Porrrigalia 2017 rematou este domingo con varios dos eventos máis agardados destes días de festa: a final dos Xogos, que este ano consistiron en Tiro de Corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en Raia, Canasta, Tiro, Esquis Comunitarios e Tiratacos; o Desfile das comparsas, e o espectáculo de luz e fume de Troula Animación.
As finais dos xogos desta edición de Porrigalia estiveron moi disputados e houbo que agardar seica ata as últimos intres das distintas probas para coñecer aos gañadores, que recibiron os seus trofeos e medallas de man da alcaldesa, Eva García de la Torre.
Se os xogos levaron a emoción as gradas do ‘circo’, instalado na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, o desfile dos romanos, galos, exipcios, vikingos, celtas, castrexos e gregos, estivo aínda máis discutido, posto que todos eles amosaron a súa imaxinación, a súa arte, a súa orixinalidade e a súa forza.
O agardado desfile da Garda Pretoriana, xusto antes do apagado do Pebeteiro, co que se remataba o Porrigalia 2017, foi un dos espectáculos máis aplaudidos destes días xunto co impresionante montaxe de ‘Troula Animación’.
Orcos, trolls e animalias… seres saídos da máis profunda escuridade dos tempos, envolveron aos asistentes no seu delirio de bengalas, instrumentos de percusión, fume, iluminación, levando aos presentes a unha peregrinación eterna, sorprendente e fantástica polas rúas do Porriño.
A noite dixo adeus ao son de ‘Pa ti na ma’, coas mellores versións de flamenco, para despedir esta edición de Porrigalia que viuse completa coa Animación na rúa, a cargo da Asociación Cultural Os Zoqueiros do Porriño, a Charanga Os Imperiais a Asociación Cultural San Xurxo de Mosende e Os Festicultores.
Ademais, os miles de asistentes tiveron a oportunidade de coñecer a arte dos Oficios Tradicionais, da Loita Romana, do rock dos galegos de Astarot ou comprobar que Obús segue soando como hai tres décadas.