Ao longo dos matinais do Festival de Cans, preto de 250 estudantes dos colexios do Porriño pasarán pola sección “Cans do futuro”, que ten como obxectivo achegar aos máis novos ao cinema e coñecer máis de cerca o Festival e a aldea de Cans.
 
Esta actividade vai destinada a estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria. No día da visita, os/as participantes se dividen en dous grupos para que a actividade sexa máis participativa. Mentres un grupo fai unha visita guiada polos lugares máis emblemáticos do Festival, o outro visionará unha serie de pezas audiovisuais no Baixo de Bugarín, onde participarán nun pequeno coloquio didáctico baixo o título “Oficios Invisibles” con algunha das cineastas invitadas.
 
Ademais, no tempo de descanso, a cativada pode facer a xa clásica foto de recordo das visitas a Cans enriba do chimpín que se aparca xunto ao Can de Pedra.
 
Esta mañá os/as alumnos/as do CEIP Antonio Palacios, CEIP Budiño e CEIP Atios, estiveron falando con Analía G. Alonso, productora, e con Olalla Sánchez, script de series de ficción. Mañá xoves, o turno é para os/as estudantes do CPR Hermanos Quiroga e CEIP da Ribeira. E o venres os/as cativos/as do CEIP Xosé Fernández López e CPR Santo Tomás, debaterán con Noemi Chantada, directora de casting, directora de fotografía e cámara, guionista, productora e directora.
 
“Paréceme importantísimo achegar o audiovisual aos máis pequenos/as para deixar a semente que logo se recolle”, declara Olalla Sánchez despois dun dos encontros coa rapazada porriñesa.