- Estas subvencións, ao abeiro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, permitirán modernizar e diversificar os distintos negocios
- Os proxectos deberán contar cun orzamento mínimo de 20.000 euros e máximo de 300.000 euros
O Porriño, 6 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño informa dunha nova convocatoria de axudas destinadas á adquisición de maquinaria e equipamentos para mellorar, ampliar ou modernizar pequenas empresas do rural, co obxectivo de impulsar a diversificación da actividade económica fóra do ámbito agrario. Esta liña de subvencións está orientada a proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas e permite financiar bens de equipo novos necesarios para a produción ou prestación de servizos, cunha intensidade de axuda de ata o 50 % dos gastos subvencionables.
Os proxectos deberán cumprir algúns requisitos básicos: a empresa debe estar constituída antes do 1 de setembro de 2025, os investimentos non poden estar iniciados na data de presentación da solicitude, deben desenvolverse no territorio de Galicia, agás nas parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas, e o orzamento debe estar comprendido entre 20.000 € e 300.000 €, mentres que no caso de transformación e comercialización de produtos agrícolas ou artesanía, a contía será de entre 20.000 € e 100.000 €. Poderán beneficiarse destas subvencións pequenas empresas, persoas físicas traballadoras autónomas e titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que desenvolvan actividades produtivas non agrarias en zonas rurais galegas.
No caso do Porriño, a convocatoria abrangue todo o termo municipal, non só determinadas parroquias, polo que todos os negocios locais teñen a oportunidade de acceder a estas axudas. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta liña de apoio ao tecido produtivo local: “Falamos dunhas axudas moi importantes para que as pequenas empresas e os autónomos do Porriño poidan investir, modernizarse e gañar competitividade. Son iniciativas que xeran actividade económica, emprego e que axudan a fixar poboación, algo fundamental para o futuro do noso concello.”
O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 19 de febreiro de 2026, mentres que a execución e xustificación dos investimentos deberá realizarse antes do 15 de outubro de 2026.
A convocatoria está promovida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.
Desde o Concello do Porriño anímase ás persoas e empresas interesadas a informarse sobre esta convocatoria e a valorar a presentación de proxectos que contribúan ao desenvolvemento económico do rural.

