O Concello do Porriño inviste 80.000 euros na mellora das dúas escolas infantís e do centro de día

  • O alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira Teresa Veloso acompañaron esta mañá ao xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, nunha visita para comprobar o estado dos traballos destas instalacións que contan con 160 usuarios
  • As actuacións, que estarán rematadas co inicio do curso escolar, inclúen substitución de cuberta, colocación de climatización, reparacións por humidades, novo peche perimetral e obras menores de mantemento das instalacións

O Porriño, 26 de agosto de 2025.- Aproveitando o peche das escolas infantís no mes de agosto, o Concello do Porriño está a acometer unha serie de obras ao igual que tamén se están a executar traballos de mellora no centro de día de Torneiros, cunha inversión total de preto de 80.000 euros. O alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira de Política Social Teresa Veloso recibiron esta mañá ao xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para acompañalo nunha visita de comprobación do estado no que se atopan as obras.

“Aproveitamos o peche estival das escolas infantís para levar a cabo estas melloras tan necesarias, que redundarán nunha maior calidade dos servizos que ofrecemos ás familias do Porriño. A nosa prioridade é garantir espazos seguros, accesibles e confortables tanto para a cativada como para os maiores. A colaboración co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar está a ser clave para avanzar neste compromiso con toda a cidadanía”, aseguraba o alcalde.

A visita desta mañá concentrouse na parroquia de Torneiros, onde se localizan o centro de día de unha das Galiñas Azuis. Nesta última, estase a executar a maior das obras, cun orzamento de 47.790 euros, consistente na substitución da cuberta, deteriorada por un problema continuo de filtracións, e instalación dun equipo de climatizacións. Pola súa banda, no centro de día, co fin de mellorar a seguridade, accesibilidade e funcionalidade do recinto, estase a colocar un novo peche perimetral, que supón unha inversión de 26.250 euros. Ámbalas dúas obras prevense que queden rematadas a vindeira semana, coincidindo, no caso da escola infantil co inicio do curso escolar.

Na Galiña Azul de Doantes de Sangue, no casco urbano, levouse a cabo a impermeabilización das fachadas e reparación interior dos danos causados polas humidades e filtración de auga. Neste caso os traballos, valorados en preto de 5.000 euros, xa están rematados.

A maiores destas obras realizáronse outras menores de mantemento das instalacións e mobiliario, co fin de garantir o bo estado das infraestruturas e ofrecer un entorno máis adecuado e acolledor para os 160 usuarios destes tres centros. Estas actuacións inclúen reparacións eléctricas e de fontanería, revisión e axuste de peches interiores, reposición de mobiliario danado e labores de pintura en distintas estancias.

Desde o Concello do Porriño destacan que estas intervencións forman parte dun plan integral de mantemento e mellora continua das instalacións públicas, especialmente aquelas destinadas á atención á infancia e ás persoas maiores, dous colectivos prioritarios para o goberno local. “Sabemos que o benestar das familias comeza por servizos públicos de calidade. Seguiremos traballando da man doutras administracións para garantir que O Porriño conte con centros ben equipados, modernos e adaptados ás necesidades actuais”, concluíu o alcalde.

Avanzan as obras de reparación das pasarelas sobre o río Louro

  • O alcalde Alejandro Lorenzo e os concelleiros Rosario Costas e Marcos Martínez achegáronse esta mañá á ponte de madeira máis próxima ao albergue, onde se atopa o alumando do obradoiro “O Noso Encontro co Emprego” realizando traballos de rehabilitación

O Porriño, 26 de agosto de 2025.- O alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo e os concelleiros Rosario Costas e Marcos Martínez,  achegáronse esta mañá ao sendeiro do Louro para visitar os traballos de reforma integral que se están a realizar nas pasarelas de madeira sobre o río ao abeiro do programa “O Noso Encontro co Emprego”

O alumnado deste programa comezou os labores de rehabilitación na ponte máis próxima ao albergue de peregrinos e continuará polas dúas restantes, logo de que na primavera xa arranxaran a primeira delas. Durante esta mañá, acompañounos tamén José María García, titor deste innovador programa de formación e emprego dirixido a mozos menores de 30 anos, beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil,

Trátase dunha actuación cunha dobre finalidade, por unha parte, o alumando pon en práctica os coñecementos teóricos adquiridos na especialidade de carpintería; e, por outra banda, realízase un ben para toda a cidadanía, mellorando a seguridade e o acceso a esta zona tan transitada. Precisamente o alcalde, durante a visita, destacou este dobre valor, “este tipo de programas non só ofrecen á nosa mocidade unha saída laboral real en sectores con alta demanda, senón que tamén reverten directamente na mellora das infraestruturas públicas que empregamos a diario”.

Dende o Concello do Porriño lémbrase que, con motivo destas obras, o paso permanecerá restrinxido nas pontes nas que se estean a realizar puntualmente os traballos, o cal estará debidamente sinalizado dende os accesos ao sendeiro, informando de que o cruce dunha beira a outra do río deberá realizarse polas restantes pasarelas.

Xunto con esta especialidade de carpintería de madeira desenvólvese outra de albanelería, cuxa parte práctica céntrase na urbanización e pintura na rúa Paralela 3 do Polígono Industrial da Granxa, onde se executan novas beirarrúas. “O Noso Encontro co Emprego” supón unha inversión de máis de 480.000 euros dos cales 439.000 son subvencionados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, cubríndose a parte restante cunha achega municipal.

O Concello do Porriño dá prioridade absoluta ao saneamento coa creación dunha concellería e a execución de obras por máis de 4,6 millóns

  • Este novo departamento disporá de persoal municipal propio e centralizará todos os esforzos en dar resposta e avanzar na realización de pequenas e puntuais actuacións
  • A folla de ruta coa que traballa o goberno local cuantifica, a día de hoxe, en preto de 12 millóns de euros as obras pendentes de partida orzamentaria

O Porriño, 25 de agosto de 2025.- A elaboración de todos os proxectos para completar a rede de saneamento do Porriño foi o primeiro dos pasos que levou a cabo o alcalde Alejandro Lorenzo fai tres anos e medio cando accedeu ao goberno municipal. “Desde o inicio do noso mandato, as obras de saneamento foron unha prioridade absoluta e a redacción destes proxectos foi o punto de partida da nosa folla de ruta”, asegura o rexedor. Levouse a cabo un esforzo económico e organizativo sen precedentes, “dispoñíamos unicamente dun plan técnico no que non estaban delimitadas as contías de cada unha das obras a levar a cabo, de aí esa inversión de preto de 600.000 euros para elaborar cada un deses proxectos e así identificar e valorar economicamente todas e cada unha das necesidades, para consecuentemente solicitar os informes sectoriais precisos e tramitar as autorizacións dos veciños pola cesión dos terreos, non deixando ningún detalle atrás”.

Neste tres anos e medio de goberno “realizouse unha inversión histórica en materia de saneamento, cun total de 4.654.806 euros en obras, o que representa un verdadeiro avance se o comparamos co período previo, de 2015 a 2021, no que se investiron 1,9 millóns”, remarca o alcalde. As cifras falan por si soas, dende o ano 2022 executáronse unha vintena de obras; actualmente están outras dúas en execución, unha na Gulpilleira e outra na Travesía de Novás, na parroquia de Atios, que suman un importe de preto de 400.000 euros e están pendentes de licitación actuacións por valor de máis de 1,1 millón euros.

“Traballamos a diario para avanzar na nosa folla de ruta. Somos plenamente conscientes de que o saneamento é unha prioridade para moitos dos nosos veciños e veciñas, pero tamén debemos lembrar que se trata dun servizo cunha altísima complexidade técnica e cun custo económico moi elevado”. Por este motivo, a súa execución ten que facerse de maneira progresiva, segundo a dispoñibilidade orzamentaria. “O Concello non conta cunha partida económica nin cos medios suficientes para asumir en solitario o financiamento destas infraestruturas, polo que é imprescindible buscar colaboración noutras administracións, como a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra ou o Consorcio Augas do Louro. Gracias a ese apoio e ao esforzo do equipo de goberno temos conseguido mobilizar investimentos históricos nestes últimos anos e seguiremos traballando con rigor e responsabilidade para dar resposta ás demandas de toda a veciñanza”.

 Nova Concellería de Saneamento

Para atender e centralizar todas estas necesidades, sobre todo aquelas pequenas actuacións que dan resposta a demandas particulares, dende o Concello valorouse a creación dunha concellería específica nesta materia. Con todos os proxectos xa redactados, obras realizadas, en execución e pendentes de licitación, súmase a próxima incorporación de sete operarios de obras e servizos, incluídos no cadro de persoal do Concello. “Disporemos de traballadores municipais que dependerán desta nova concellería para, sobre todo, facer estas acometidas pequenas e puntuais e ir completando así toda a rede de saneamento, combinando grandes e pequenas obras”.

A día de hoxe, partindo dos máis de 16 millóns pendentes inicialmente, tendo en conta a actualización de prezos, o xa executado, o que se está a realizar e máis o pendente de licitar, a cifra total de inversión que resta para acadar o cen por cen do saneamento elévase a 11.899.632,68 euros.

“Este goberno local ten claro que o acceso a un saneamento digno é un dereito fundamental, non unha opción. Por iso, investiranse eses case 12 millóns de euros que aínda son necesarios para completar a cobertura en todas as parroquias. Con máis medios propios, un equipo reforzado e unha colaboración activa coas administracións supramunicipais, o Concello está decidido a cumprir este obxectivo con determinación e sen demoras. O saneamento completo é un compromiso firme, innegociable e prioritario”, conclúe Alejandro Lorenzo.

A continuación especifícase cada un dos proxectos de saneamento pendentes de partida orzamentaria en tódalas parroquias e o seu custo 

Denominación Coste    
   
PROXECTO DE SANEAMENTO EN OS EIDOS-CANS       128.304,07 €    
SANEAMENTO EN A DEVESA – FOLÓN       612.174,38 €    
SANEAMENTO EN A SÉ E QUINTENLA       779.427,74 €    
SANEAMENTO EN CENTEÁNS       688.636,14 €    
SANEAMENTO EN LOÑO – CASAL DO VELLO       415.105,43 €    
SANEAMENTO EN BARBEITO, MADORRAS – IGLESIA, MOSENDE       612.474,12 €    
SANEAMENTO EN A TORRE E OS EIDOS       458.720,52 €    
SANEAMENTO EN PONTENOVA 40.136,86 €    
SANEAMENTO EN A CANTOÑA – POUSADELA       559.891,36 €    
SANEAMENTO EN TRAPA – FASE 2       141.695,50 €    
SANEAMENTO EN A GULPILLEIRA       105.833,13 €    
SANEAMENTO EN OS EIDOS, O POMBAL E A ESCUSA       473.763,47 €    
SANEAMENTO EN O POMARIÑO     78.556,19 €    
SANEAMENTO EN O SARAMAGAL       212.900,00 €    
SANEAMENTO EN A COCHILRA – CADAVAL       145.272,58 €    
SANEAMENTO EN O MONTE       433.992,06 €    
SANEAMENTO EN A LOURIÑA       197.332,50 €    
SANEAMENTO EN SANGUÍO       334.645,27 €    
SANEAMENTO EN POXEIRA       193.759,67 €    
SANEAMENTO EN ACCESO A SAN BLAS       421.231,75 €    
SANEAMENTO EN O CASAL – FASE 2       130.629,35 €    
SANEAMENTO EN CANADELO – FILGUEIRAS       502.822,13 €    
SANEAMENTO EN MADORRAS-CAVADIÑA       398.913,42 €    
SANEAMENTO EN O CAEIRO       471.903,45 €    
SANEAMENTO AS ABAS – PORTO DE EIRAS       320.564,16 €    
SANEAMENTO EN ATIOS-PONTELLAS E MOSENDE       196.182,49 €    
SANEAMENTO EN FONTELIÑO        45.639,95 €    
SANEAMENTO EN CARBÓN – RIAL       473.575,11 €    
SANEAMENTO EN SAN ROQUE – A AREEIRA        21.611,35 €    
SANEAMENTO CAMIÑO MIRAFLORES E ASFALTADOS       120.009,65 €    
PROXECTO DE SANEAMENTO EN A GRAÑA E SEQUEIRAS       742.300,60 €    
SANEAMENTO EN PENEDO – O TOXAL. CHENLO       505.136,17 €    
SANEAMENTO EN BENUNES       538.529,12 €    
SANEAMENTO EN REGA DA LAMA     62.658,93 €    
SANEAMENTO EN ABELENDA E FIGUEIRAS       120.140,31 €    
TOTAL  11.899.632,68 €    

O Concello do Porriño reúne ao comercio local para promover unha nova shopping night

  • Convoca aos comerciantes da vila a unha xuntanza o vindeiro martes 26 para avaliar a súa reposta a esta iniciativa e escoitar posibles propostas co fin de dar visibilidade e incrementar a competitividade do comercio de proximidade, converténdoo nun motor de atracción para toda a veciñanza e visitantes

O Porriño, 23 de agosto de 2025.- En resposta ao éxito acadado na última edición e á demanda dos propios comerciantes de continuar coa iniciativa noutra época do ano, o Concello do Porriño ten programada unha nova shopping night. “A alta participación na última edición fíxonos pensar en que volver a repetila agora, coincidindo co mes festivo por excelencia da nosa vila, sería unha boa oportunidade, como un novo impulso ao noso comercio, á vez que funciona tamén como atractivo de visitantes”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.

É por este motivo, polo cal dende o Concello do Porriño convidan a todo o comercio do municipio a unha xuntanza o vindeiro martes, 26 de agosto, ás 21.00 horas, na casa consistorial. “Querémoslle trasladar a nosa proposta para avaliar as súas reaccións, á vez que escoitaremos as súas propostas, ben sexa respecto deste evento ou doutros posibles que poidan xurdir, todo elo en beneficio da nosa vila e de empuxe do comercio como motor económico”, subliña o rexedor. Será un encontro coa intención de establecer un feedback entre o Concello e o colectivo de comerciantes, escoitando as súas demandas de cara a poder seguir traballando nesta liña de avance e de colaboración.

“O obxectivo é continuar fortalecendo o vínculo entre o Concello e o tecido comercial, afondando nun traballo conxunto que permita desenvolver novas iniciativas que poñan en valor o noso comercio de proximidade”, sinala a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso. A edil explica que a shopping night naceu dentro da Fashion Weekend, que se leva celebrando os últimos tres anos no mes de abril. “A resposta sempre foi moi boa e de aí que consideremos un momento idóneo volver celebrala agora en setembro, coincidindo coas Festas do Cristo, como un atractivo máis tanto para veciños como para visitantes”.

Será unha noite na que os establecementos comerciais da vila abrirán as súas portas en horario especial, dende as 21.00 horas ata a medianoite, ofrecendo propostas dinamizadoras, descontos, sorteos, agasallos e moitas sorpresas, e onde tampouco faltará a música para amenizar as compras.

“Dende o Concello somos conscientes da importancia que ten o comercio local na dinamización económica e social do Porriño, por iso apostamos decididamente por seguir promovendo accións que lle dean visibilidade, que aumenten a súa competitividade e que o convertan nun motor de atracción de persoas á nosa vila”, incide o alcalde.

A través desta e doutras propostas, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso de apoio continuo ao sector, escoitando as súas necesidades e propoñendo solucións reais que contribúan ao seu crecemento. “Queremos que O Porriño sexa un referente, non só polas súas festas e eventos, senón tamén pola vitalidade e calidade do seu comercio local”, conclúe Alejandro Lorenzo.

A Interrunning presenta un circuíto renovado, máis urbano e atractivo

  • A inscrición para esta carreira que unifica deporte, empresa e solidariedade segue aberta ata o día 17 de setembro

O Porriño, 22 de agosto de 2025.- A menos dun mes para a celebración da CAE Interrunning 2025, dende o Concello do Porriño anúnciase un cambio significativo no percorrido respecto de edicións anteriores. Un 40% do circuíto será novo, “mantendo o seu carácter rápido pero gañando atractivo visual, achegando a carreira ao corazón urbano do Porriño”, indican dende a organización da proba.

O novo trazado percorrerá as zonas recentemente acondicionadas polo Concello. Con esta modificación, a proba mantén a esencia que ha caracteriza dende os seus inicios: innovación, imaxe e excelencia organizativa. “O circuíto anterior converteuse en un dos 10K máis rápidos de Galicia, o obxectivo para este 2025 é conservar esa velocidade e fluidez, engadindo o valor dun escenario urbano máis atractivo e con maior visibilidade”.

A cita deste ano integra a que sería a terceira Carreira de Empresas de Galicia e a XIV edición de Interrunning, coas probas de 10 e 5 quilómetros, ademais das carreiras infantís e da tradicional andaina.

O alcalde Alejandro Lorenzo lembra que “estamos ante un evento único en Galicia, que unifica deporte popular, cultura empresarial e compromiso solidario”. E é que parte dos fondos recadados destinaranse a Aceesca, Afaga e á Asociación Española contra o Cancro. “A Interrunning é moito máis ca unha carreira, estamos moi orgullosos de acoller un evento que promove hábitos saudables, visibiliza o compromiso social e dinamiza o centro urbano do Porriño. Con cada edición, damos un paso máis cara a excelencia.”

A día de hoxe son centos as persoas xa anotadas e dende a organización espérase acadar os dous milleiros. As inscricións seguen abertas a través da páxina web www.emesports.es ata ás 20.00 horas do día 17 de setembro.

A proba celebrarase o domingo 21 de setembro. Ás 09.30 horas arrancará a Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, ás 11.30 horas será a saída das competicións 5K e 10K, da cales se poderá participar de xeito individual, en parellas ou en equipo de tres e ás 12.45 e 12.50 horas celebraranse as carreiras infantís de Pitufos e Chupetes. Trala entrega de premios terá lugar unha “after run party” aberta a todo o público, con música, regalos e moito ambiente festivo.

Cinema, música, auga e festas patronais esta fin de semana no Porriño

  • A Praza Arquitecto Antonio Palacios acolle mañá a proxección do filme “Gru 4 Mi villano favorito” e o domingo tobogán xigante, inchables de auga e festa da espuma
  • O barrio de San Sebastián celebra as súas festas patronais e Chenlo o Neno Xesús

O Porriño, 22 de agosto de 2025.- Continúa o cinema na rúa no Porriño. Este sábado, unha nova sesión na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a partir das 20.30 horas, coa proxección da película de animación “Gru 4 Mi villano favorito”. E no mesmo lugar, o domingo, de 17.30 a 20.00 horas, como todos os dos meses de xullo e agosto, instalaranse un tobogán xigante e inchables de auga para refrescar a tarde aos máis pequenos da casa rematando con festa da espuma.

De xeito paralelo, no barrio de San Sebastián celébranse as festas que honran ao seu patrón. Mañá sábado, ás 17.30 horas, inchables para a cativada e festa da espuma. A partir das 19.00 horas animación e ás 20.00 horas a tradicional Gran Sardiñada. Pola noite, ás 22.00 horas, actuación de Emilio Rúa, que ofrecerá un concerto en lingua galega facendo un repaso polos seus 25 anos de carreira, nos que editou 160 cancións e publicou unha ducia de discos. Xa o domingo, ás 12.00 horas oficiarase a misa na Igrexa Parroquial de Santa María, seguida da procesión ata a Capela de San Sebastián acompañada polos gaiteiros da Asociación Cultural A Forna. Ao rematar, levarase a cabo a tradicional poxa e deseguido degustación de rosca e bebida. A queima da fachada prevista como broche final das festas queda suspendida ao estar decretado o índice de risco de incendio alto.

Festas do Neno Xesús en Chenlo

A parroquia de Chenlo celebra os días 24 e 25 de agosto as súas festas na honra ao Neno Xesús. O domingo ás 12.00 horas oficiarase a misa cantada polo Coro Voces de Chenlo, seguida de procesión acompañada pola Banda de Música de Porriño. A continuación terán lugar as tradicionais poxas.
Pola noite, actuación da orquestra Galaxia e o trío Luces de Bohemia. Xa o luns, volverá haber misa ás 12.00 horas, acompañada do Coro Voces de Chenlo e a procesión co Grupo de Gaitas Asubío; deseguido, as poxas. A partir das 17.00 horas celebraranse as tradicionais cucañas e ás 22.00 horas verbena amenizada pola orquestra Capitol e o trío La Noche del Grove.

O alcalde Alejandro Lorenzo sinala que “O Porriño continúa a ser un referente en dinamización cultural e festiva durante o verán, tanto no centro urbano como nas parroquias. Esta fin de semana teremos unha ampla oferta para todas as idades, desde cinema ao aire libre ata actividades acuáticas e festas tradicionais onde non faltará a música en directo. Convidamos a toda a veciñanza e a quen nos visita a desfrutar destas propostas pensadas para compartir, divertirnos e seguir poñendo en valor a nosa cultura e tradicións. Grazas ás comisións de festas, ás asociacións e ao persoal municipal polo seu traballo e compromiso”.

 

A nova estrela do balonmán xuvenil ten selo porriñés

  • Nico Giráldez é recibido no Concello logo de proclamarse subcampión mundial en Exipto
  • O alcalde Alejandro Lorenzo pon de exemplo a súa traxectoria, “un espello no que nenos e nenas poidan mirarse”, destacando os valores da humildade, o compañeirismo e a superación

O Porriño, 21 de agosto de 2025.- O Porriño segue sumando títulos deportivos. Nesta ocasión, gracias a Nico Giráldez, que vén de alzarse en Exipto coa medalla de prata no Mundial Xuvenil de Balonmán e dende o Concello non quixeron deixar pasar a consecución deste gran logro para recibilo e darlle persoalmente os parabéns. “É un orgullo enorme para todo O Porriño contar cun deportista como Nico, exemplo de esforzo, disciplina e compromiso. Mirámolo medrar dende as escolas deportivas municipais ata converterse nun dos mellores porteiros da súa xeración”, afirmou o alcalde Alejandro Lorenzo durante a recepción oficial no Concello, na que tamén estivo presente o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, quen foi tamén o seu presidente no Balonmán Porriño.

Nico destacou como gardameta na Selección Española Xuvenil de Balonmán que caeu nos penaltis fronte Alemaña despois de que unha parada súa forzara a prórroga, “polo que a valoración do torneo é moi positiva, chegar á final era xa un dos nosos obxectivos, foi un gran soño para min e oxalá teña máis oportunidades de conseguir máis retos como este no futuro”, asegura este mozo porriñés que ven de cumprir a maioría de idade.

Nico agradeceu as palabras e o xesto cara a el, lembrando os seus inicios con tan só sete anos no Balonmán Porriño, onde militou ata a tempada 2023/2024, e co que tamén acadou importantes éxitos, como foi a fase final do Campionato de España Cadete Masculino, “débolle moito a este club”, asegurou. A curto prazo continuará, unha tempada máis, na capital pucelana combinando a súa militancia no Recoletas Atlético Valladolid á vez que comeza os seus estudos de Grao de Xestión Administrativa.

O exemplo de Nico é un dos moitos da aposta decidida  polo deporte de base. “Queremos que os nenos e nenas do Porriño vexan en Nico un espello no que mirarse; que saiban que con paixón e constancia pódese chegar moi lonxe, sen esquecer os valores que se aprenden no deporte: humildade, compañeirismo e superación”, subliña o alcalde remarcando o compromiso do Concello a seguir apoiando o deporte local e, por suposto, “a seguir de preto a traxectoria de Nico, que sabemos que aínda ten moitos éxitos por diante, e é que esta prata mundial é só o comezo”, concluíu.

O Porriño tamén sabe amar

  • Unha foodtruck desta campaña da Xunta fai parada na vila para ofrecer, de balde, unha selección de petiscos a base de peixe e mariscos das rías galegas

O Porriño, 21 de agosto de 2025.- Fusión de mexillóns ao vapor Galicia Thai e humus de fabas de Lourenzá e mexillón de Galicia á carbonara de mar son algúns dos petiscos que este xoves se poden degustar no Porriño. Unha das foodtrucks da campaña Galicia sabe amar instalouse hoxe na Praza Arquitecto Antonio Palacios para ofrecer estas degustacións de balde a todas aquelas persoas que se acheguen, agora pola mañá ata ás 15.00 horas e logo pola tarde, dende ás 18.00 e ata ás 21.00 horas.

O alcalde Alejandro Lorenzo achegouse tamén á foodtruck onde puido comprobar, unha vez máis, o mellor sabor do mar e a calidade do peixe e marisco galegos. Así, o rexedor destacou esta iniciativa pola importancia de promover o consumo destes produtos entre toda a poboación, “fomentando hábitos de vida saudable á vez que se contribúe á posta en valor da excelente calidade dos produtos galegos, especialmente aos procedentes do noso litoral, que representan unha parte fundamental da nosa identidade e economía”.

Galicia sabe amar é unha campaña da Xunta de Galicia que nace para animar á cidadanía a través da retranca galega e os dobres sentidos a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo. A iniciativa sóbese ás catro rodas a través foodtrucks que levan o sabor das rías galegas por máis de 250 municipios de toda España vinculados ao Camiño de Santiago. En cada parada os visitantes poden degustar algúns dos petiscos pensados para a campaña e realizados a base de produtos certificados do mar e da terra

 

O Porriño reivindica identidade e tradición nas Festas de San Sebastián

  • O barrio celebra, dende mañá, tres xornadas cunha exposición de fotos, actividades para a cativada, concerto de Emilio Rúa, unha gran sardiñada e a queima da fachada

O Porriño, 21 de agosto de 2025.- O Porriño celebra dende mañá venres e ata o domingo as festas de San Sebastián. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura e Festexos, Bienvenido Estévez, presentaron a programación acompañados por representantes da Comisión de festas de San Sebastián convidando a toda a veciñanza a desfrutar destas auténticas festas de barrio. O rexedor destacou que “as festas de San Sebastián son unha mostra da nosa identidade como pobo e do orgullo que sentimos polo noso patrimonio e tradicións. É unha honra para o Concello colaborar coa comisión de festas para manter viva esta celebración que une á veciñanza nun ambiente de alegría e convivencia”. Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Festexos puxo en valor o traballo da comisión organizadora e sinalou que “este tipo de festas non serían posibles sen o esforzo desinteresado de moitas persoas que traballan para que o barrio poida celebrar con orgullo ao seu patrón”.

Este céntrico barrio porriñés honra ao seu patrón con tres xornadas de actividades organizadas pola Comisión de Festas de San Sebastián, en colaboración co Concello do Porriño. A programación arranca mañá venres cunha nova edición da Exposición Fotográfica do Porriño Antigo, que xa está aberta ao público, dende a pasada semana, na Capela de San Sebastián e pode visitarse ata o día 31 deste mes.

O sábado, ás 17.30 horas, inchables para a cativada e festa da espuma. A partir das 19.00 horas animación e ás 20.00 horas a tradicional Gran Sardiñada que este ano chega xa á súa décimo oitava edición. Pola noite, ás 22.00 horas, música en directo da man de Emilio Rúa, que ofrecerá un concerto en lingua galega facendo un repaso polos seus 25 anos de carreira, nos que editou 160 cancións e publicou unha ducia de discos.

O domingo será o día grande. Ás 12.00 horas oficiarase a misa na Igrexa Parroquial de Santa María, seguida da procesión ata a Capela de San Sebastián acompañada polos gaiteiros da Asociación Cultural A Forna. Ao rematar, levarase a cabo a tradicional poxa e a continuación degustación de rosca e bebida. 

Doce mozos de toda España despídense do Porriño tras unha estadía de voluntariado ambiental

  • O alcalde Alejandro Lorenzo e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses clausuran o Campod e Voluntariado Internacional Sendeiros do Louro

O Porriño, 20 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño puxo hoxe o broche final ao Campo de Voluntariado Internacional Sendeiros do Louro, unha iniciativa que durante doce días reuniu na vila a mozos de distintas comunidades autónomas para traballar na conservación do río Louro e coñecer o patrimonio natural da zona.

O acto de clausura contou coa presenza do alcalde Alejandro Lorenzo; a directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses e o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, que agradeceron o compromiso e a implicación dos participantes.

Durante a súa estadía, os doce voluntarios, procedentes de diversos puntos de Galicia, País Vasco, Castela e León, Castela-A Mancha, Madrid e Andalucía, realizaron labores de limpeza e eliminación de especies invasoras no río Louro e nos seus afluentes, coa coordinación da asociación ecoloxista Verdegaia. Ademais, participaron en actividades de lecer, excursións e visitas culturais pola comarca.

“Este tipo de experiencias son fundamentais para fomentar valores como a solidariedade, a convivencia e o respecto polo medio ambiente”, destacou Lara Meneses, quen puxo en valor a colaboración entre administracións para ofrecer á mocidade alternativas de lecer educativo e comprometido.

O alcalde Alejandro Lorenzo agradeceu a todos os participantes “por escoller O Porriño para vivir esta experiencia e contribuír ao coidado da nosa contorna natural”, e reafirmou a aposta do Concello por programas que combinen voluntariado, formación e lecer activo.

Este é o segundo ano que o Concello organiza un campo de voluntariado de temática ambiental, despois do das Gándaras de Budiño celebrado o pasado ano; mentres que as tres edicións anteriores estiveron centradas na figura de Antonio Palacios.