A paixón polo Ciclismo Base volve ao Porriño co “43º Trofeo Horacio Barros”

 

  • O 1 de maio, o Parque de Torneiros no Porriño acollerá o 43º Trofeo Horacio Barros, reunindo ciclistas de base nunha xornada de deporte e convivencia.

O Porriño, 29 de abril de 2025.– O Concello do Porriño acolleu esta mañá a presentación do 43º Trofeo Horacio Barros, unha das citas máis destacadas do ciclismo base galego. No acto estiveron presentes o alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, e o propio Horacio Barros, figura histórica do ciclismo na comarca. Tamén asistiron Juan José Álvarez, presidente do club organizador Master da Louriña, Rafa Pérez, patrocinador do evento, así como un grupo de novos ciclistas de base que tomarán parte na competición.

Durante a presentación, o alcalde Alejandro Lorenzo subliñou a importancia desta cita deportiva para o municipio: “O Trofeo Horacio Barros é un orgullo para O Porriño, non só pola súa longa traxectoria, senón tamén polos valores que representa: esforzo, superación e compañeirismo“, destacou.

O Trofeo, que se celebrará o próximo 1 de maio no Parque de Torneiros, reunirá a ciclistas das categorías promesa, principiante, alevín, infantil, cadete e júnior feminina. A competición comezará ás 10:00 horas, sucederanse distintas probas adaptadas a cada categoría e culminará coa entrega de premios prevista para as 13:15 horas.

Neste sentido, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, destacou o esforzo organizativo e o valor desta cita para o deporte local: “Non é só unha competición, é unha festa para as familias e un impulso ao deporte base, onde se sementan os soños dos futuros campións“, afirmou.

A presentación tivo tamén un momento emotivo no que se recoñeceu a figura de Horacio Barros, pioneiro e promotor do ciclismo na comarca da Louriña, cuxo legado continúa a inspirar ás novas xeracións. A presenza dos novos ciclistas de base no acto deu un simbolismo especial á xornada, reforzando o espírito de continuidade e ilusión que define este trofeo.

Desde o Concello do Porriño anímase á cidadanía a achegarse o 1 de maio ao Parque de Torneiros para apoiar ás futuras promesas do ciclismo e gozar dunha xornada de deporte, convivencia e entusiasmo.

 

Biscuits Galicia celebra 20 anos de innovación e expansión internacional desde O Porriño

  • Biscuits Galicia supera as 800 toneladas de produto comercializado e factura arredor de 4 millóns de euros anuais.
  • A exportación representa actualmente entre o 6 e o 7 % da facturación da compañía, coa previsión de chegar ao 20 % nos próximos anos.

 

O Porriño, 29 de abril de 2025.– O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Industria, Carlos Martínez, acompañaron este luns á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, na visita á planta de Biscuits Galicia, situada no polígono de As Gándaras, para celebrar o 20 aniversario da firma nada en Vigo hai dúas décadas.

Durante o acto, Ana Ortiz subliñou que “estamos ante unha empresa de referencia para o sector, modélica polo seu investimento en modernización tecnolóxica e tamén un exemplo de internacionalización”. A delegada destacou ademais o apoio do Goberno galego á compañía a través de proxectos de innovación organizativa, tecnolóxica e dos programas Re-Acciona.

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo quixo recoñecer o papel de Biscuits Galicia no tecido industrial do Porriño: “Biscuits Galicia é un orgullo para o noso concello. Representa á perfección os valores de innovación, esforzo e apertura ao exterior que queremos impulsar no Porriño. Empresas como esta son un motor fundamental para o noso desenvolvemento económico e para a creación de emprego estable e de calidade”, salientou.

Biscuits Galicia foi a primeira fábrica de galletas da nosa comunidade e en 2024 superou as 800 toneladas de produto comercializadas. Conta cun cadro de persoal de 26 traballadores e factura arredor de 4 millóns de euros anuais, elaborando tres familias de produtos: galletas e pastas para café, madalenas e masas brandas, e cracker. Ademais, a empresa está presente en toda España —especialmente no noroeste— e tamén en mercados internacionais como Portugal, Bélxica, China e Reino Unido. A exportación representa entre o 6 e o 7% da súa facturación, coa previsión de alcanzar o 20% nos vindeiros anos.

O concelleiro de Industria, Carlos Martínez, puxo en valor a traxectoria da compañía e destacou a importancia de apoiar o seu crecemento: “O éxito de Biscuits Galicia nestes vinte anos demostra que apostar pola modernización e pola internacionalización é o camiño para fortalecer o noso tecido industrial. Desde o Concello seguiremos traballando para apoiar ás nosas empresas e fomentar un entorno favorable ao seu desenvolvemento”, explicou.

O Concello do Porriño felicita a Biscuits Galicia polo seu aniversario e reafirma o seu compromiso de apoio ás empresas locais que, como esta, son exemplo de innovación, internacionalización e crecemento sostible.

O “FLI-PO MARKET” levará ao Porriño unha fin de semana de consumo responsable

  • O mercado contará con máis de 35 postos de particulares e asociacións sen ánimo de lucro, ofrecendo unha ampla variedade de produtos.
  • Completarase cunha ampla oferta gastronómica grazas aos foodtrucks e postos de coctalaría, permitindo desfrutar de boa música acompañada dunha variada proposta culinaria.

O Porriño, 29 de abril de 2025.– Esta fin de semana, O Porriño converterase no epicentro dunha iniciativa pioneira para fomentar o consumo responsable: o Fli-Po Market, o primeiro mercado sostible do municipio, organizado polo Concello do Porriño. A Praza 8 de Marzo, na Avenida de Galicia, será o escenario deste evento que ofrecerá un espazo para a compra, venda e intercambio de produtos de segunda man, acompañado dunha intensa programación de actividades lúdicas, música en directo e gastronomía.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou na presentación celebrada hoxe na Casa Consistorial que “o Fli-Po Market supón unha oportunidade para concienciar á cidadanía sobre a importancia de reducir residuos e apostar pola reutilización, co obxectivo de converter O Porriño nun referente en iniciativas sostibles. Ademais, é unha aposta firme pola innovación e a sensibilización ambiental”.

Pola súa banda, a concelleira de Mercados e Medio Ambiente, Antía Carrera, manifestou que “este evento pretende dar visibilidade á economía circular e ofrecer unha alternativa sostible de consumo, especialmente no sector téxtil, un dos máis contaminantes. Apostamos por un mercado que dinamice o municipio, implicando a tódalas idades nunha experiencia enriquecedora e consciente”.

O Fli-Po Market dará comezo o sábado 3 de maio ás 11:30 horas e prolongarase ata as 22:00 horas, coa participación de profesionais do sector, asociacións sen ánimo de lucro e foodtrucks. Durante esta xornada, o ambiente estará amenizado coa actuación de Mondieu Dúo ás 13:00 horas, ofrecendo música para acompañar a hora do vermú. Pola tarde, celebrarase o obradoiro “Do vidro á eco-creatividade” impartido por Kolbéh, unha iniciativa destinada a nenos e nenas maiores de 11 anos. A música volverá ser protagonista a partir das 20:00 horas coa actuación de Maison e da Escola de Música do Porriño, culminando cun concerto de Somoza Trío.

O domingo 4 de maio, o Fli-Po Market abrirá as súas portas ás 12:00 horas, ofrecendo máis de 35 postos de particulares e asociacións sen ánimo de lucro, nos que se poderá atopar unha ampla variedade de produtos de segunda man. A programación incluirá o obradoiro “Macramé con refugalos téxtiles” impartido pola empresa local Hypathia, onde se traballará con materiais reciclados. A música continuará coa actuación de Sálvora Trío, e xa pola tarde, terá lugar un obradoiro artístico con Retoque Retro centrado na reutilización de residuos mariños. Para pechar o evento, ás 19:30 horas, actuarán Toño López & Bafana Bafana.

Durante toda a fin de semana estará habilitada unha zona de troco permanente de roupa e libros, cun máximo de tres pezas por persoa. As persoas participantes poderán entrar nun sorteo que se celebrará o domingo tras a última actuación. Tamén haberá unha zona de doazón de libros e roupa, destinada a protectoras de animais e hospitais.

O evento contará coa presenza de diversas protectoras como INMA, Rescue Galicia, Colonias Canguesas, Ohana, Palleiros, Isla de Tali e Proxecto Gato, así como de asociacións sen ánimo de lucro como Cáritas. A través dos seus postos, darán a coñecer o seu labor e ofrecerán produtos para recadar fondos que lles permitan continuar coa súa actividade.

O mercado completarase cunha ampla oferta gastronómica grazas aos foodtrucks e postos de coctalaría, que permitirán aos asistentes desfrutar de boa música acompañada dunha variada proposta culinaria.

Dende o Concello do Porriño animan a toda a cidadanía e visitantes a sumarse a esta primeira edición do Fli-Po Market, un evento que fusiona consumo responsable, sustentabilidade, lecer e cultura nunha proposta única e innovadora.

O Concello do Porriño aproba un crédito extraordinario para acometer unha obra de emerxencia en Gulpilleira debido ao perigo existente pola escorrentía da A- 52

  • Un investimento de máis de 340.000 euros fará posible a reparación das infraestruturas afectadas en Gulpilleira.
  • O Concello traballa para alcanzar un convenio co Ministerio de Fomento que permita cofinanciar a actuación.

O Porriño, 29 de abril de 2025.– O Pleno do Concello do Porriño aprobou a concesión dun crédito extraordinario, financiado con Remanente Líquido de Tesourería, para afrontar diversos investimentos urxentes, entre os que destaca a execución da obra de Renovación das redes de saneamento nos viais do lugar de Gulpilleira pola escorrentía de augas pluviais da A-52, cun importe de adxudicación de 327.943,81 euros, máis 16.846,81 euros destinados á dirección de obra e á coordinación de seguridade e saúde.

Esta actuación foi declarada de emerxencia mediante Decreto da Alcaldía, debido ao grave deterioro do firme viario e á inclinación dos peches das propiedades, poñendo en risco a seguridade de viandantes, peóns e condutores. A situación agravouse tras os últimos temporais, xerando un escenario de alto perigo, tal e como sinalaron os informes dos técnicos municipais.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a situación na Gulpilleira é insostible e non podemos seguir agardando polo Ministerio. A protección dos nosos veciños está por riba de calquera outra consideración. O Concello actúa con responsabilidade, e tanto os nosos técnicos como a Deputación de Pontevedra sinalan que a tubaxe existente resulta insuficiente para recoller e desaugar os caudais procedentes da drenaxe transversal da A-52, o que provoca problemas de acumulación e deterioro no lugar. Estamos en contacto co Ministerio para lograr un convenio que permita que Fomento asuma parte dos custes desta intervención tan necesaria”.

Pola súa parte, o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, subliñou que “esta escorrentía foi causada pola propia construción da A-52 sen prever un sistema de drenaxe adecuado. Agora, décadas despois, somos nós quen temos que poñer solución a un problema que, por xustiza, debería resolver o Ministerio. Iso si, ante o perigo actual, o Concello ten que actuar de forma inmediata para garantir a seguridade cidadá”.

O proxecto contempla ademais a renovación completa das redes de saneamento, abastecemento, pluviais, así como a reposición dos pavimentos e renovación da iluminación pública e canalizacións de telecomunicacións. As obras, que afectarán a viais de titularidade municipal como a rúa Gulpilleira, Antonio Palacios e Fernández Areal, terán un prazo estimado de execución de seis meses.

A día de hoxe, o Concello atópase á espera da emisión dos informes sectoriais correspondentes por parte do Ministerio de Fomento para poder iniciar as obras, comprometéndose a seguir traballando para que se concrete o convenio de colaboración.

Con esta actuación, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa seguridade cidadá e a mellora das infraestruturas municipais.

 

 

 

O Concello do Porriño AVISO IMPORTANTE!!

 

 

𝐂𝐎𝐍𝐂𝐄𝐋𝐋𝐎 𝐃𝐎 𝐏𝐎𝐑𝐑𝐈Ñ𝐎 𝐀𝐕𝐈𝐒𝐎 𝐈𝐌𝐏𝐎𝐑𝐓𝐀𝐍𝐓𝐄‼️

⚠️ Ante o apagamento eléctrico que afecta a toda a península ibérica desde o mediodía deste luns, 28 de abril de 2025, o Concello do Porriño activou un operativo especial para garantir a seguridade e o benestar da veciñanza, empresas e centros comerciais, no caso de que a situación se prolongue máis do previsto.

🛡️ Medidas adoptadas:

⚠️Activación de servizos de emerxencia: Mobilización de Policía Local con 7 patrullas , Protección Civil, emerxencias e persoal municipal, con reforzos de persoal e patrullas adicionais nas parroquias e no casco urbano.

⚠️Xeneradores para emerxencias.

⚠️Control do tráfico: Dado que os semáforos están fóra de servizo, estase a regular manualmente a circulación en puntos críticos.

⚠️Coordinación sanitaria: Apoio o centro de saúde
Seguimento da situación.

📢 Recomendacións á cidadanía:

📍Evitar desprazamentos innecesarios: Especialmente en vehículos particulares, para facilitar as tarefas dos servizos de emerxencia.
📍Precaución nas vías públicas: Se circulas por interseccións sen semáforos, modera a velocidade e respecta aos peóns.
📍Uso responsable do 112: Emprega o número de emerxencias só para casos realmente urxentes, para non saturar a liña.

📡 Información actualizada:

Calquera nova incidencia ou actualización será comunicada a través dos medios dispoñibles.

Agradecemos a vosa colaboración e comprensión nesta situación excepcional.

☎️ 1️⃣1️⃣2️⃣

O Porriño pecha con éxito a “III FASHION WEEKEND” tras dous días de moda, música e dinamización comercial

 

 

 

  • Un total de 27comercios e 8 salóns de beleza do Porriño amosaron as súas propostas de moda, calzado, xoiería, complementos, maquillaxe e peiteado.

O Porriño, 26 de abril de 2025.– O Porriño viviu esta fin de semana unha nova edición da súa Fashion Weekend, un evento xa consolidado no calendario local que este ano celebrou a súa terceira edición cunha programación completa e unha participación moi positiva por parte da veciñanza e do comercio local.

A actividade comezou na tarde do venres coa celebración da Shopping Night, que mantivo os comercios abertos ata as doce da noite. Durante esas horas, os establecementos da vila ofreceron descontos, promocións e agasallos, nun ambiente marcado pola música dos seis DJs distribuídos por diferentes puntos do centro. Como novidade, tivo lugar unha festa infantil previa, entre as sete e as nove da tarde, que contou cunha importante presenza de familias e pequenos. A xornada desenvolveuse cun bo ritmo de afluencia e cunha resposta positiva tanto por parte dos comerciantes como dos clientes.

A programación continuou na mañá do sábado cunha sesión vermú musical na praza Antonio Palacios, a cargo do grupo Xinetes do Trópico, que reuniu numeroso público nun ambiente relaxado e festivo. Foi unha proposta pensada para ampliar o alcance do evento a diferentes públicos e momentos do día, reforzando a conexión entre cultura e comercio.

Xa pola tarde, a partir das seis, celebrouse o desfile central da Fashion Weekend. Un total de 28 comercios e 8 salóns de beleza do Porriño amosaron as súas propostas de moda, calzado, xoiería, complementos, maquillaxe e peiteado. A pasarela estivo conducida pola xornalista Lucía Rodríguez, e contou coa participación da escola Small Big Models, que colabora co evento por terceiro ano consecutivo de xeito altruísta. O público acompañou o desfile durante toda a tarde, nun espazo que se mantivo cheo ata o remate das actuacións, entre as que destacaron Erika Lewis, Lucía Samoelle, o saxofonista Diego Caride e Pablo Méndez.

 

Durante o evento distribuíronse papeletas numeradas entre a clientela dos comercios participantes, coas que se realizou un sorteo de cinco cestas de produtos gourmet. Os números premiados poden consultarse nas redes sociais do Concello ou na web oporrino.org. As persoas agraciadas poderán recoller os seus premios nas oficinas do Concello a partir do luns, presentando a papeleta correspondente.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, sinalou ao rematar a xornada que “a Fashion Weekend é unha mostra de como O Porriño sabe reinventarse e poñer en valor o que é propio: o seu comercio, o seu talento e a súa capacidade de atraer e sorprender. Este tipo de eventos son unha ferramenta para construír vila, para fortalecer a identidade local e para seguir facendo do Porriño un lugar onde vivir e mercar con orgullo”.

Pola súa parte, a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, agradeceu “o esforzo dos comerciantes e dos profesionais participantes, que fixeron posible que a moda e a creatividade local ocupasen o lugar que merecen na nosa vila”.

A III Fashion Weekend pecha así unha edición que medra en contido e organización, e que reafirma o papel do comercio local como motor de dinamización e cohesión social.

 

 

NÚMEROS PREMIADOS

465, 498,  631, 950, 1309

O Porriño impulsa a creatividade dos máis novos a través da radio co programa “Ondas Creativas. A voz dos nenos/as do Porriño no aire

• “Ondas Creativas” achega aos escolares do Porriño ao mundo da radio e do podcast, fomentando a súa creatividade, a comunicación e o traballo en equipo
O Porriño, 25 de abril de 2025-. O CEIP da Ribeira acolleu hoxe unha nova sesión do programa “Ondas creativas. A voz dos nenos/as do Porriño no aire”, unha iniciativa organizada pola OMIX e a Concellería de Educación do Concello do Porriño. O proxecto, dirixido ao alumnado de 5º de Educación Primaria, está a desenvolverse en distintos centros educativos da vila e continuará nas próximas semanas.
O programa ten como obxectivo achegar os nenos e nenas ao mundo da radio e do podcasting, ofrecéndolles unha experiencia educativa innovadora, na que poden aprender a producir contidos sonoros, traballar en equipo e mellorar as súas habilidades de comunicación.
Durante a súa visita ao CEIP da Ribeira, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou “a importancia de promover actividades que fomenten a creatividade e o espírito crítico dos máis novos. Queremos que a nosa mocidade aprenda a expresarse e a comunicar dun xeito claro e efectivo, e iniciativas como esta son fundamentais para conseguilo”.
Pola súa parte, a concelleira de Educación, Carolina González, salientou que “a través desta iniciativa, pretendemos ofrecerlles aos mozos e mozas unha experiencia única que lles permita descubrir o fascinante mundo da radio e do podcast, consolidando a súa formación de maneira divertida e significativa”.
Os obradoiros, que continúan a súa programación nas vindeiras semanas, culminarán o 9 de xuño, e contan coa participación de profesionais do sector que guían aos estudantes no proceso de creación dos seus propios programas. A actividade fomenta non só o desenvolvemento da expresión oral e escrita, senón tamén o traballo colaborativo e a comprensión dos medios de comunicación como ferramentas de transformación social.
Con propostas coma esta, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa educación innovadora e coa promoción do talento creativo da súa mocidade.

 

O Concello recibe unha subvención de máis de 113.000 euros para mellorar a recollida de residuos

 

  • As ditas actuacións contribuirán á redución dos residuos que rematan en vertedoiros, incrementando a porcentaxe de materiais reciclados e fomentando unha maior concienciación da veciñanza sobre a necesidade de coidar o medio ambiente.

O Porriño, 24 de abril de 2025.–  A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático concedeu ao Concello do Porriño unha subvención que supera os 113.000 euros, destinada a financiar actuacións municipais en materia de residuos. Estes fondos permitirán implantar, ao longo do ano 2025, sistemas de recollida separada de biorresiduos, aceites de cociña usados e residuos téxtiles, contribuíndo así á mellora da xestión ambiental no municipio.

A contía principal, de 74.970 euros, irá destinada á implantación do sistema de recollida de biorresiduos, que incluirá o subministro de cubos e contedores tanto para uso doméstico como para grandes xeradores, bolsas compostables así como a posta en marcha de campañas de información e sensibilización, tanto para a poboación xeral como para os grandes xeradores.

Ademáis, destinaranse máis de 20.000 euros á implantación dun sistema de recollida separada de aceite de cociña usado, incluíndo o reparto de 5.000 embudos. Outros 18.000 euros permitirán desenvolver un proxecto de recollida de residuos téxtiles, mediante a entrega de 2.500 sacas reutilizables.

As ditas actuacións contribuirán á redución dos residuos que rematan en vertedoiros, incrementando a porcentaxe de materiais reciclados e fomentando unha maior concienciación da veciñanza sobre a necesidade de coidar o medio ambiente.

O alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia desta axuda:

“É unha gran noticia para O Porriño. Esta subvención vai permitirnos avanzar cara a un modelo máis sostible, moderno e responsable na xestión dos residuos. Non só melloramos os servizos, senón que tamén fomentamos unha maior conciencia ambiental entre a veciñanza.”

Pola súa banda, o concelleiro competente en materia de residuos, Carlos González, salientou o traballo realizado polo Concello para acadar esta axuda:

“Levamos tempo traballando para mellorar a separación dos residuos no municipio e esta achega vai ser clave para continuar coa implantación de novas solucións técnicas e informativas. Con este apoio poderemos dar un salto cualitativo na recollida de biorresiduos, aceite usado e téxtil.”

O proxecto desenvolverase durante o ano 2025 e supón un paso firme cara á mellora da reciclaxe e ao cumprimento dos obxectivos marcados pola normativa europea e autonómica en materia de residuos.

O Porriño convértese esta fin de semana no epicentro da moda galega coa III Fashion Weekend

 

 

  • Durante dous días a vila converterase nun espazo vivo, onde a moda, a música e a creatividade local serán protagonistas, facendo da rúa un lugar de encontro, inspiración e celebración.

O Porriño, 22 de abril de 2025.– A Casa Consistorial acolleu esta mañá a presentación da terceira edición da Fashion Weekend, un evento que se celebrará esta fin de semana e que promete converter a vila no epicentro da moda galega da man do seu comercio local. Organizado polo Concello do Porriño en colaboración co tecido comercial da vila, esta cita consolídase como unha das máis esperadas do ano.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou na súa intervención a importancia deste tipo de iniciativas para a dinamización do comercio e da economía local. “A Fashion Weekend é moito máis que moda: é unha demostración de forza e creatividade do noso tecido comercial. Dende o Concello seguiremos apostando por estas iniciativas que dinamizan a nosa vila, atraen visitantes e apoian aos nosos comerciantes e profesionais”, sinalou o rexedor.

Tamén participou na presentación a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, quen puxo en valor a implicación e o traballo conxunto de todos os actores implicados. “É emocionante ver como, edición tras edición, esta cita medra. Grazas ao esforzo dos nosos comerciantes e salóns de beleza, conseguimos que O Porriño respire moda, ilusión e comunidade durante dous días cheos de actividade”, asegurou.

A fin de semana arrancará o venres 25 de abril coa celebración da Shopping Night, unha noite na que os establecementos comerciais da vila abrirán as súas portas en horario especial, de nove da noite a doce, ofrecendo propostas dinamizadoras, descontos, sorteos, agasallos e moitas sorpresas. Este ano, como novidade, celebrarase unha festa infantil entre as sete e as nove da noite, pensada para que as familias poidan gozar da xornada ao completo. A música será protagonista tamén durante a noite, coa presenza de seis DJ’s que amenizarán as principais rúas da vila e encherán O Porriño de ambiente festivo. Durante este evento repartirase material promocional do Concello, incluíndo bolsas en cada comercio e rifas para os sorteos que terán lugar o sábado.

O sábado 26 de abril será o momento da Fashion Night, onde a praza Antonio Palacios se converterá nunha gran pasarela ao aire libre. A partir das seis da tarde, desfilarán as propostas de vinte e oito tendas e oito salóns de beleza do Porriño, que amosarán as últimas tendencias en roupa, calzado, xoiería, complementos, maquillaxe e peiteados. O desfile estará dirixido pola xornalista Lucía Rodríguez e contará coa participación da escola de modelos Small Big Models, que colabora de maneira desinteresada por terceiro ano consecutivo, demostrando o seu compromiso coa moda local.

A velada estará tamén cargada de emocións, coa actuación musical de Erika Lewis, o saxofonista Diego Caride, Lucía Samoelle e outras propostas artísticas aínda por confirmar. Durante a noite sortearanse cinco cestas de produtos gourmet entre todas as persoas participantes.

Con esta proposta, O Porriño reivindícase como un referente na promoción do comercio local a través da moda, a creatividade e a unión veciñal.

O Concello do Porriño abre o prazo de inscripción para a excursión turística cultural a Madrid

 

  • A actividade, de un día de duración, inclúe o desprazamento en autocar, seguro de viaxe, almorzo tipo pícnic, xantar, e visitas culturais de gran interese.
  • O prazo para presentar solicitudes abrirá o mércores ás 9:00 horas, e cada persoa só poderá reservar unha única praza por formulario.

O Porriño, 21 de abril de 2025.– O Concello do Porriño organiza unha excursión gratuíta a Madrid o martes 6 de maio, cun atractivo programa cultural que permitirá á veciñanza descubrir a pegada do arquitecto porriñés Antonio Palacios na capital do Estado.

A actividade, de un día de duración, inclúe o desprazamento en autocar, seguro de viaxe, almorzo tipo pícnic, xantar, e visitas culturais de gran interese: o Museo do Metro de Madrid, situado na histórica Estación de Chamberí; unha visita panorámica polo Madrid de Antonio Palacios; e a exposición Madrid Metrópoli. A saída será desde o Pavillón Municipal de Deportes.

A excursión, dirixida exclusivamente a persoas empadroadas no Porriño, conta con 50 prazas que se asignarán por orde de inscrición no rexistro municipal. O prazo para presentar solicitudes abrirá o mércores 23 de abril, ás 9:00 horas, e cada persoa só poderá reservar unha única praza por formulario.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou que “a excursión combina cultura, coñecemento e participación cidadá. Será unha experiencia enriquecedora que permitirá descubrir fóra da nosa vila o valor e a dimensión da figura de Antonio Palacios, dun xeito accesible e compartido”.

Con esta proposta, o Concello reafirma a súa aposta por difundir o patrimonio local, fomentar o interese pola arquitectura e promover a cultura a través da participación da veciñanza.