A Praza de Abastos continuará a súa transformación cun investimento superior aos 400.000 euros

 

O Concello do Porriño seguirá avanzando na modernización e mellora do seu Mercado Municipal grazas á concesión dunha nova subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Esta achega, enmarcada na creación dunha rede galega de mercados excelentes, permitirá acometer unha nova fase de intervencións cun investimento total que supera os 400.000 euros, dos cales máis de 320.000 euros serán financiados pola administración autonómica.

Este novo impulso enmárcase nun proxecto estratéxico posto en marcha polo Concello no ano 2023, cunha visión clara: transformar a praza de abastos nun espazo moderno, funcional e acolledor, que responda ás necesidades actuais tanto dos praceiros como da clientela. A actuación busca adaptar o mercado aos novos hábitos de consumo sen renunciar á súa identidade nin ao seu valor arquitectónico e histórico, preservando a esencia dun edificio que forma parte do patrimonio e da memoria colectiva do Porriño. O edificio, obra do prestixioso arquitecto José Bar Boo, segue a ser un símbolo do centro urbano e comercial do Porriño, e a súa recuperación integral constitúe unha prioridade para o goberno local.

Na mañá de hoxe, o alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira de Mercados, Antía Carrera, reuníronse co colectivo de praceiros e praceiras para explicarlles en detalle as actuacións previstas e trasladarlles de primeira man a confirmación da concesión desta nova subvención. Ambos trasladaron a súa intención de manter un diálogo constante co sector durante todo o proceso, co fin de que cada paso responda ás necesidades reais da veciñanza.

Durante a reunión, o alcalde sinalou que este novo investimento permitirá seguir avanzando na mellora dun espazo que é clave para a vida social e económica da vila. “Falamos dun mercado que forma parte da nosa identidade, tanto desde o punto de vista arquitectónico como comercial. A nosa responsabilidade é coidalo, actualizalo e poñelo ao día para que siga sendo útil, funcional e atractivo tanto para os praceiros como para os veciños e veciñas que cada día confían no comercio de proximidade”, afirmou Lorenzo.

Antía Carrera tamén puxo en valor o papel do mercado como motor de dinamización económica local e espazo estratéxico para o pequeno comercio. “Estas melloras non son só un investimento en obra; son un investimento na nosa economía local, nas persoas, nos vínculos de confianza entre quen vende e quen compra. Apostamos por un modelo que combina tradición e innovación, adaptado aos novos tempos pero profundamente enraizado no Porriño”, engadiu.

A nova fase incluirá a rehabilitación da cuberta e a restauración das fachadas, que permitirán mellorar a conservación e a imaxe exterior do edificio. No interior, reordenaranse os postos de venda, especialmente nas zonas de peixaría e froitería, que contarán cun novo deseño máis moderno, eficiente e adaptado ás súas necesidades específicas. Incorporaranse novos sistemas de iluminación, estruturas de protección solar e equipamentos comerciais de uso común como cámaras de frío, taquillas térmicas e espazos de almacenamento.

A intervención tamén contempla a recuperación dos locais actualmente baleiros para favorecer a súa ocupación por novos negocios, o acondicionamento da sala de estar, a renovación completa dos aseos da planta baixa e superior, e a mellora dos accesos, incluíndo a instalación de novas portas automáticas para a entrada de mercancías. Todo isto realizarase co máximo respecto ao valor patrimonial do edificio e cun enfoque centrado na sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a calidade dos servizos.

Este proxecto dá continuidade a dúas fases anteriores nas que o Concello, coa a axuda da Xunta de Galicia, investiu máis de 550.000 euros en distintas actuacións. A primeira delas, iniciada en 2023, centrouse na renovación das instalacións de fontanería, saneamento e electricidade, a instalación de iluminación LED, sistemas de dixitalización, a mellora dos pavimentos e a ampliación da segunda planta, gañando así novos espazos de uso. Posteriormente, na segunda fase, substituíronse os antigos paneis opacos das fachadas por grandes xanelas de aluminio que permiten unha maior entrada de luz natural e contribúen a un mellor illamento térmico e acústico.

Durante o ano 2024 executáronse ademais obras de mellora nas fachadas e nos postos do mercado, cun investimento que superou os 68.000 euros, financiados en gran parte por unha subvención da Xunta de máis de 54.000 euros. Estas actuacións, xa rematadas, reforzaron a imaxe exterior da praza de abastos e contribuíron a mellorar a funcionalidade dos postos de venda.

O Concello do Porriño reafirma así o seu compromiso co comercio de proximidade e co desenvolvemento dun modelo de mercado público moderno, sostible e plenamente integrado na vida diaria da vila.

 

O Porriño celebra un Obradoiro infantil de Pascua para os máis pequenos

 

O Concello do Porriño organiza o vindeiro luns 21 de abril un Obradoiro Infantil de Pascua, dirixido a nenos e nenas da vila, que terá lugar na Praza Arquitecto Antonio Palacios, en horario de 17:00 a 20:00 horas. En caso de choiva, a actividade trasladarase á carpa da praza do Cristo.

A actividade, promovida pola Concellería de Igualdade, busca ofrecer un espazo lúdico e educativo no que a cativada poida gozar dunha tarde diferente, celebrando a Pascua a través do xogo e a creatividade.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, salientou que “é fundamental crear propostas que fagan do Porriño unha vila viva, onde as familias atopen opcións de lecer de calidade. Esta actividade é unha oportunidade para que os máis pequenos se divirtan mentres aprenden”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Carolina González, destacou que “o obradoiro busca, ademais, fomentar a participación e a inclusión, ofrecendo un espazo aberto a toda a cativada sen necesidade de inscrición previa. Só teñen que achegarse e participar”.

O Concello do Porriño anima a todas as familias a participar nesta xornada lúdica que mestura tradición, aprendizaxe e diversión.

 

 

O Porriño celebra o Día europeo da Información Xuvenil poñendo en valor o labor da OMIX

 

Con motivo da celebración do Día Europeo da Información Xuvenil este 17 de abril, o Concello do Porriño súmase á campaña promovida pola Axencia Europea de Información e Asesoramento Xuvenil (ERYICA) baixo o lema #EYID25 – #domino_a_IA, co obxectivo de fomentar entre a mocidade un uso crítico, responsable e creativo da intelixencia artificial, sen esquecer o enfoque humano e educativo dos servizos de información xuvenil.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Porriño, integrada na Rede Galega de Centros de Información Xuvenil, xoga un papel clave na promoción de recursos e servizos que permiten á mocidade tomar decisións informadas sobre a súa educación, emprego, saúde e participación na sociedade.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de dar visibilidade a este tipo de iniciativas:  “Temos a responsabilidade de garantir que os nosos mozos e mozas conten cun acceso real a información que lles permita avanzar con seguridade nas súas decisións vitais. Dende o Concello do Porriño continuaremos apoiando servizos como a OMIX, que son unha ferramenta esencial para o desenvolvemento persoal e profesional da nosa xuventude”

Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, puxo o foco na actualidade da campaña deste ano e no traballo que se desenvolve desde a OMIX:  “Esta campaña de @_eryica axudará a entender tanto os beneficios como os riscos da IA, para que a nosa mocidade poida tomar o control de como configurar o seu mundo. É tamén unha ocasión especial para recoñecer o labor dos traballadores e traballadoras da información xuvenil, que cada día fan posible un acceso á información de forma accesible e personalizada.”

A OMIX do Porriño ofrece asesoramento e información sobre temas como emprego, vivenda, voluntariado, actividades culturais e deportivas, programas e campañas xuvenís, viaxes, carné xove, e moito máis. Conta cun servizo de atención individualizada tanto presencial como por teléfono e correo electrónico, ademais de manter actualizados espazos informativos físicos con documentación de interese. Ademais, estase a traballar na posta en marcha dun novo programa de actividades pensado especialmente para a mocidade do Porriño, que incluirá obradoiros, encontros, formacións e propostas de lecer adaptadas aos seus intereses actuais.

Desde o Concello anímase á mocidade a seguir as redes sociais e participar activamente na celebración desta efeméride empregando os cancelos #EYID25 e #OwnTheAI, sumándose á conversa europea sobre o papel da intelixencia artificial nas súas vidas e no futuro da información xuvenil.

VÍDEO OMIX 2025

 

O Concello do Porriño amplía o prazo de inscrición para participar no “FLI-PO MARKET”, o primeiro mercado sostible do municipio

 

O Concello do Porriño vén de ampliar o prazo de inscrición para participar no “FLI-PO Market”, o primeiro mercado sostible que se celebrará na vila os días 3 e 4 de maio na Praza 8 de Marzo. As persoas interesadas en contar cun posto de venda ou intercambio de produtos de segunda man poderán presentar a súa solicitude ata o venres 25 de abril ás 14:00 horas, tanto de maneira presencial no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas, como a través da sede electrónica municipal.

O evento desenvolverase ao longo de dúas xornadas. O sábado 3 de maio, en horario de 11:30 a 22:00 horas, estará enfocado á participación de profesionais do sector, mentres que o domingo 4 de maio, de 12:00 a 21:00 horas, estará dirixido principalmente a particulares. Durante ambas  datas, o mercado ofrecerá un espazo para a venda e o troco de produtos de segunda man, combinando esta actividade cunha ampla programación cultural e lúdica que incluirá concertos, obradoiros, showcooking e unha variada oferta gastronómica a través de foodtrucks.

O “FLI-PO Market” está concibido como unha iniciativa para fomentar o consumo responsable, a reutilización e a economía circular, ofrecendo á cidadanía unha alternativa sostible e de calidade, nun ambiente dinamizado e aberto a todas as idades.

 

Iníciase o proceso para contratar 14 persoas ao abeiro do Plan +Provincia 2025

 

O Concello do Porriño vén de poñer en marcha o proceso de selección para contratar 14 persoas desempregadas a través da liña de Activación do Emprego do Plan +Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra, dirixida á conservación e funcionamento de servizos e instalacións municipais.

As contratacións, cunha duración de oito meses, permitirán reforzar de maneira inmediata diversos servizos municipais. No ámbito das obras e o mantemento, incorporaranse un carpinteiro, un soldador e un palista, que desenvolverán actuacións en parques infantís, instalacións deportivas e espazos públicos. Tamén se convocan seis prazas de peón forestal para tarefas de roza, limpeza e acondicionamento de terreos. Ademais, sumarase un auxiliar de enfermería que prestará servizo na Unidade Asistencial de Drogodependencias, así como catro conserxes que darán apoio en instalacións municipais, encargándose da atención ao público, vixilancia, apertura e peche de espazos.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “esta iniciativa supón un paso máis no noso compromiso coa creación de emprego e coa mellora dos servizos municipais. Grazas ao apoio da Deputación, podemos ofrecer novas oportunidades laborais ás persoas desempregadas do Porriño.”

A concelleira de Emprego, Rosario Costas, sinalou que “o proceso de selección xa está en marcha a través do Servizo Público de Emprego e terán prioridade de acceso aos mesmos ás persoas con máis dificultades de inserción laboral.”

Para poder participar no proceso, as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, ter incluídas nas súas demandas as ocupacións ofertadas e cumprir cos requisitos específicos establecidos na convocatoria para cada posto. As bases de selección e os códigos de ocupación específicos poden consultarse na páxina web municipal, así como nas instalacións de Porremprego.

Este proxecto forma parte do compromiso da Deputación e do Concello coa activación laboral e a mellora continua dos servizos públicos no Porriño.

O Concello do Porriño organiza unha viaxe a Madrid para coñecer a obra de Antonio Palacios

  • As persoas interesadas en participar deben inscribirse, de xeito gratuíto, mediante un formulario a presentar no rexistro do Concello do Porriño

O Porriño, 11 de abril de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, desprazouse esta semana a Madrid para asistir á inauguración da mostra “Madrid Metrópoli. El sueño de Antonio Palacios”, que poderá visitarse ata o vindeiro 6 de xullo no primeiro andar de CentroCentro. A exposición propón un completo percorrido pola traxectoria arquitectónica de Antonio Palacios, cuxo legado contribuíu de forma decisiva a construír a identidade visual da capital do Estado.

 

Co propósito de compartir esta experiencia coa veciñanza, o Concello do Porriño, a través da Concellería de Turismo que dirixe Vanessa Ucha, promove unha excursión gratuíta a Madrid. A iniciativa, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura, Turismo e Patrimonio de Madrid e de Metro de Madrid, brindará á cidadanía a oportunidade de coñecer de primeira man o legado deste ilustre porriñés.

 

“É unha oportunidade única para coñecer a fondo a dimensión e o legado dun dos grandes nomes da arquitectura do século XX, artífice dun Madrid monumental con raíces porriñesas”, sinala a concelleira Vanessa Ucha.

 

As prazas serán limitadas e, para participar, será preciso cubrir un formulario de inscrición que se habilitará nas canles oficiais do Concello. Nos vindeiros días faranse públicas as datas concretas das saídas, os prazos de inscrición e todos os detalles da viaxe.

 

Esta actividade forma parte do programa conmemorativo do 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios, iniciado o pasado ano. “Queremos tender pontes entre O Porriño e Madrid, amosarlles aos nosos veciños e veciñas o soño de Palacios e involucralos nesta celebración que une dous territorios a través da cultura e da historia”, destaca o alcalde Alejandro Lorenzo.

 

Con iniciativas coma esta, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa posta en valor do patrimonio cultural e co recoñecemento das figuras máis senlleiras da nosa historia, promovendo o coñecemento, o orgullo local e o acceso da cidadanía á cultura.

Comezan as obras de mellora no Polígono Industrial da Granxa

 

  •   Ambos programas contan cun financiamento conxunto de 850.531,20 euros por parte da  Xunta de Galicia  ao que se suma unha achega municipal próxima aos 90.000 euros.

O Porriño, 9 de abril de 2025.– Xa deron comezo as obras de albanelería no Polígono Industrial da Granxa, enmarcadas dentro dos programas mixtos de emprego e formación impulsados polo Concello do Porriño grazas ao financiamento da Xunta de Galicia. Estes programas, que combinan formación teórica con práctica laboral, están a supor unha importante mellora para o tecido industrial da zona e unha oportunidade de futuro para persoas desempregadas.

En concreto, están en marcha dous programas: o Obradoiro Dual de Emprego “O Porriño Humaniza”, con 20 alumnos-traballadores desempregados, e o programa de emprego “O Noso Encontro co Emprego”, no que participan 16 mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “estas actuacións son un exemplo de como a colaboración entre administracións pode dar froitos tan positivos como mellorar infraestruturas clave e, ao mesmo tempo, formar e empregar a persoas que buscan unha nova oportunidade laboral”.

O proxecto inclúe a renovación das beirarrúas na avenida principal e na Rúa Paralela 3 do Polígono Industrial da Granxa. As actuacións consisten na demolición das beirarrúas existentes, instalación de bordillos, colocación de mallazo, canalización para o alumeado público e hormigonado cun espesor de 20 cm. Na avenida principal construiranse dúas novas beirarrúas cunha superficie total de 2.372 m² e na Rúa Paralela 3 actuarase sobre 2.207 m², incluíndo o retranqueo de 17 puntos de luz para evitar danos polos vehículos pesados.

A concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, explicou que “este tipo de programas permiten que o alumnado-traballador poida aplicar os coñecementos adquiridos nun entorno real, o que incrementa notablemente as súas posibilidades de inserción laboral unha vez rematado o programa”.

Pola súa parte, o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, subliñou a importancia da actuación: “A renovación das beirarrúas vai mellorar a seguridade, funcionalidade e imaxe do Polígono da Granxa, un dos motores económicos do noso municipio”.

Tamén estiveron presentes durante a visita ás obras o presidente da Entidade Urbanística de Conservación de A Granxa, Indalecio Cuevas, quen valorou moi positivamente esta intervención: “É unha demanda histórica dos empresarios da zona que por fin se fai realidade grazas á implicación do Concello”.

Finalmente, o secretario xeral da Federación Galega de Parques Empresariais, David Sobral, destacou o papel estratéxico destas actuacións: “Investir nos polígonos industriais é investir no futuro económico de Galicia. A mellora das infraestruturas repercute directamente na competitividade das empresas e na xeración de emprego”.

Ambos programas contan cun financiamento conxunto de 850.531,20 euros por parte da Xunta de Galicia, ao que se suma unha achega municipal próxima aos 90.000 euros. As accións formativas desenvolveranse ata os meses de setembro e outubro deste ano, respectivamente, e inclúen tamén outras especialidades como carpintería e pintura decorativa.

 

O parque do Cristo converterase nun gran escaparate floral.

 

. En plena primavera, o Concello do Porriño anuncia a primeira edición  da Mostra da Camelia. Será a vindeira fin de semana, os días 12 e 13 de abril, no Parque do Cristo, cando expositores chegados de toda a provincia amosen os seus traballos de floricultura e os asistentes poidan contemplar ducias de especies e variedades deste xénero orixinario das rexións tropicais e subtropicais de Asia suroriental, China e Xapón.

Con todo, a climatoloxía e acidez do terreo en toda Galicia e moi particularmente nas Rías Baixas favorecen o cultivo deste arbusto e inducen unha larga floración. “No Porriño o culto a esta flor é unha tradición moi arraigada xa que contamos coas condicións idóneas para o seu cultivo, o que dá lugar a curiosos exemplares desta flor da que existen máis de 250 variedades diferentes”, apuntan dende a organización desta I Mostra da Camelia Concello do Porriño, a cal dará continuidade a organizada durante a última década pola Asociación San Salvador de Torneiros.

Na xornada do sábado o horario será vespertino, de 16.00 a 20.00 horas, e xa o domingo a mostra estará aberta ao público pola mañá, de 10.30 a 14.00 e pola tarde de 16.00 a 20.00 horas.

O alcalde Alejandro Lorenzo anima a toda a veciñanza e visitantes a acudir a esta cita, “dar unha volta, compartir conversas e deixarse sorprender polo recendo destas flores”.

Esta do Porriño, organizada polo Concello coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, é unha das citas xa ineludibles no calendario de feiras, mostras, eventos e exposicións da camelia na nosa Comunidade deste ano 2025.

 

 

Comezo do Campamento de Semana Santa no Porriño

 

O vindeiro luns 14 de abril ás 8:30 horas dará comezo o Campamento de Semana Santa, organizado pola Concellería de Igualdade do Concello do Porriño.

O lugar de entrega e recollida dos nenos e nenas participantes será na porta principal do CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López.

Os e as participantes deberán acudir con:

  • Roupa e calzado cómodos.
  • Unha mochila con calzado de reposto.
  • Merenda e auga.

No caso de precisar algunha vestimenta específica para determinadas actividades, serán os monitores e monitoras quen o comuniquen con antelación.

Lembramos que só as persoas que presentaron a solicitude están autorizadas para entregar e recoller aos rapaces e rapazas. Se por algún motivo é outra persoa a encargada, deberá ser maior de idade e entregar aos monitores/as a autorización asinada correspondente, acompañada dos DNI da persoa autorizante e da autorizada.

O listado de admitidos/as está xa dispoñible para consulta.

Agradecemos a colaboración das familias para garantir o bo funcionamento do campamento e desexamos que sexa unha experiencia inesquecible para todos e todas! 

 

O alcalde do Porriño, embaixador da obra de Antonio Palacios en Madrid

 

Continúa a conmemoración do 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios e desta vez faino na cidade de Madrid. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, desprazouse esta mañá á capital do país para participar na inauguración da mostra “Madrid metrópoli. El sueño de Antonio Palacios” que poderá visitarse ata o 6 de xullo no primeiro andar de CentroCentro. A exposición homenaxea ao ilustre arquitecto porriñés así como ao Madrid que ideou e construíu, a través de máis de 150 pezas, entre planos, debuxos, acuarelas, libros e fotografías, que percorren o legado de Palacios e a súa influencia na paisaxe urbana de Madrid.

A de hoxe foi unha nova proba de reforzo de lazos que comezara a tecer o propio arquitecto hai máis dun século e que tivo a súa última representación no acto de irmandade entre Galicia e Madrid celebrado na capital da Louriña. Logo deste encontro, o pasado mes de outubro, Alejandro Lorenzo volve coincidir co seu homólogo, José Luis Martínez-Almeida, para exaltar a figura deste célebre porriñés que a través da súa obra foi quen de tender pontes entre as dúas localidades, sen esquecer nunca de onde viña.

“Palacios non foi só un arquitecto brillante, foi un home con raíces profundas, que levou a alma da nosa terra a cada recuncho desta cidade. Con granito do Porriño e talento galego, axudou a construír o Madrid que hoxe admiramos. E nese granito está impreso o carácter da nosa xente: firme, humilde e loitadora”, remarcou durante a súa intervención no acto Alejandro Lorenzo, asegurando que, “O soño de Antonio Palacios é tamén o meu soño: o de ver como un porriñés universal sigue unindo a Porriño e Madrid a través do tempo”. E neste senso lembrou, de xeito anecdótico e dirixíndose a Martínez-Almeida, que “como sempre di vostede, alcalde, compartimos caseiro; pois os dous concellos, o de Madrid e o do Porriño, son obras do mesmo ilustre arquitecto e quizais por iso nos entendemos tan ben, porque ata as nosas casas consistoriais falan o mesmo idioma”. Lorenzo rematou a súa intervención animando a seguir o exemplo de Palacios “soñando ao grande, construíndo xuntos e honrando ao mellor das nosas terras”.

Os eixes arquitectónicos de Palacios en Madrid

Comisariada por Javier García-Gutiérrez Mosteiro e Julián García Muñoz, a exposición ofrece un percorrido exhaustivo polos proxectos de Antonio Palacios, quen soubo dotar a Madrid dunha monumentalidade que transcendeu o seu tempo e cuxa influencia marcou de maneira indeleble a paisaxe urbana da capital.

Despois dun espazo introdutorio no que se aborda a súa formación como arquitecto e os seus primeiros proxectos, se desprega o primeiro itinerario pola cidade: o eixe articulado polas rúas Maior-Sol-Alcalá, que Palacios monumentalizou con moitas das súas máis recoñecibles escenografías, como son o Círculo de Belas Artes, o Banco Español do Río da Prata (actual sede do Instituto Cervantes) ou o Palacio de Comunicacións, hoxe Palacio de Cibeles.

A continuación, exponse a intervención de Palacios no eixe de Gran Vía, a cuxa transformación contribuíu con obras emblemáticas como o Edificio Matesanz ou os hoteis Alfonso XIII e Florida. Acto seguido, os visitantes poderán coñecer o desenvolvemento urbano que se estendeu cara o eixe Prado-Castellana, onde Palacios deixou a súa pegada con intervencións como o Hospital de Jornaleros de San Francisco de Paula (coñecido como Hospital de Maudes).

O seguinte espazo expositivo amosa outro elemento fundamental da cidade contemporánea, o Metro. Palacios xogou un papel clave na súa imaxe, deseñando estacións, bocas de acceso e ata o icónico logotipo do suburbano.

A última unidade museográfica, definida como o eixe dos soños, ofrece un itinerario por algúns dos proxectos de Antonio Palacios que non chegaron a executarse, como a reforma da Porta do Sol, o Palacio das Artes ou a Gran Vía Aérea.

Visitas guiadas gratuítas para tódolos públicos

Para achegar a exposición ao público organízanse diferentes tipos de visitas guiadas gratuítas, individuais, en grupos, para familias e tamén adaptadas con intérprete de Lingua de Signos Española. Todas estas visitas poden comezar a reservarse a partir de mañá no portal web palacios.reservaspatrimonio.es