O Concello do Porriño licita a reforma integral da Praza de Abastos para executar entre 2025 e 2026

 

O Porriño, 3 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño avanza na modernización do seu Mercado Municipal coa publicación da licitación para a reforma integral da Praza de Abastos, que se realizará ao longo deste ano e o próximo. O prazo para presentar ofertas estará aberto ata o 29 de xullo. Esta actuación, cun investimento superior aos 400.000 euros e financiada maioritariamente pola Xunta de Galicia, forma parte do proxecto estratéxico para transformar o mercado nun espazo moderno, funcional e accesible, mantendo o seu valor patrimonial.

A reforma inclúe a rehabilitación da cuberta e a restauración das fachadas, melloras na distribución dos postos de venda, especialmente nas zonas de peixaría e froitería, e a incorporación de novos sistemas de iluminación, protección solar e equipamentos comerciais compartidos. Ademais, prevese a recuperación de locais baleiros para a instalación de novos negocios, a renovación dos aseos e a mellora dos accesos, incluíndo a instalación de portas automáticas para facilitar a entrada de mercancías.

O Alcalde, Alejandro Lorenzo, sinala que “esta licitación é un paso decisivo para continuar co proceso de modernización dun mercado que é un símbolo do noso centro urbano e da economía local. Queremos que a Praza de Abastos siga sendo un espazo atractivo e funcional para praceiros e clientes, preservando a súa identidade e potenciando o comercio de proximidade ”.

Pola súa banda, a concelleira de Mercados, Antía Carrera, subliña o compromiso do Concello coa dinamización económica e social do mercado, “apostando por un modelo que combina tradición e innovación, coa sustentabilidade e a eficiencia enerxética como eixos fundamentais”.

Esta intervención enmárcase nun proxecto máis amplo que o Concello está a desenvolver por fases. Xa se investiron máis de 550.000 euros nas fases previas para renovar instalacións, mellorar a iluminación, ampliar espazos e renovar fachadas. Agora, esta nova fase vén consolidar esas melloras e adaptar o mercado ás necesidades actuais, mantendo vivo un edificio con valor arquitectónico asinado polo prestixioso arquitecto José Bar Boo.

Dende o Concello insístese en que esta non será a última actuación. “Aínda queda camiño por andar e non pararemos aquí”, asegurou o alcalde. “Seguiremos traballando para completar todas as fases do proxecto e facer da nosa Praza de Abastos un referente de modernización, servizo e identidade local”.

O Concello mantén un diálogo constante co colectivo de praceiros para garantir que as actuacións se adapten ás súas necesidades reais e poñer en valor o papel do mercado como motor económico e punto de encontro da vida diaria do Porriño.

O Porriño énchese de ritmo este verán con clases gratuítas de zumba ao aire libre

 

O Porriño, 2 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño pon en marcha un novo programa de actividades para animar as noites de verán e fomentar o exercicio ao aire libre. Trátase das clases gratuítas de zumba, que se celebrarán durante os meses de xullo e agosto na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

As sesións terán lugar todos os martes e xoves, de 21:00 a 22:00 horas, e estarán abertas a persoas de todas as idades, sen necesidade de inscrición previa.

O obxectivo é ofrecer unha actividade saudable, divertida e accesible para toda a veciñanza, ao tempo que se dinamiza o espazo público e se promove un estilo de vida activo.

“Queremos que a xente se mova, se divirta e aproveite as noites de verán nun ambiente san e participativo”, sinala o Alcalde, Alejandro Lorenzo, que se animou a participar na primeira clase. “A zumba é unha proposta que combina música, exercicio e convivencia, perfecta para o noso Porriño”, engade.

A iniciativa forma parte do programa de actividades de verán que o Concello está a desenvolver para fomentar a cultura, o deporte e a participación cidadá durante os meses estivais.

O Concello do Porriño resolve as primeiras axudas para a rehabilitación de vivendas en Torneiros: adxudicado o 90% dos fondos dispoñibles

O Porriño, 2 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño vén de resolver, o pasado 10 de xuño, as primeiras solicitudes presentadas ao abeiro da convocatoria de axudas en materia de rehabilitación residencial e vivenda social na contorna residencial de rehabilitación programada (ERRP) de Torneiros, financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Deste xeito, dos 872.425,00 € dispoñibles para a rehabilitación de vivendas, xa se teñen adxudicado un total de 781.754,03 €, o que supón case o 90% dos fondos da liña de axuda. As actuacións aprobadas permitirán obter unha mellora superior ao 60% no aforro enerxético, o que implica que se subvencione o 80% do custe total das obras, segundo os criterios establecidos nas bases da convocatoria.

Ademais das axudas a particulares e comunidades, o Concello do Porriño tamén investirá en torno a 100.000€ para a urbanización e mellora da contorna, actuación que se suma ás intervencións xa en marcha co obxectivo de humanizar e revitalizar o barrio de Torneiros.

Este importante avance forma parte dun proxecto global de rehabilitación impulsado polo Concello co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética, a calidade de vida da veciñanza e a cohesión social nun dos principais núcleos residenciais do municipio. A zona de Torneiros é unha prioridade para o Concello. Despois de moitos anos sen ningún tipo de actuación, recentemente estanse a executar diversas intervencións como esta liña de axudas á rehabilitación de vivendas e un ambicioso plan de mellora da rede viaria municipal, que inclúe obras de renovación de pavimento, mellora do drenaxe, beirarrúas, sinalización e zonas de estacionamento en diferentes camiños da parroquia, co obxectivo de revitalizar a contorna e responder ás demandas históricas da veciñanza.

“Esta resolución representa un paso adiante moi relevante nun proxecto transformador para Torneiros. Seguiremos traballando para captar máis fondos e ampliar o alcance das actuacións”, destacou o Alcalde, Alejandro Lorenzo.

O prazo para solicitar estas axudas continúa aberto ata o 31 de xaneiro de 2026, polo que dende o Concello anímase á veciñanza a informarse, a beneficiarse desta oportunidade histórica de mellora das súas vivendas e da contorna, e ponse á disposición de todas as comunidades de veciños os servizos técnicos e xurídicos do Concello, así como a Oficina Municipal de Vivenda. 

O Concello do Porriño mellora cinco camiños municipais nas parroquias de Torneiros, Pontellas e Mosende

 

  • As actuacións contan cun investimento total de 177.286,27 euros

O Porriño, 1 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño vén de poñer en marcha un ambicioso plan de mellora da rede viaria municipal nas parroquias de Torneiros, Pontellas e Mosende, cun investimento total de 177.286,27 euros (IVE incluído). O obxectivo deste proxecto é rehabilitar o firme existente e mellorar as condicións de circulación e seguridade nestes camiños, moitos deles moi transitados polos veciños e veciñas.

Está previsto que os traballos rematen nun prazo aproximado de dúas semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

As actuacións inclúen traballos de roza e limpeza, fresado de pavimento, mellora de drenaxes, pavimentación, sinalización horizontal e recrecido de arquetas mediante formigón estrutural. Tamén se contempla a creación de zonas de estacionamento e a adaptación de pasos de peóns á normativa vixente.

Camiños incluídos no proxecto:

  • Camiño 01 (Torneiros): Treito entre a estrada EP-2401 e a PO-331. Prevese o fresado do firme existente, a mellora do drenaxe e nova capa de rodadura con sinalización.
  • Camiño 02 (Torneiros): Treito sur con intersección coa EP-2401. Inclúe renovación de pavimento, mellora de beirarrúas e creación de zonas de estacionamento.
  • Camiño 03 (Torneiros): Zona do Polígono II. Mellora e ampliación das zonas de aparcadoiro existentes.
  • Camiño 04 (Torneiros): Lugar de Casal de Vello. Rehabilitación integral do firme e mellora da sinalización horizontal.
  • Camiño 05 (Mosende e Pontellas): Zona de A Louriña. Actuacións sobre cunetas, drenaxes e reposición do pavimento.

“O meu compromiso é claro: mellorar os servizos e infraestruturas das parroquias. Estes traballos son unha mostra de que seguimos avanzando nese camiño, para mellorar as infraestruturas básicas do noso municipio. As parroquias son prioridade. Estes camiños son fundamentais para a mobilidade diaria da veciñanza e queremos que todos os veciños, vivan onde vivan, teñan unhas condicións dignas e seguras”, sinalou o Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

O Concello do Porriño amplía o prazo para solicitar postos de venda ambulante na festa de Porrigalia 2025

 

  • O prazo de solicitude está aberto desde hoxe, 1 de xullo, e rematará o 7 de xullo de 2025 ás 14:00 horas

Porriño, 1 de xullo de 2025.– O Concello do Porriño informa de que se amplía o prazo de presentación de solicitudes para a instalación de postos de venda ambulante durante a celebración da festa de Porrigalia 2025. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude desde hoxe ata o 7 de xullo de 2025 ás 14:00 horas.

As solicitudes deberán presentarse a través do rexistro xeral do Concello, da sede electrónica(https://oporrino.sedelectronica.gal) ou polas vías previstas na Lei 39/2015 de procedemento administrativo común. No caso de empregar un rexistro distinto ao municipal, será obrigatorio remitir unha copia ao correo electrónico rexistro@oporrino.org antes do fin do prazo, para garantir a súa inclusión.

As persoas solicitantes deberán cubrir correctamente:

  • A solicitude oficial
  • A Declaración Responsable (Anexo I)
    e achegar a documentación requirida segundo o tipo de posto solicitado (alimentación, atraccións, etc.).

Documentación obrigatoria xeral:

  • Fotocopia do DNI/NIF ou documento análogo
  • No caso de actuar mediante representante: documentación do representante e acreditación do poder
  • CIF no caso de empresas ou asociacións

Ademais:

  • Os postos de atraccións deberán achegar documentación técnica, seguros e informes segundo o RD 226/2022.
  • Os postos de alimentación deberán achegar o carné de manipulador de alimentos.

Lémbrase que:

  • Só se admitirá unha solicitude por persoa.
  • A persoa titular da autorización será responsable de calquera dano ou anomalía na zona asignada.
  • Será obrigatorio exhibir no posto: a autorización, follas de reclamación e listaxe de produtos con prezos.

Enlace ás bases para a instalación de postos: 

https://oporrino.org/wp-content/uploads/2025/06/20250607_Publicacion_BASES-REGULADORAS-QUE-REGIRAN-LA-CONVOCATORIA-PARA-LA-AUTORIZACION-DE-INSTALACIONES-DE-PUESTOS-DE-VENTA-AMBULANTE-EN-LA-FIESTA-DE-PORRIGALIA-PARA-EL-ANO-2025-GALLEGO.pdf

Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a sede electrónica do Concello do Porriño. 

Aviso de cortes de tráfico nas rúas Pío XII e Fontevella dende mañá

 

O Porriño, 1 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño informa á veciñanza que, debido ás obras no pavimento da rúa Pío XII, dende mañá, mércores 2 de xullo, produciranse cortes no tráfico rodado nas rúas Pío XII e Fontevella. Os cortes manteranse ata a finalización das obras.

Co obxectivo de facilitar o acceso á zona afectada, habilítase provisionalmente a circulación en dobre sentido na rúa Fernández Areal, dende a rúa San Sebastián, coas seguintes finalidades:

  • Permitir o acceso aos garaxes da rúa Fontevella

  • Facilitar as operacións de carga e descarga comercial

O Concello pide á cidadanía que extreme a precaución ao circular pola zona e agradece a comprensión e colaboración durante o desenvolvemento destas actuacións.

 

Publicadas as bases das Becas Antonio Palacios 2025 aos mellores expedientes académicos da PAU

 

O Porriño, 30 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño vén de publicar as bases reguladoras para a convocatoria das Becas Antonio Palacios 2025, dirixidas ao alumnado do municipio que obtivese os mellores expedientes académicos na PAU.

Con esta iniciativa, O Concello quere recoñecer o esforzo e a excelencia do alumnado de 2º de Bacharelato que acadou as mellores cualificacións na Proba de Acceso á Universidade (PAU). Concederanse un total de 15 axudas de 300 euros cada unha, destinadas a apoiar os estudos universitarios do alumnado con mellores resultados. A selección do alumnado realízase atendendo a unha nota igual ou superior ao 8,5 na fase xeral da PAU.

Mañá ábrese un prazo de 15 días hábiles para que as persoas interesadas presenten a súa solicitude a través do Rexistro do Concello, xunto coa documentación requirida, que se detalla nas propias bases.

Accede ás bases na siguente ligazón: 

BASES BECAS ANTONIO PALACIOS 2025

A entrega simbólica destas becas terá lugar nun acto institucional no Concello do Porriño nos vindeiros días, co obxectivo de homenaxear ao alumnado galardoado e poñer en valor o papel dos centros educativos e das familias no proceso formativo. As becas levan o nome de Antonio Palacios, arquitecto porriñés de renome, como símbolo do compromiso do Concello coa cultura, o coñecemento e a formación.

O Concello do Porriño continúa así a súa aposta decidida pola educación de calidade e polo apoio ás novas xeracións como base do desenvolvemento social e persoal do municipio.

O Porriño contará desde mañá con servizo de autobús directo a Praia América durante o verán

 

O Porriño, 30 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño informa de que, a partir de mañá, martes 1 de xullo, poñerase en marcha un novo servizo de autobús que conectará diariamente O Porriño con Praia América durante toda a tempada estival.

O servizo realizarase todos os días da semana, incluíndo domingos e festivos, ofrecendo á veciñanza unha alternativa cómoda e sostible para desprazarse ao litoral.

As saídas desde O Porriño serán ás 15:00 horas desde a parada situada na Avenida de Galicia, con chegada prevista a Praia América (Rúa Rans) ás 15:30 horas. O regreso farase ás 20:30 horas desde o areal, chegando ao Porriño ás 21:00 horas. A concesionaria responsable deste servizo será a empresa Lugove, dentro da súa operativa habitual.

Este novo servizo é froito das xestións realizadas polo Concello do Porriño ante a Consellería de Mobilidade, co obxectivo de facilitar os desprazamentos á praia e promover o uso do transporte público durante os meses de verán.

Dende o Concello animamos á veciñanza a facer uso desta nova liña, que permitirá desfrutar da praia de forma máis cómoda, económica e sen preocupacións polo transporte.

O Concello do Porriño impulsa importantes investimentos en equipamentos e melloras urbanas con apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia

 

Porriño, 30 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño vén de aprobar en pleno unha serie de actuacións estratéxicas que serán financiadas mediante crédito extraordinario e subvencións concedidas pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Estes investimentos, que contaron cos votos a favor do goberno local e coas abstencións do PSOE e do BNG, permitirán avanzar en ámbitos clave como a educación infantil, o lecer, o deporte, a mellora de infraestruturas rurais e a humanización urbana.

Entre as principais actuacións destacan:

  • Equipamento das escolas infantís de Budiño e Pontellas: O Concello destinará 71.491,64 euros para dotar de equipamento e mobiliario as novas escolas infantís financiadas pola Xunta de Galicia, garantindo así a súa posta en funcionamento durante este ano.
  • Ampliación do parque infantil da Avenida de Galicia: Cun investimento de 33.153,70 euros, levarase a cabo a instalación de novos xogos infantís termoplásticos, unha cama elástica con pavimento de caucho e mobiliario urbano complementario para mellorar a funcionalidade e confort do espazo.
  • Equipamento do campo de fútbol municipal de Lourambal: Para a primeira fase (obra civil) do equipamento do campo de fútbol de Lourambal, o Concello investirá 399.077,73 euros, reforzando o compromiso coa promoción do deporte base e a mellora das infraestruturas deportivas coa colaboración da Xunta.
  • Mellora de camiños en Devesa, Filgueiras e Portela de Souto: Grazas á subvención da Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia, executarase a mellora do pavimento en camiños destas parroquias cun orzamento total de 132.979,42 euros. Deste importe, a Deputación achega 57.324,23 euros e o Concello complementa a inversión con 75.655,19 euros.
  • Humanización da prolongación da rúa Antonio Palacios: O Concello recibirá unha subvención de 645.024,26 euros da Deputación para executar esta obra, cun orzamento total de 860.032,34 euros, completado coa achega municipal de 215.008,08 euros.
  • Acondicionamento do local nº 4 na rúa Antonio Palacios: O acondicionamento deste local, cunha superficie total de 72,75 m² máis dous anexos de 16 m² cada un, terá un custe estimado de 86.250 euros. O proxecto conta coa axuda da Xunta de Galicia.
  • Substitución do céspede artificial no campo de fútbol de Pontellas: O Concello realizará a substitución do tapete de herba natural por céspede artificial, cun investimento de 279.074,32 euros que inclúe obras complementarias para garantir a correcta instalación.
  • Instalación de pista deportiva no parque infantil do entorno do Campo da Feira: Segundo o informe do enxeñeiro municipal, esta actuación consistirá na instalación dunha pista deportiva, xogos biosaudables e mobiliario urbano necesario, cun custo valorado en 58.395,63 euros.

O Alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “estas actuacións reflicten o compromiso do Goberno local coa mellora continua dos servizos e infraestruturas do Porriño e das súas parroquias, contando coa colaboración institucional para optimizar os recursos e dar resposta ás necesidades da veciñanza. Queda moito por facer e seguiremos traballando para atender a moitas máis necesidades e demandas Energie”.

O Pleno tamén acorda recorrer os custos do encoro de Eiras fixados por Vigo

Outro dos puntos clave da sesión foi a aprobación por unanimidade da interposición dun recurso contencioso-administrativo contra o acordo plenario do Concello de Vigo do 29 de marzo de 2023, que modifica unilateralmente os termos da participación do Porriño nos custos de mantemento do embalse de Eiras, establecidos nun acordo de 1998.

Segundo o informe xurídico municipal, esta modificación podería supoñer un prexuízo económico para os intereses do Porriño, polo que o Pleno acordou:

  1. Interpoñer o recurso contencioso-administrativo.
  2. Facultar á Alcaldía para realizar os trámites necesarios para a execución deste acordo.

Outros asuntos

O Pleno tamén aprobou a determinación dos festivos locais para o ano 2026 e a inclusión dun novo vial no inventario municipal, entre outros puntos de trámite.

O Porriño celebrou o Día do Porriño Orgulloso 2025 por todo o alto e con ampla programación no Paseo do Louro

 

  • Gala Drag Queen ás 20:00 horas e concerto de Baiuca ás 23:00, grandes momentos da festa

O Porriño, 29 de xuño de 2025. – Hoxe o Concello do Porriño converteuse nun espazo de celebración, diversidade e inclusión coa celebración do Día do Porriño Orgulloso 2025, que se desenvolveu no Paseo do Louro coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTBI+.

A xornada comezou ás 16:00 horas e prolongouse ata as 2:00 da madrugada, cun programa pensado para todos os públicos. De 16:30 a 19:30, as nenas e nenos desfrutaron de inchables de auga e de salto para pasalo en grande. Ademais, o Mago Marco ofreceu espectáculos e maxia a partir das 18:00 horas, sorprendendo aos máis pequenos e a toda a familia ao longo do día. Entre as 18:00 e as 20:00 horas, houbo obradoiros de tatuaxes temporais e pintacaras para todas as idades, unha proposta creativa para animar a tarde.

A música en directo protagonizou o escenario principal, onde actuaron Acoustic Mode (17:00), Iker Faure’s Band (19:00) e Orballo Cultural (21:00). Ás 23:00 horas tivo lugar o gran concerto de Baiuca, unha das estrelas galegas con maior proxección internacional, que ofreceu un espectáculo audiovisual único e impactante.

Un dos momentos máis agardados foi a Gala Drag Queen do Porriño Orgulloso, que comezou ás 20:00 horas, conducida por Marlen Soto e Khrystal De Luxe, coa actuación estelar de Marisa Prisa, unha das figuras máis recoñecidas do panorama drag estatal.

A celebración estivo acompañada de foodtrucks, postos de segunda man, a presenza de protectoras de animais e actividades familiares, facendo do evento un espazo de encontro e visibilidade para toda a veciñanza e visitantes.

“O Porriño é un concello que se caracteriza pola súa apertura e diversidade, comprometido firmemente coa igualdade real e efectiva. Facemos un chamamento a toda a veciñanza para que se una e participe activamente nesta celebración tan significativa”, declarou o alcalde, Alejandro Lorenzo.