• O Concello declara dous días de loito en memoria da vítima

O Porriño, 29 de xullo de 2025.– O Concello do Porriño gardou esta tarde, ás 20:00 horas, un minuto de silencio na Praza do Concello en memoria da traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que foi presuntamente asasinada esta mañá na parroquia de Atios, mentres realizaba o seu labor profesional.

Os feitos ocorreron arredor das 9:00 horas, cando a muller se atopaba atendendo unha usuaria do servizo. Segundo as primeiras informacións, foi asasinada presuntamente polo marido desta.

O minuto de silencio desenvolveuse en colaboración co Concello de Mos, xa que a vítima era natural dese municipio e veciña do noso. Ambas institucións, xunto con representantes das forzas e corpos de seguridade, da Policía Local, da Garda Civil, da Subdelegadación do Goberno e da Consellería de Política Social e Igualdade, unímonos neste xesto conxunto de dor, solidariedade e condena, acompañando a familia, amizades e persoas achegadas nun momento de enorme impacto emocional para a comarca.

Numerosos veciños e veciñas e representantes institucionais participaron no acto, no que se gardou un minuto de silencio como mostra de respecto, apoio á familia e rexeitamento rotundo ante calquera forma de violencia.

Desde ambos concellos expresouse tamén o pesar institucional e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, afirmou: “Condenamos con toda firmeza todo tipo de violencia, porque non ten cabida na nosa sociedade. Queremos transmitir todo o noso cariño á familia nestes momentos tan duros. O que hoxe vivimos é profundamente inxusto e doloroso. É unha perda irreparable para a súa familia e para toda a comunidade. Por iso, desde o Concello decretamos dous días de loito oficial, durante os cales as bandeiras dos edificios municipais ondearán a media asta e suspenderanse os actos de carácter festivo.”

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez, estivo presente no acto e expresou: “Quero amosar a nosa máis firme condena e trasladar as nosas condolencias en nome de toda a Xunta de Galicia, de todo o Goberno galego e do presidente da Xunta á familia da vítima. Desde a Consellería de Política Social e Igualdade puxemos xa todos os mecanismos sociais e psicolóxicos a disposición da familia, así como os recursos sociais necesarios para atender á muller dependente á que a vítima coidaba, garantindo a continuidade da súa atención.”

Ademais, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou a dimensión humana da perda para o seu municipio: “A vítima era veciña nosa, de Mos, unha muller traballadora e entregada ao coidado dos demais. A súa morte conmociona a toda a nosa comunidade. Como alcaldesa, e como muller, quero expresar o noso profundo pesar e a nosa solidariedade coa súa familia. Hoxe Mos está de loito, xunto co Porriño, porque esta perda é de todas e todos nós.”

Con este acto simbólico, O Porriño e Mos queremos manter viva a memoria da vítima e alzar a voz de forma unida contra a violencia.