As Festas do Cristo do Porriño van ser este ano máis inclusivas que nunca. Ademais das accións xa anunciadas, coma o pregón en lingua de signos, súmanse unhas mochilas vibratorias para persoas con discapacidade auditiva, prestadas polo Concello de Nigrán.
Estas mochilas permitirán sentir o ritmo da música no Louro Valley deste sábado e da orquesta Panorama o vindeiro luns. As mochilas incorporan unha tecnoloxía que recibe o son e o transforma en vibración. Incorporan, ademais, un equipo de FM por lazo inductivo que deriva o son sen interferencias aos dispositivos auditivos (audífonos ou implantes cocleares con función T) das persoas que as portan.
As persoas interesadas, deberán socilitalas por Rexistro Xeral do Concello desde hoxe ata o venres día 20 ás 13 horas. De todos xeitos, na entrada do recinto dos concertos na rúa Progreso, poderán tamén solicitarse sempre que haxa unidades dispoñibles.
“Chegar ao maior número de colectivos en todas as actividades a realizar nestas festas é un dos obxectivos dos que nos sentimos máis satisfeitos”, sinala Teresa Veloso, concelleira de Política Social.
Alejandro Lorenzo, alcalde, incide en que “pretendemos levar as Festas do Porriño a todos e todas. Este é un paso máis e esperamos que este ano máis xente poida vivir as nosas Festas con máis plenitude”.
Outras medidas para unhas Festas do Cristo inclusivas
Como xa anunciara o Concello do Porriño, as persoas con diversidade funcional contarán cun espazo reservado en todos os eventos e concertos, así como acceso independente ás atraccións. No recinto das atraccións, haberá cada tarde 2 horas sen ruido, de 17:30 a 19:30 horas.
O pregón, o vindeiro sábado, será intrepretado en lingua de signos.
Ademais, serán unhas festas sen pirotecnia e con límite detallado de decibelios.