O Porriño é un dos dezaoito concellos da provincia de Pontevedra e preto de 40 de Galicia que se atopan no nivel 3 ou alerta vermella por número de infectados por Covid en relación a súa poboación. Por cuarto día consecutivo, O Porriño aparece no mapa de alertas do coronavirus que publica o Servizo Galego de Saúde na súa páxina web.


O Sergas informa dos datos actualizados ata as 18 horas do día anterior, neste caso ata onte martes 27. Sen detallar cantos infectados hai, o Sergas atribúe ao Porriño alerta vermella por máis de 21 casos diagnosticados nos últimos sete días.


En consecuencia, o goberno municipal mantén as restricións acordadas dende o pasado xoves 22. Lembramos:
– Suspensión do mercado ambulante dos martes
– Precinto dos parques infantís
– Circuítos de entrada e saída na Praza de Abastos.
– Suspensión de actividades culturais tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
– Peche da Sala de Estudo Municipal
– Competicións deportivas federadas sen público en recintos pechados e ao aire libre.

Tamén como consecuencia dos protocolos, o pleno ordinario da Corporación Municipal celebrarase esta tarde en en sesión telemática, a partir das 18 horas.