Este venres, ás 18:30 h, terá lugar na Biblioteca Municipal unha nova sesión de animación á lectura a cargo de Paula Carballeira, baixo o título “Un mes. Catro lúas. Unha sesión de contos”.

Trátase dunha actividade organizada pola Biblioteca Municipal, programada ao longo de varios meses (os primeiros venres des de xaneiro ata maio) coa intención de animar a ler empregando os contos como ferramenta.

Non hai mellor para os contos que unha biblioteca. Nela, quedan ao abeiro dos libros, quentes e protexidos.

Paula dedícase a contar. Vai polo mundo recollendo contos. Trae os contos que foi atopando, e vainos contando. Así, cada catro lúas, chegará ao Porriño con contos novos. En xaneiro, contos de inverno. En febreiro, contos de bromas, de disfraces, de Entroido. En marzo, contos de primavera, de poesía, de maxia. En abril, contos deses que inventaba H.C. Andersen en Dinamarca. E en maio, contos de aquí, letras que coñecemos lugares misteriosos dos que non sabemos.

Así, os contos que trae van con quen os escoita, facer a súa vida, e as palabras quedan na biblioteca, invisibles, esperando que alguén abra a boca para meterse nela e saír en canto poidan. E todo porque a biblioteca quere palabras que contan historias.