeira peza e finalizará unha vez que o último compoñente abandone a pista.

No evento participarán a Rondalla do CSCR de Beade (Vigo), a Rondalla Airiños da Lagoa (Baiona), a Rondalla da Asoc. Centro Veciñal e Cultural de Valladares (Vigo), a Rondalla da Asoc. Veciñal, Cultural e Recreativa San Mamede de Zamáns (Vigo) , a Rondalla do Centro Culutral A Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui), a Rondalla da SCDR Helios de Bembrive (Vigo), a Rondalla da Asoc. Cultural, Social e Veciñal de Herville (Mos), a Rondalla da Asoc. Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos), a Rondalla da Asoc. de Veciños do Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Rondalla Santiago de Parada (Mos) e as anfitrionas, a Rondalla Santa María do Porriño, a Rondalla da Santa Eulalia de Atios e a Rondalla da AC de Pontellas.

O certame dará comezo ás 17:30 h e estará precedido dun pasarrúas das agrupacións polo centro urbano, sempre que a climatoloxía o permita. As agrupación sairán simultaneamente ás 17 h do Centro Cívico, San Benito, praza Central e Avda. de Galicia.

Como cada ano, a entrada é libre e de balde ata completar aforo e as portas do pavillón abrirán ás 17 h.

O evento será retransmitido en directo nas redes sociais do Concello do Porriño.